Reino de Hungría (en húngaro: Magyar Királyság), é o nome que recibiu o Estado húngaro entre 1920 e 1946 ata que, logo da derrota na segunda guerra mundial, transformouse na República Popular de Hungría. Malia ser un reino, non tiña rei, senón un rexente, o antigo almirante austrohúngaro Miklós Horthy. Logo do longo período de rexencia conservadora (1920-1944), o país quedou dominado pola Alemaña nazi en 1944; despois da ocupación militar de marzo, o rexente foi substituído por Ferenc Szálasi, fascista do Partido da Cruz Frechada, en outubro. Expulsadas as forzas alemás polas soviéticas en 1944-1945, o país quedou controlado pola Unión Soviética.

Logo da derrota militar da República Soviética Húngara a finais do verán de 1919, xa que os conservadores eran partidarios de restaurar no trono húngaro ao antigo emperador mentres que o Exército e os radicais de dereita rexeitaban a volta dos Habsburgo, decidiuse a implantación temporal dunha rexencia en marzo de 1920. O réxime do rexente Horthy caracterizouse polo seu carácter conservador, chauvinistamente nacionalista e profundamente anticomunista. A rexencia sostívose sobre unha alianza inestable de conservadores e ultradereitistas. A política exterior caracterizouse polo revisionismo —a revisión total ou parcial dos tratados de paz para obter condicións máis favorables para as partes prexudicadas— e o antibolxevismo —piar do réxime contrarrevolucionario e internamente convertido en antisemitismo e rexeitamento da democracia—. En novembro ratificouse o Tratado de Trianon, imposto polos vencedores da primeira guerra mundial, a pesar do rexeitamento xeral ás duras cláusulas —o país perdía arredor de dous terzos da súa poboación e territorio—. A política de entreguerras en Hungría estivo dominada pola obsesión da clase política polas perdas territoriais sufridas co Tratado de Trianon, que deixaban fóra das novas fronteiras do reino a máis de tres millóns de húngaros, maioritarios nalgúns territorios limítrofes. O revisionismo territorial non só concentrou as enerxías políticas da nación, senón que tamén serviu para xustificar a falta de reformas internas. O fin do período de inestabilidade interna que seguiu á caída da república soviética comezou co nomeamento como presidente do goberno de Bethlen, candidato de consenso entre conservadores e radicais de dereita. Cunha política exterior pacífica e tendo posto fin á inestabilidade interna, logrou o ingreso do país na Sociedade de Nacións en 1922. A estabilidade política acadada permitiulle axiña negociar créditos estranxeiros que melloraron a situación económica. Co apoio de Horthy, o control das eleccións e o dominio do partido gobernamental que tiña asegurado o Goberno, puido gobernar sen oposición durante unha década no cumio dun sistema que non só apoiábase no partido, senón tamén na Administración do Estado, o clero, a banca ou a aristocracia rural. O sistema político era parlamentario, mais non democrático senón autoritario. Estaba dominado pola nobreza latifundista e o funcionariado, frecuentemente tamén de orixe aristocrática. Logo dun curto período expulsados do poder polas revolucións da posguerra, en 1919 retomárono, restaurando o sistema político e social anterior á contenda mundial. Os traballadores urbanos e campesiños, dous terzos da poboación total, carecían de toda influencia no goberno da nación. A neutralización dos socialistas fixo que a radicalización popular a finais da década seguinte se canalizara a través do fascismo.

A Gran Depresión produciu unha gran crise económica e social que puxo en dificultades o modelo político de Bethlen. Nesta situación, o rexente e os principais políticos decidiron chamar a Gyula Gömbös, representante dos radicais e a persoa con máis probabilidades de calmar as masas. Gömbös pouco a pouco foi colocando aos seus partidarios nos postos medios e principais da Administración e o Exército. Unha vez dimitido Bethlen, a figura do rexente adquiriu unha importancia fundamental durante a década de 1930, en especial a partir de 1935. Converteuse no árbitro da política nacional, tanto pola crecente parálise gobernamental debida ao cisma entre conservadores e radicais de dereita, como polo prestixio do que gozaba entre a maioría dos grupos de dereita do país. Horthy tentou gardar o equilibrio entre as dúas correntes da dereita nacional. Nos últimos oito anos da súa rexencia, o poder alemán e a popularidade do Reich entre parte da poboación marcaron intensamente a política nacional e desbarataron todo intento de restaurar o modelo conservador da década de 1920. Alemaña aliviou a crise económica do país desatada durante a Gran Depresión e facilitou a consecución dos seus anhelos de revisión territorial, mais ao prezo de convertelo progresivamente no seu satélite. Os sucesivos Gobernos fracasaron nos seus intentos de limitar a influencia alemá e a dereitización do país, en parte pola súa negativa a renunciar ás súas aspiracións revisionistas, que dependían de Berlín, que favorecía o robustecemento da ultradereita húngara.

