Juno (acrónimo de Jupiter Near-polar Orbiter) é unha sonda espacial da NASA pertencente ó programa New Frontiers e lanzada o 5 de agosto de 2011 mediante un foguete Atlas V desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral. Chegou ó planeta Xúpiter o día 5 de xullo de 2016, sendo confirmado o seu ingreso a salvo á órbita do planeta ás 03:53 UTC. A duración útil da misión será dun ano terrestre. A misión terá unha duración total de seis anos.
Características Juno é unha sonda espacial lanzada cara Xúpiter, onde se inseriu nunha órbita polar desde a que facer as súas observacións. A misión principal de Juno é estudar a formación e orixe da atmosfera do planeta e o fenómeno da migración planetaria mediante a medición das abundancias de osíxeno e nitróxeno, estudar as variacións na atmosfera profunda de Xúpiter no relativo á meteoroloxía, composición e temperatura, observar a estrutura fina do campo magnético xoviano, medir o campo gravitacional e a distribución de masas no interior do planeta e estudar a súa magnetosfera e as súas auroras. A sonda leva oito instrumentos a bordo para cumprir estes obxectivos. É a segunda misión do programa New Frontiers.
O corpo da nave é un cilindro hexagonal de 3,5 m de diámetro e 3,5 m de alto do que sobresaen tres paneis solares de lados alternos do hexágono e proporcionando un diámetro total para a sonda de 20 metros. Nun dos lados do cilindro se atopa a antena de alta ganancia. No interior van montados varios intsrumentos, o propelente e unha caixa blindada de titanio de 0,8 x 0,8 x 0,6 metros resistente á radiación do contorno de Xúpiter coa aviónica e os sistemas críticos dentro dela. A caixa ten unha masa de 150 kg, cun espesor dun centímetro nas súas paredes. A alimentación eléctrica é proporcionada por tres paneis solares con células de arseniuro de galio. Dous dos paneis solares están formados por catro segmentos, mentres que o terceiro está formado por tres segmentos, ocupando o lugar do cuarto unha estrutura con instrumentación científica. Os paneis xeran 18 kW de potencia na órbita terrestre e 400 W na órbita de Xúpiter.
Instrumentos Juno leva os seguintes instrumentos a bordo:
Experimento de Distribución Auroral Xoviano (JADE) Instrumento Detector de Partículas Enerxéticas en Xúpiter (JEDI) Espectrógrafo Ultravioleta (UVS) JunoCam Cartografiador Auroral Xoviano no Infravermello (JIRAM) Instrumento de Ondas de Plasma (Waves) Radiómetro de Microondas (MWR) Magnetómetro de Porta de Fluxo (FGM) Compás Estelar Avanzado (ASC) Magnetómetro Escalar de Helio (SHM) Experimento de Gravidade.
Perfil da misión Juno foi lanzado desde Cabo Cañaveral o 5 de agosto de 2011 ás 16:25 GMT (12:25 EDT) a unha órbita heliocéntrica. Para alcanzar Xúpiter necesitou facer unha asistencia gravitacional coa Terra, á que sobrevoou en setembro de 2013. Juno entrou en órbita de Xúpiter o 5 de xullo de 2016.
Un dos feitos a vixiar é a tormenta xigante xirando preto da Gran Mancha Vermella, no hemisferio sur do planeta, dun diámetro duns 8000 km.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina de Juno na NASA
Categoría:Sondas espaciais