Charles Dias de Oliveira, nado en Belém, Pará, o 4 de abril de 1984, é un exfutbolista brasileiro, que xogaba de dianteiro. Desenvolveu case toda a súa carreira deportiva no fútbol español e é o máximo goleador histórico do Pontevedra CF, no que militou durante nove tempadas.

Comezou a súa carreira futbolística en 2002 no Feirense portugués, co que conseguiu ascender á Segunda Liga. En 2004 fichou polo Pontevedra, da Segunda División, onde militou durante seis campañas, antes de pasar polo Córdoba e o Almería, logrando neste último o Trofeo Pichichi da Segunda División, despois de ter marcado 27 goles na tempada 2012/13. Entre 2013 e 2020 xogou na Primeira División, no Celta de Vigo, Málaga e Eibar, anotando 57 goles na categoría. A continuación, e despois de rexeitar ofertas de clubs de categorías superiores, regresou ao Pontevedra, na Segunda División B, onde superou a Pablo Couto como o máximo goleador da historia do club, elevando a marca ata os 97 goles. Retirouse en 2023, aos 39 anos de idade e despois de ter marcado un total de 195 goles nos seus 21 anos como futbolista.

Curmán de Yuri, máximo goleador histórico da Ponferradina, e do tamén futbolista Igor de Souza, coincidiu con eles na súa primeira etapa no Pontevedra, formando un prolífico tridente ofensivo que marcou máis dun cento de goles en dúas tempadas.

Traxectoria

Inicios (1984-2004) Comezou a súa carreira deportiva nas categorías inferiores do Santos e do Tuna Luso Brasileira. En 2001 fichou polo Clube Desportivo Feirense de Portugal, onde xogou tres anos, acadando o Campeonato Nacional da 2ª Divisão e o ascenso á Segunda Liga. Na tempada 2003/04 xogou 30 partidos e marcou 3 goles na segunda categoría do fútbol portugués.

1ª etapa no Pontevedra FC (2004-2010) No verán de 2004 fichou polo Pontevedra CF, que acababa de ascender á Segunda División. Debutou o 28 de agosto fronte ao Polideportivo Ejido, substituíndo no minuto 75 a Manuel Canabal, e catro minutos despois foi expulsado. Disputou 33 partidos nesa tempada, metendo 6 goles. Nas dúas seguintes tempadas, xa en Segunda B, converteuse nun dos piares do equipo xunto cos seus curmáns Yuri e Igor de Souza, formando un histórico tridente ofensivo que marcou 105 goles en dous anos, acadando o campionato de Liga e a Copa Federación, na que Charles foi o máximo anotador, con 8 goles. Xogou un total de seis tempadas no club granate, sumando 210 partidos oficiais e 67 goles.

Córdoba CF (2010-2012) En xullo de 2010 fichou polo Córdoba Club de Fútbol, metendo na tempada 2010/11 15 goles na Liga Adelante. Na súa segunda tempada en Córdoba marcou sete goles e xogou a promoción de ascenso a Primeira división, onde o equipo foi derrotado polo Real Valladolid.

UD Almería (2012-2013) No verán de 2012 fichou pola UD Almería, coa que acadou o ascenso a primeira división esa mesma tempada, converténdose no máximo goleador da Liga Adelante con 27 goles na fase regular, ademais doutros cinco na fase de ascenso. Foi recoñecido ese ano co Premio LFP ao mellor dianteiro da categoría.

Celta de Vigo (2013-2015) En xuño de 2013 foi traspasado ao Celta de Vigo por un millón de euros."Charles deixa o Almería para fichar polo Celta" , artigo na web da CRTVG, 24 de xuño de 2013. No seu debut en Primeira División marcou un dos goles do seu equipo no empate a dous goles ante o Español. O 16 de setembro converteuse no autor do primeiro gol na historia do novo estadio de San Mamés, aínda que finalmente o Celta perdeu ese partido fronte ao Athletic por 3-2. Rematou a tempada anotando dous goles no Santiago Bernabéu, na vitoria por 0-2 do Celta sobre o Real Madrid, sumando un total de 12 goles. Na súa segunda tempada no equipo vigués tivo menos minutos debido a que o adestrador Eduardo Berizzo apostou por Joaquín Larrivey como dianteiro titular. Marcou catro goles esa tempada, destacando o que conseguiu no estadio de Riazor no derbi fronte ao Deportivo da Coruña (0-2).

