Francisco Javier Gómez Noya, coñecido indistintamente como Javier ou XavierO triatleta Javier Gómez Noya fai balance do ano mañá no informativo 'Bos Días' nova na TVG Gómez Noya, nado en Basilea (Suíza) o 25 de marzo de 1983, é un triatleta galego, o máis laureado da historia deste deporte.
Entre o seu longo palmarés ten cinco títulos de campión mundial (2008, 2010, 2013, 2014 e 2015), unha prata olímpica (Londres 2012), tres títulos da Copa do Mundo (2006, 2007 e 2008) e catro títulos de campión de Europa (2007, 2009, 2012 e 2016). Foi tamén campión do mundo de tríatlon de longa distancia (2019), campión de Europa de media distancia (2013), dúas veces campión do mundo de Medio Ironman (2014 e 2017), campión do mundo de tríatlon Xterra (2012) e subcampión do mundo de tríatlon de velocidade (2011).
Foi galardoado en 2016 co Premio Princesa de Asturias dos Deportes.
Traxectoria deportiva Inicios Naceu en Suíza, sendo fillo de emigrantes galegos, aínda que despois de tres meses a súa familia regresou a Ferrol, onde cursou os seus primeiros estudos. Máis tarde trasladouse a Mourente (Pontevedra), onde adestra e vive.
O seu primeiro deporte foi o fútbol, pero aos 11 anos cansou del e un dos seus compañeiros animouno a nadar no Club Natación Ferrol. Nese momento coñeceu ao seu primeiro adestrador, José Rioseco, co que gañou numerosos títulos de campión galego en categorías infantil, xuvenil e absoluto en probas de crol (200, 400 e 1500) e estilos (200 e 400) e sendo finalista en campionatos españois en diferentes categorías. En 1998 coñeceu a uns triatletas que nadaban con el e decidiu competir. Debutou no tríatlon en distancia olímpica de Castropol, aos 15 anos de idade, sen adestrar apenas os segmentos de bicicleta e carreira, e rematou segundo na categoría xuvenil, nun tríatlon gañado por Iván Raña.
En decembro de 1999, nunha concentración co equipo xuvenil español en Madrid, os médicos do Consello Superior de Deportes detectáronlle unha anomalía cardíaca. En xuño de 2000 participou na súa primeira competición internacional, o Campionato de Europa xuvenil por equipos, en Hungría. Co apoio de especialistas en cardioloxía de todo o mundo intentou recuperar a súa licenza internacional, e, mentres, gañou os Campionatos de España de dúatlon e tríatlon tanto en categoría júnior como sub 23 e grazas a un erro administrativo participou no Campionato Europeo júnior de dúatlon, aínda seguía coa licenza retirada.
En novembro de 2003, Noya recuperou a licenza tres semanas antes de participar no Campionato do Mundo Sub 23. Con esas tres semanas de adestramento foi a Nova Zelandia e gañou a competición.
2004 A partir dese momento e con liberdade para competir internacionalmente, Noya intentou asistir aos Xogos Olímpicos de Atenas 2004. Para iso deixou os seus estudos de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos e viaxou a Pontevedra para adestrar. Debutou na Copa do Mundo en Tongyeong (Corea do Sur), rematando cuarto. Pouco despois, disputou o seu primeiro Campionato Europeo de Tríatlon en Valencia e o seu primeiro Campionato Mundial de Tríatlon en Madeira nos que obtivo a oitava posición.miniatura|dereita|200px|Javier Gómez Noya, logo de vencer na Copa do Mundo de Madrid de 2006 Con todo, non foi seleccionado para os Xogos de Atenas pola Federación Española de Tríatlon, o que motivou numerosas protestas do deporte en Galicia e ata no Congreso dos Deputados. Aínda así conseguiu o subcampionato de España, por detrás de Iván Raña, quedou entre os dez primeiros nas seguintes probas da Copa do Mundo (noveno posto en Salford, sexto en Madrid e décimo en Doha) e gañou os títulos nacionais de tríatlon e dúatlon sub-23.
2005 No inicio do ano 2005 rompeu a marca galega de natación de 1500 metros con 15,53. Uns meses despois, cando estaba a piques de viaxar a Hawai e México para disputar as dúas primeiras probas da Copa do Mundo, o Consello Superior de Deportes pediulle á Federación Española de Tríatlon que lle retirase a licenza para competir internacionalmente, por entender que a alta competición, sumada a unha valvulopatía aórtica que padecía, podíalle supor un grave risco para a saúde.
