A República Soviética Húngara foi un efémero réxime de ditadura do proletariado en Hungría, instaurado pola unión do Partido Socialdemócrata e o Partido Comunista na primavera de 1919, ante a grave crise interna no país. Iniciouse o e terminou o 1 de agosto do mesmo ano. Incapaz de alcanzar un acordo coa Entente que mantiña o seu bloqueo económico, acosada polos países veciños por disputas territoriais e embarcada nun profundo cambio social interno, a república fracasou nos seus obxectivos e quedou abolida a comezos de agosto.
A presentación da nota Vyx tivo como consecuencia a caída do Goberno de Károlyi, para entón sen apoio significativo, e a proclamación da república soviética ao día seguinte, o 21 de marzo de 1919. A súa principal figura foi o comunista Béla Kun, malia que a maioría do novo Goberno era socialista. Aparentemente democrático, o novo sistema concentraba en realidade o poder no novo Consello de Goberno, que o exerceu de xeito autoritario en nome, presuntamente, da clase traballadora.
O novo réxime non conseguiu chegar a un acordo coa Entente que supuxese o levantamento do bloqueo económico, a mellora do trazado das novas fronteiras ou o recoñecemento do novo Goberno polas potencias vencedoras da guerra mundial. Reorganizouse o Exército e tratouse de recuperar os territorios perdidos a mans dos países veciños, obxectivo que suscitou amplo apoio en todas as clases sociais, non só nas máis favorables ao novo réxime. Pola súa banda, os países veciños utilizaron a loita contra o comunismo, primeiro contra o Goberno de Károlyi e máis tarde contra a república soviética, como xustificación das súas ambicións expansionistas. Ao comezo e apoiados por razóns patrióticas por oficiais conservadores, as forzas da república avanzaron contra os checoslovacos en Eslovaquia, tras sufrir unha derrota no leste a mans do Exército romanés a finais de abril, que levou a este ás beiras do Tisza. A mediados de xuño proclamouse unha República Soviética Eslovaca, que durou dúas semanas, ata o repregue húngaro por esixencia da Entente. O 20 de xullo a república lanzou un novo ataque contra as posicións romanesas. Tras uns días de avance, os romaneses lograron deter a ofensiva, romper a fronte e alcanzar a capital húngara, poucos días despois do fin da república soviética, abolida o 2 de agosto.
Os dirixentes húngaros aplicaron medidas doutrinarias tanto en política exterior coma interior que lles fixeron perder o favor da maioría da poboación. O intento do novo Goberno de cambiar profundamente o modo de vida e o sistema de valores da poboación resultou un rotundo fracaso. O empeño por converter a feudal Hungría nunha utopía marxista resultou infrutuoso por unha mestura de falta de tempo, de persoal experimentado na Administración e de organización, así como de inxenuidade gobernamental, tanto política coma económica, nalgunhas das súas medidas. O Goberno fracasou nos seus intentos de lograr o apoio do campesiñado e de manter a produción agrícola e abastecer as cidades, en parte pola súa propia ineptitude e en parte pola situación que impedía solucións rápidas. Trala retirada de Eslovaquia, ordenou a aplicación dalgunhas medidas coas que tratou de recobrar popularidade, con escaso éxito. Rescindiuse a prohibición de venda de bebidas alcohólicas, planeouse a entrega dalgunhas parcelas aos campesiños sen terra e tratouse de mellorar a situación monetaria ou o abastecemento de alimentos. Incapaz de aplicar estas medidas, entre xuño e xullo a república acabou por perder o apoio da maioría da poboación, o que conduciu, xunto ás derrotas militares, á súa caída.
Ao fracaso da reforma interna uniuse o da política exterior: o illamento político e económico da Entente, o fracaso militar ante os países veciños e a imposibilidade de unir forzas coas unidades soviéticas rusas provocaron o afundimento da república soviética. Ao Goberno social-comunista sucedeulle un exclusivamente socialista o 1 de agosto. En grave crise xa en xullo, disolveuse en agosto, e os seus dirixentes fuxiron ao estranxeiro mentres o poder volveu a mans da aristocracia feudal e nacionalista que xa o tivera no século anterior.
