San Pedro de Bordóns é unha parroquia que se localiza no concello pontevedrés de Sanxenxo. Segundo datos do IGE, tiña 610 habitantes no ano 2025, dos que 313 eran mulleres e 297 homes, o que representa un leve aumento respecto ó ano 2016, cando tiña 602 veciños, e un leve descenso respecto a 2009, cando eran 619.

A poboación distribúese en 8 entidades.

Xeografía A superficie da parroquia é de tan só 2,5 km2, o que a converte na segunda máis pequena do concello após a parroquia de Arra.

Limita ó norte co concello de Meaño, ó leste coa parroquia de Dorrón, ó oeste coa de Padriñán e ó sur coa ría de Pontevedra, á que se abren dúas praias, a de Nanín e a de Areas, esta última co distintivo da Bandeira Azul.

Patrimonio A igrexa parroquial, localizada no lugar da Lamela, conta cunha soa nave rectangular, dividida en tres tramos. O primeiro está composto por tres arcos de medio punto, que forman bóveda de canón con contrafortes no exterior. Os outros dous tramos son de planta rectangular e de maior anchura.

No exterior destaca a fachada principal, cunha espadana de dúas campás e varios pináculos de ornamentación, que se repiten en tódalas esquinas do templo.

No contorno da igrexa destaca a entrada do camposanto, na que se conservan dous linteis dun baldaquino. Un deles representa o enterro de Cristo, que aparece tendido sobre o arco axudado por dous santos no extremo do sudario mentres San Xoán lle colle a man esquerda. Detrás aparece a Virxe chorando.

No outro frontal aparece San Sebastián asaeteado por dous saiónsVerdugos que executaban os condenados. sobre fondo de seis frechas en forma de auréola.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de Bordóns

Parroquias de Sanxenxo

Notas

Véxase tamén Bibliografía FILGUEIRA VALVERDE, Xosé; RAMÓN E FERNÁNDEZ-OXEA, Xosé: Baldaquinos gallegos, Fundación Barrié de la Maza, A Coruña 1987.

Ligazóns externas Páxina web do concello de Sanxenxo Ficha Turismo.gal

Outros artigos Lugares de Sanxenxo

Categoría:Parroquias de Sanxenxo Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Pedro