Coa licenza retirada e ao non poder competir en España, nin no resto do mundo, presentóuselle a oportunidade de participar nunha prestixiosa competición privada en Francia, onde non lle puxeron trabas para competir, o chamado France Irontour, que forma parte do Mulhouse Olympic Triathlon. Noya gañou as seis etapas e o campionato.
Durante este tempo tampouco participou na Copa do Mundo, polo que viaxou a Londres para facer un recoñecemento co doutor Mckenna, do equipo de cardioloxía do hospital St George's, que xa se postulara en 2003 contra o CSD e a favor de Noya.
2006 A comezos de 2006, bateu de novo a marca galega de 1500 metros con 15.48 e finalmente, en febreiro, logo de intensas xestións e de ditames médicos internacionais, Gómez Noya recuperou a licenza. Pouco despois rematou segundo na Copa do Mundo de Aqaba.
O 19 de abril presentouse o equipamento coas cores de Galicia co que competirían na Copa de Europa en Estoril e Alexandroupolis (Grecia) os triatletas galegos Gómez Noya, Alberto Trillo, Aida Valiño, Saleta Castro e David Castro. Gómez Noya gañou a proba de Estoril e venceu tamén na Copa do Mundo de Madrid, por diante do seu compañeiro Iván Raña, conseguindo deste xeito a súa primeira vitoria nesta competición.
Despois rematou terceiro en Corner Brook, Canadá, gañou a seguinte proba en Hamburgo e foi segundo en Pequín, co que chegou á última proba con 22 puntos de vantaxe sobre o australiano Bradley Kahlefeldt e 34 sobre o estadounidense Hunter Kemper. Noya gañou a proba final en Cancún e converteuse no primeiro galego e o primeiro español en ser o número un do mundo ao rematar a tempada, que constaba de 16 probas ao redor do mundo.
2007 esquerda|miniatura|Javier Gómez Noya e Sven Riederer na proba das Series Mundiais celebrada en 2010 en Madrid. O ano 2007 comezou cun segundo posto na carreira inaugural da Copa do Mundo de Tríatlon, celebrada na cidade australiana de Mooloolaba. Un mes despois gañou a carreira disputada en Lisboa e quedou segundo na carreira celebrada en Madrid, por detrás do checo Filip Ospaly e por diante de Iván Raña. Dúas semanas máis tarde terminou terceiro na proba realizada en Des Moines, que non puntuou para a Copa do Mundo, pero que era a mellor dotada economicamente do mundo, con 700.000 dólares en premios. O triunfo no evento masculino de elite foi para o danés Rasmus Henning.
O 30 de xuño, Noya gañou o ouro no Campionato Europeo de Tríatlon celebrado en Copenhague, cun tempo de 1h51:58, por diante de Jan Frodeno e Daniel Unger. Un mes despois volveu competir na Copa do Mundo, no evento que se celebrou en Salford, Inglaterra. O triatleta galego gañou cunha hora, 51 minutos e 17 segundos e triunfou por diante do australiano Brad Kahlefeldt, ao que lle sacou 12 segundos, e do campión olímpico de Sydney 2000, o canadense Simon Whitfield, con 17 segundos de vantaxe.
Antes do Mundial de Tríatlon, gañou a Copa do Mundo en Tiszaujvaros, Hungría, o que lle asegurou aínda máis a primeira posición na clasificación mundial. Despois participou no Campionato do Mundo de Tríatlon 2007 celebrado en Hamburgo, onde gañou unha medalla de prata, tras ser derrotado ao final da competición polo alemán Daniel Unger. A falta de tres probas para rematar a Copa do Mundo conseguiu unha vitoria que o deixaba case como gañador matemático na clasificación xeral tras gañar na proba celebrada no circuíto olímpico de Pequín cun tempo de 1:48,41, por diante do australiano Courtney Atkinson, a 22 segundos, e do neozelandés Bevan Docherty, a 27 segundos. Gañou o seu segundo título na Copa do Mundo sen que lle fixese falta participar nas tres últimas probas.