Grazas á nova proximidade a Alemaña e Italia, o país recuperou parte dos territorios perdidos en Checoslovaquia na Primeira arbitraxe de Viena en novembro de 1938. Daquela Alemaña xa obtivera un papel fundamental na política húngara. O desexo popular de cambios, a actitude reaccionaria do Goberno, oposto a eles, a impotencia da esquerda e o poderío dos movementos fascistas en Europa favoreceron o crecemento da ultradereita radical como oposición favorable ás reformas. Na Segunda arbitraxe de Viena, organizado por Italia e Alemaña no outono de 1940, Hungría recuperou o norte de Transilvania, cedido forzosamente por Romanía. O país entrou en guerra do lado do Eixe, primeiro contra Iugoslavia e máis tarde contra a URSS (a finais de xuño) e os Aliados occidentais (en decembro). Os intentos de cambiar de bando realizados ao final da contenda fracasaron, tanto polo desexo de manter os territorios recuperados e o anticuado sistema social, como pola reticencia gobernamental a tratar coa Unión Soviética. Para evitar un cambio de bando similar ao italiano, os alemáns invadiron sen oposición o país en marzo de 1944. O novo Consello de Ministros, supervisado por un representante alemán, quedou encargado de reformar o Exército e a economía nacionais en favor do esforzo bélico alemán e de poñer fin ao «problema xudeu». Os alemáns deron un golpe de Estado que acabou coa rexencia de Horthy e entregou o poder a Ferenc Szálasi, caudillo do Partido da Cruz Frechada. Finalmente, os soviéticos lograron expulsar aos alemáns do territorio húngaro, devastado polos combates, o 4 de abril de 1945. Todas as anexións húngaras foron declaradas nulas na posguerra.

Con máis da metade da poboación adicada á agricultura, a distribución da terra seguiu a ser extremadamente desigual. En xeral o campesiño húngaro era moi pobre. Fomentouse a industrialización do país para tratar de reducir a superpoboación rural, mais a industria nunca chegou a crecer o suficiente como para absorber o exceso de poboación do agro. A Gran Depresión golpeou con forza a economía húngara, e en especial a agricultura: os prezos do cereal, exportación crucial para Hungría, afundíronse no mercado mundial. A grave crise económica favoreceu o aumento da influencia das potencias fascistas, Italia e Alemaña, únicos compradores da produción agrícola húngara que deixou de absorber o mercado internacional —e, no caso de Alemaña, receptor de parte dos seus desempregados— e o poder da dereita radical. En 1938, Alemaña controlaba xa algo máis do 50 % das importacións e as exportacións húngaras. O aumento do comercio con Alemaña e o inicio do rearmamento sacaron ao país da depresión económica na segunda metade da década de 1930. As condición de vida e traballo dos obreiros industriais seguiron a ser malas, mais o desenvolvemento de industrias relacionadas co rearmamento eliminaron practicamente o desemprego. Polo que respecta á poboación xudía, en 1930 representaba o 5,1 % do total da nación. Case a metade residía na capital, onde ocupaba un papel primordial na industria, o comercio ou as finanzas. A finais desta década e principios da seguinte, promulgáronse unha serie de importantes leis discriminatorias que limitaron gravemente os seus dereitos e minguaron notablemente a súa situación económica. Durante a segunda guerra mundial, un total de 565 000 xudeus foron asasinados nos territorios controlados por Hungría.

Política Reino sen rei A finais de xullo de 1919, o Exército romanés rompeu as liñas do exército vermello húngaro, que se disolveu. O Goberno soviético entregou o poder a un novo exclusivamente socialista e moderado que non puido impedir a toma da capital. Coa aquiescencia romanesa, o novo Goberno foi substituído pouco despois por outro máis conservador. As forzas do almirante Miklós Horthy, reunidas en Szeged baixo protección francesa, entraron na capital logo da retiradas das tropas romanesas ao seu país a comezos do inverno. Os contrarrevolucionarios anticomunistas e monárquicos estenderon o terror branco, que xa comezara no oeste do país a finais do verán coa caída da república soviética, tentando borrar todo vestixio do breve período comunista. Deste xeito, no país desatouse unha onda de persecucións contra os membros de movementos de esquerda e contra o pobo xudeu. Os grupos paramilitares, con métodos similares ás bandas criminais, adicáronse así mesmo á extorsión, o roubo, as torturas e o asasinato, en ocasións con pretextos políticos. O poder quedou en mans dunha inestable coalición de dereita conservadora e fascista, unha reducida camarilla de aristócratas, funcionarios e militares. O campesiñado, farto das exaccións do Goberno comunista, e as cidades —a excepción dos traballadores industriais—, ao bordo da fame, aceptaron o regreso da oligarquía a cambio da restauración da orde, mesmo a pesar dos desmandos dos paramilitares, que foron diminuíndo ao final do período contrarrevolucionario. En xeral, o país volvérase de dereitas logo dos meses de Gobernos revolucionarios. miniatura|dereita|Xura de Miklós Horthy como rexente o 1 de marzo de 1920, cargo que mantivo ata outubro de 1944. Por presión da Entente, organizáronse novas eleccións cun censo ampliado e, por primeira vez na historia do país, voto feminino e secreto. O resultado das votacións, celebradas en xaneiro de 1920, foi o xurdimento de dous importantes partidos de centrodereita, divididos internamente entre conservadores e radicais de dereita.

En 1920, a primeira lei aprobada aboliu todas as medidas promulgadas polos Gobernos revolucionarios de Mihály Károlyi e Béla Kun. Dado que os conservadores eran partidarios de restaurar no trono húngaro ao antigo emperador Carlos IV de Hungría, mentres que o Exército e os radicais de dereita, aínda que partidarios da monarquía, rexeitaban o regreso dos Habsburgo, decidiuse a implantación temporal dunha rexencia con amplos poderes. A pesar das preferencias dalgúns conservadores, o Exército e os destacamentos paramilitares —que ocuparon a sede do Parlamento durante a votación— impuxeron como rexente ao seu candidato, Horthy, que asumiu o cargo o 1 de marzo. Único rexente do período de entreguerras, mantívose como xefe do Estado ata outubro de 1944.

Contrarrevolución