Antecedentes Fin do imperio e establecemento da república popular
Escena de Budapest durante a Revolución dos Crisantemos, que impuxo un novo Goberno que pouco despois proclamou a república popular.|miniatura|esquerda Trala derrota do Imperio Austrohúngaro na primeira guerra mundial o movemento revolucionario das masas conformado por obreiros, soldados e campesiños propagouse de tal forma que a policía e algunhas unidades do Exército pasaron a apoialo. O triunfo desta revolución, chamada Revolución dos Crisantemos, trouxo como consecuencia o nomeamento de Mihály Károlyi como primeiro ministro o 31 de outubro co apoio do Consello Nacional, formado polo Partido Socialdemócrata (PSD), o Radical Cívico Nacional e o grupo de Károlyi. Tras insistir reiteradamente, o representante do emperador en Hungría, o arquiduque Xosé, logrou que este accedese a aceptar a proclamación da república, que o Consello Nacional esixía. O novo Goberno non logrou, con todo, resolver os graves problemas do país, entre os que se contaban un crecente desemprego, unha grande inflación e a fame nas cidades, e tampouco se levou a cabo a ansiada reforma agraria. Malia disolver o antigo Parlamento e proclamar o sufraxio universal, non houbo finalmente novas eleccións. Regreso de soldados da fronte. A nova república popular houbo de afrontar a desmobilización de centos de miles de homes en medio dunha grave situación económica.|miniatura O 16 de novembro de 1918 proclamouse a República de Hungría con Károlyi á cabeza como presidente interino. Desbaratada a antiga Administración e desorganizado o Exército, o Consello de Ministros tivo que apoiarse nos sindicatos para evitar que se espallase o caos no país. Ao mesmo tempo tivo que enfrontarse cos diversos consellos que xurdiron, nacionais, de obreiros e soldados ou de campesiños. A mediados de mes logrou restaurar parcialmente a orde mediante a promesa dunha reforma agraria e a desmobilización parcial de máis dun millón de soldados, aínda que tivo que manter a un número notable nas guarnicións urbanas para evitar a súa radicalización –estes soldados carecían de emprego e de sustento fóra das forzas armadas. Enfrontado a graves problemas e antigas reivindicacións populares que non podía satisfacer na situación de crise de posguerra, o Consello de Ministros tivo que soportar as crecentes protestas, atizadas polos comunistas, que denunciaban o mantemento das desigualdades no país e animaban ás masas campesiñas e obreiras a tomar o poder.
Fundación e crecemento do Partido Comunista Húngaro O 24 de novembro de 1918, Béla Kun e os socialdemócratas de esquerda e socialistas revolucionarios fundaron o Partido Comunista de Hungría (PCH) de tendencia marxista-leninista. De pequeno tamaño, o partido agrupaba a esquerda oposta ao Goberno de coalición socioliberal. Insatisfeito cos resultados da primeira revolución, o partido tratou de mobilizar o proletariado húngaro para desencadear unha segunda que sentase as bases dun sistema socialista. O diario principal do PCH era o Vörös Ujság (O diario vermello), que apareceu a comezos de decembro cun chamamento á revolución socialista e rexeitando o establecemento dunha asemblea constituínte e unha democracia burguesa. Ao mesmo tempo, tratou de lograr o apoio das novas unidades militares que o Goberno de Károlyi intentou formar, con escaso éxito ante a apatía de obreiros e campesiños, que vían insuficientes as reformas do Goberno como para tomar de novo as armas. Temendo que unha garda vermella quedase baixo o control do consello de soldados de Budapest, dirixido polos socialistas, o PCH decidiu armar directamente os seus partidarios adquirindo de forma clandestina armamento entregado polas forzas alemás en retirada de acordo ao armisticio de Belgrado. O éxito dos comunistas nos seus intentos por atraer os soldados fixo que en marzo a toma do poder fose practicamente incruenta e a maioría das unidades apoiasen ó novo Goberno. A axitación comunista non se limitou aos soldados, senón que estendeuse aos obreiros, ás minorías e ata ás tropas da Entente.
