Enrique "Quique" Fornos Domínguez, nado nas Pontes o 1 de xaneiro de 1997, é un futbolista galego. Xoga de central na Cultural Leonesa, da Primeira División RFEF.
Traxectoria Comezou nas categorías inferiores do CD As Pontes, ata que en 2010 foi fichado polo Deportivo da Coruña para a súa canteira. Tras avanzar nos equipos cadete e xuvenil branquiazuis, debutou co Fabril na Terceira División o 1 de setembro de 2013, xogando como titular na vitoria ante o Cultural Areas no Mundo do Fútbol (2–1), na primeira xornada do campionato.
Só uns días despois, o 11 de setembro, con tan só 16 anos, debutou da man de Fernando Vázquez co primeiro equipo do Deportivo da Coruña, nun partido de Copa do Rei contra o Córdoba CF (1–1) no que tras unha prórroga os coruñeses lograron o pase á seguinte rolda nunha quenda de penaltis na que se lanzaron 28 penaltis (12–13). Durante as seguintes tres tempadas compaxinou partidos no equipo xuvenil con partidos no Fabril, subindo definitivamente ao filial na tempada 2016/17, ao remate da cal o equipo logrou o ascenso a Segunda B. Militou dous anos máis no Fabril, xogando no primeiro deles unha fase de ascenso a Segunda e vivindo tamén un descenso ao ano seguinte.
O 15 de abril de 2019, logo de confirmarse o descenso matemático do Fabril a Terceira División, rescindiu o seu contrato para incorporarse de inmediato á disciplina do Racing de Ferrol, en Terceira. Co equipo ferrolán xogou os últimos partidos da tempada, acadando o primeiro posto do grupo e conseguindo o ascenso a Segunda B tras vencer na promoción ao Real Jaén.
Militou os dous seguintes anos na Segunda B e a continuación outros dous na nova Primeira División RFEF. Na tempada 2022/23 proclamouse campión da categoría, contribuíndo con 18 partidos e un gol ante o Linares Deportivo, e conseguiu así un ascenso a Segunda que o Racing non lograra dende facía unha década e media. Con todo, tralo ascenso o club comunicoulle de xeito inesperado que non contaban con el para a vindeira tempada, a pesar de ter un ano máis de contrato.
En xullo de 2023 foi presentado como novo xogador da Cultural Leonesa.
Selección galega dereita|miniatura|Quique Fornos coa selección galega (2024). Foi convocado pola selección galega para o partido contra Panamá disputado no Estadio de Balaídos o 31 de maio de 2024, que finalizou con derrota (0–2).
Palmarés Fabril Terceira División (1): 2016/17.
Racing de Ferrol Primeira División RFEF (1): 2022/23.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en lapreferente.com
Categoría:Nados en 1997 Categoría:Nados nas Pontes de García Rodríguez Categoría:Futbolistas das Pontes de García Rodríguez Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do CD As Pontes Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores da Cultural Leonesa Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Galicia Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol internacionais coa selección de fútbol de Galicia