María Teresa Miras Portugal, nada no Carballiño o 19 de febreiro en 1948 e finada en Madrid o 27 de maio de 2021, foi unha científica galega, catedrática de bioquímica e bioloxía molecular da Universidade Complutense de Madrid (UCM), e presidenta da Real Academia Nacional de Farmacia, sendo a primeira muller en presidir unha Real Academia.

Traxectoria Estudou farmacia, primeiro na Universidade de Santiago de Compostela, para pasar a finalizar estes estudos na Universidade Complutense de Madrid con Premio Extraordinario e Premio Nacional da Licenciatura de Farmacia en 1971. Ademais, dende 1975 é Docteur Sciences pola Universidade de Estrasburgo, obtendo tamén o Doutoramento en Farmacia pola Universidade Complutense de Madrid. Dende 1982 é catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular nas Universidades de Oviedo, Murcia e Complutense de Madrid. Dedicouse á investigación durante máis de 40 anos.

Estaba especializada no estudo dos receptores de nucleótidos e a súa repercusión en doenzas neurodexenerativas, e a súa investigación diríxese fundamentalmente ás neurociencias (funcionamento sináptico, neurotransmisión mediada por nucleótidos, interacción de neurotransmisores etc.).

Publicou máis de 200 artigos de investigación en revistas especializadas, e compaxina o seu labor docente e institucional coa investigación. En 2012, foi nomeada presidenta do Comité de Expertos para o estudo da necesidade de reformas na universidade española. Recoñecementos A Xunta de Galicia concedeulle o Premio María Josefa Wonenburger Planells en 2008. Entre outros moitos premios e recoñecementos ó seu labor investigador e docente, no ano 2011 a Comunidade de Madrid concedeulle o Premio de Investigación Miguel Catalán, por toda a súa traxectoria profesional e, en 2016 recibiu a Medalla Castelao."Medallas Castelao 2016", El Progreso. En 2023 a revista Gciencia considerouna unha das 20 mulleres de ciencia en Galicia que había que coñecer.

Vida persoal Foi filla de Aurelio Miras Azor e irmá de Aurelio Miras Portugal, estaba casada e tiña dous fillos.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Blanco, Isabel (2021). Galegas na ciencia. Editorial Belagua. Ilustracións de María Lapido. ISBN 978-84-12-14336-2.

Categoría:Científicos de Galicia Categoría:Medallas Castelao Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Nados no Carballiño Categoría:Nados en 1948 Categoría:Finados en 2021 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Académicos da Real Academia Nacional de Farmacia