Málaga CF (2015-2017) En xuño de 2015 foi traspasado ao Málaga CF nunha operación pechada por unha cifra en torno aos 500.000 euros máis variábeis en función de obxectivos. Alí reencontrouse co seu adestrador no Pontevedra e no Almería: Javi Gracia. O 3 de outubro asinou un hat-trick ante a Real Sociedad, logrando así os seus primeiros tantos co equipo malacitano. ​Acabou a campaña como máximo goleador do club, con doce tantos. Na súa segunda temporada sufriu varias lesións que o mantiveron de baixa varios meses, marcando só 3 goles durante toda a campaña.

SD Eibar (2017-2020) O 4 de xullo de 2017 pechouse a súa incorporación á Sociedad Deportiva Eibar. O 20 de agosto, no seu debut no equipo armeiro, deulle a vitoria ao equipo na Rosaleda ante o Málaga. ​Finalizou a campaña como máximo goleador do equipo, igualado con Kike García, con oito goles.​ O 31 de agosto de 2018 deulle o triunfo ao club eibarrés, cun remate de cabeza, no derbi guipuscoano ante a Real Sociedad.​ En decembro iniciou unha espectacular racha goleadora ao conseguir nove tantos (incluíndo tres partidos con dous goles) en oito xornadas, que o situaron como un dos máximos goleadores da liga.​ Rematou a tempada con 14 goles en liga e un na Copa do Rei, mentres que na tempada 2019/20 anotou seis en liga e tres en Copa. Nas súas tres tempadas en Éibar xogou un total de 100 partidos oficiais e marcou 32 goles.

2ª etapa no Pontevedra CF (2020-actualidade) A finais de xullo de 2020, tras non renovar contrato co Éibar, regresou ao Pontevedra, en Segunda B, rexeitando ofertas de categorías superiores e doutros países, para xogar no equipo no que debutara como profesional 16 anos antes. Na súa segunda etapa no Pontevedra aumentou a súa cifra de goles ata os 91 tantos, superando a Pablo Couto como o máximo goleador histórico do club. Na tempada 2021/22 contribuíu con 19 goles, a cifra máis alta dos cinco grupos da Segunda División RFEF, categoría da que se proclamou campión, logrando así o ascenso á Primeira División RFEF.

Palmarés Feirense

Segunda Divisão (1): 2002/03.

Pontevedra

Segunda División RFEF (2): 2006/07, 2021/22. Copa Federación (1): 2006/07.

Individual

Trofeo Pichichi de Segunda División (1): 2012/13.

Estatísticas

ClubTempadaLigaCopaOutrosInclúe partidos de promoción de ascenso a Primeira, a Segunda e Copa Federación.TotalDivisiónPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesFeirense2001–02Segunda Divisão83––––832002–03125––––1252003–04Segunda Liga30321––324Total club501221005213Pontevedra2004–05Segunda División33621––3572005–06Segunda División B3613102039132006–073391016950182007–0816420312152008–0926900102792009–10351500303815Total1795661251021067Córdoba2010–11Segunda División361530––39152011–123073120358Total club662261207423Almería2012–13Segunda División402730454732Celta de Vigo2013–14Primeira División301210––31122014–1528331––314Total club581541006216Málaga2015–16Primeira División351100––35112016–1721300––213Total club561400005614Eibar2017–18Primeira División30810––3182018–19341421––36152019–2030633––339Total club9428640010032Pontevedra2020–21Segunda División B / 2º RFEF21520––2352021–223119––––31192022–23Primeira División RFEF35620––356Total873040008930Total Pontevedra26686101251029997Total carreira5891772882710643195

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en futbolme.com .

Categoría:Nados en 1984 Categoría:Nados en Belém Categoría:Futbolistas do Brasil Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do CD Feirense Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Xogadores do Córdoba CF Categoría:Xogadores da UD Almería Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Málaga CF Categoría:Xogadores do SD Eibar