2008 Na súa primeira competición internacional de 2008 gañou a Copa de África de Tríatlon, celebrada en Bloemfontein, onde se adestrou na preparación para os Xogos Olímpicos de Pequín. No mes seguinte, en marzo, competiu na primeira rolda da Copa do Mundo, en Mooloolaba (Australia), onde gañou claramente cun tempo de 1 hora, 49 minutos e 50 segundos ao australiano Brad Kahlefeldt e ao británico Tim Don. No seguinte evento da Copa do Mundo venceu de novo, logrando así o seu décimo sétimo podio consecutivo ademais de ser a súa quinta vitoria consecutiva na Copa do Mundo. A proba tivo lugar en New Plymouth e gañou por diante de Brad Kahlefeldt e Andrew Johns. miniatura|Gómez Noya en 2010. O 19 de abril participou nunha proba da Copa de Europa que se celebrou en Pontevedra, que gañou por diante de Christian Prochnow e Steffen Justus, que remataron a 22 e 40 segundos por detrás de Noya. O 9 de maio disputou o Campionato Europeo de Tríatlon no que terminou en sétimo lugar tras producirse un corte no segmento de ciclismo e non poder alcanzar o grupo de cabeza, no que ía o vencedor, o francés Frederic Belaubre. Pouco despois participou na seguinte proba da Copa do Mundo que se celebrou en Madrid e gañou con claridade cun tempo de 1 hora, 56 minutos e 24 segundos, 19 segundos por diante do ruso Ivan Vassiliev, e medio minuto por diante do británico Alistair Brownlee.
O 28 de maio recibiu a medalla de prata da Real Orde do Mérito Deportivo. O 8 de xuño obtivo o ouro no Campionato do Mundo de Tríatlon 2008, celebrado en Vancouver, cun tempo de 1 hora, 49 minutos e 48 segundos, por diante de Bevan Docherty e Reto Hug. Converteuse así no segundo galego en conseguir o título despois do que gañara Iván Raña en 2002. O mes seguinte do seu título mundial, competiu na proba da Copa do Mundo en Tiszaujvaros, Hungría, e volveu impoñerse cun tempo de 1 hora, 51 minutos e 32 segundos, por diante de Brad Kahlefeldt. Esta vitoria supuxo a súa sétima vitoria consecutiva e a undécima na Copa do Mundo, converténdose no terceiro triatleta con máis vitorias detrás de Brad Beven e Hamis Carter. Pouco despois, a ITU anunciou que a seguinte proba do calendario da Copa do Mundo, que se ía celebrar o 12 de outubro en Chiapas, non se celebraría por problemas económicos. En setembro, proclamouse campión da Copa do Mundo por terceira vez, sen necesidade de disputar as dúas últimas probas.
Noya participou nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 para os que se preparou na illa de Jeju, antes de viaxar a Pequín. Durante os Xogos Olímpicos levou o número 30 e debido á súa condición de número un no mundo, foi o primeiro triatleta en escoller a súa posición no pontón de inicio para afrontar o sector da natación, xa que o número de carreira é usado para crear as posicións na área de transición, non para establecer a orde de saída. O 19 de agosto celebrouse a proba de tríatlon dos Xogos Olímpicos, pero Noya só puido ser cuarto tras ser superado por Jan Frodeno, Simon Whitfield e Bevan Docherty no sprint final. Noya declarou ao final da proba que tivo problemas de estómago despois de non dixerir ben o xel que tomou no segmento de bicicleta.
En novembro dese ano, anunciou con José Ríoseco a decisión de separarse, sendo o seu novo adestrador o técnico do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Omar Gónzalez.Novo adestrador , Web oficial do deportista, 26/11/2008 O 28 de decembro volveu competir no Campionato Galego de Natación, no que gañou no evento de relevos 4x200 co seu equipo, e quedou segundo nos 400 e 1500 metros. Despois do campionato celebrouse un evento no pavillón do barrio de Caranza, no que o seu centro deportivo pasou a chamarse "Complexo deportivo Javier Gómez Noya".
2009 Logo de problemas coa Federación Española de Tríatlon debido ao equipamento, finalmente Noya puido lucir na roupa os seus patrocinadores persoais, que era a súa principal demanda. O 17 de maio reapareceu na competición oficial despois de nove meses, na proba da Copa de Europa en Pontevedra e malia liderar unha gran parte da carreira, a trescentos metros para a meta, foi superado polo ruso Dmitry Polyansky, sendo segundo a 4 segundos.