Para finais de 1918 e comezos de 1919, a efervescencia revolucionaria estaba en aumento e era cada vez maior a influencia do PCH, provocando unha polarización do país. Durante a segunda metade de decembro os socialistas e comunistas comezaron a disputarse o dominio dos sindicatos. O gran número de desempregados, de soldados e suboficiais desmobilizados e o enorme aumento dos traballadores sindicados –medio millón ao longo de 1918– favorecía ós comunistas. En decembro o Goberno tratou en balde de arrebatarlle o control das unidades militares aos consellos militares da capital, que tivera que recoñecer legalmente poucos días antes. Estes estaban dominados polos socialistas próximos a József Pogány. O 12 de decembro unha manifestación de oito mil soldados armados logrou a destitución do ministro de Defensa que ordenara a errada manobra.
Radicalización popular e parálise gobernamental miniatura|Discurso dun orador comunista en Hungría Manifestación en Budapest a finais de 1918. As protestas multiplicáronse na capital, atizadas polo Partido Comunista.|miniatura A crítica situación política e económica do país, sen axuda da Entente, levou a que Károlyi dimitise da Presidencia do Goberno en xaneiro de 1919 e asumise a Presidencia da República. Os sectores máis conservadores do partido de Károlyi e do radical abandonaron o Consello de Ministros e as dúas formacións sufriron escisións. Tras unha grave crise gobernamental a mediados de mes na que parte dos socialistas avogaron por abandonar o Goberno para debilitar as críticas comunistas e as formacións burguesas negáronse a gobernar en solitario, formouse un novo gabinete de coalición con maior número de ministros socialistas. O novo Goberno de Dénes Berinkey, de tendencia socialdemócrata, prometeu reformas, pero isto non satisfixo os soviets; o 13 de decembro, o consello obreiro da capital tratara a reforma agraria, pero o Goberno non alcanzou unha decisión sobre o asunto ata comezos de febreiro e a súa aplicación foi tardía e lenta. A comezos de xaneiro e medorento da influencia dos comunistas, o mando Aliado en Budapest probablemente suxeriu o arresto dos representantes rusos da Cruz Vermella, unha das fontes de financiamento daqueles. No mesmo mes, os obreiros tomaron o control dalgunhas fábricas como reclamaban os comunistas, ante a impotencia do Goberno e os socialistas moderados. No norte, o Goberno esmagou brutalmente a revolta mineira de Salgátarján, clave para o abastecemento de fábricas e ferrocarrís; houbo un centenar de mortos na rebelión atizada polo PCH. A finais de xaneiro, os socialistas, malia as protestas da súa corrente radical, decidiron expulsar os comunistas do consello obreiro da capital e dos sindicatos, aínda que a medida tivo escaso éxito. O Goberno ordenou o rexistro da sede comunista e da súa imprenta, onde requisou exemplares do seu diario.
En febreiro, calculábase que os comunistas contaban xa con entre trinta mil e cincuenta mil afiliados. A súa actividade nos distintos consellos, incluídos os de campesiños, era notable, aínda que a súa influencia no de obreiros da capital, elixido o 2 de novembro, era moito menor debido ao control socialista do organismo. Pola súa banda, os socialistas tiveron que radicalizar as súas posicións para frear o crecemento dos comunistas, que axitaban as tropas esixindo o control do armamento polos consellos ou a mellora das condicións de vida dos soldados. A influencia socialista decaía tamén nos sindicatos. No seu congreso de febreiro, os socialistas aprobaron medidas radicais como a nacionalización dos medios de produción onde fose factible, a introdución de impostos para as clases privilexiadas ou o esmagamento dos focos contrarrevolucionarios.