A igrexa de Vallstena (sueco: Vallstena kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Vallstena, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia e arquitectura A parte oeste da nave e a torre son as partes máis antigas desta igrexa asimétrica; estas datan de principios do século XIII. Un novo arco do presbiterio foi construído a mediados do mesmo século, e ao redor de 1300 construíuse o novo coro. A reconstrución da nave tamén comezou nesa época; o plan orixinal parece ser que era substituír toda a nave por unha nova maior, pero por algunha razón a obra detívose. De xeito semellante, as igrexas a medio reconstruír son relativamente comúns en Gotland. A sancristía tamén é dese tempo. O interior da igrexa está decorado con frescos do século XV. A parte máis vella da igrexa, a do oeste, é de estilo románico, mentres que a leste é gótica.
A igrexa e o seu cemiterio están rodeados por unha muralla baixa con tres portas (stiglucka). A máis antiga das tres data do século XIII e amosa algúns detalles esculpidos orixinais.
Mobiliario A pía bautismal é a peza máis antiga da igrexa, datando de mediados do século XIII. O retablo é do século XIV e foi adquirido cando se inaugurou o novo coro. Hai un crucifixo do mesmo século, así como un cofre para donativos ricamente decorado. Tamén dese século son as tumbas que hai a cada lado do altar e que teñen inscricións tanto en latín como en gutnish antigo; estas últimas en runas. Varias estatuas de santos de madeira da igrexa, tamén do XIV, están no presente no Museo de Gotland en Visby.
Galería de imaxes
Notas
Vallstena