Muhammad Ali Pasha al-Mas'ud ibn Agha (en ; en / ALA-LC: Muḥammad ‘Alī Bāshā; en albanés: Mehmet Ali Pasha; en turco: Kavalalı Mehmet Ali Paşa;Blackwood's Edinburgh Magazine xaneiro–xuño 1841 (indexado por Google Books) nado en Kavala o 4 de marzo de 1769 e finado en Alexandría o 2 de agosto de 1849, foi un comandante otomán albanés que chegou ao rango de Pasha, e converteuse en valí, autodeclarado Khedive de Exipto e o Sudán coa aprobación temporal dos otománs. A pesar de non ser un nacionalista moderno, está considerado o fundador do Exipto moderno polas reformas no exército, na economía e nas esferas culturais que instituíu. Tamén gobernou sobre territorios orientais fóra de Exipto. A dinastía que instituíu gobernou o baixo e o alto Exipto e o Sudán ata a revolución exipcia de 1952 liderada por Muhammad Naguib e Gamal Abdel Nasser.
Mocidade e servizo no exército otomán Probablemente naceu en Kavala (Grecia), no seo dunha familia albanesa orixinaria de Korçë. Foi o segundo fillo dun comerciante de tabaco chamado Ibrahim Agha, quen tamén serviu como comandante do exército otomán dunha pequena unidade en Kavala. A súa nai, chamada Zeynep, era a filla do "Ayan de Kavala" Çorbaci Husain Agha. Cando o seu pai morreu, sendo Muhammad aínda moi novo, o rapaz foi enviado a vivir xunto ao seu tio e curmáns. Como recompensa polo seu duro traballo, o seu tío deulle o rango de "Bolukbashi" para recadar os impostos da cidade de Kavala.
Tras o éxito de Muhammad na tarefa de recadar impostos, ascendeu ao rango de segundo oficial baixo o liderado do seu curmán Sarechesme Halil Agha no continxente de mercenarios albaneses voluntarios en Kavala, que máis tarde sería enviado a reconquistar Exipto. Pouco despois casou coa filla de Ali Agha, Emine Nosratli, unha adiñeirada viúva, que tamén era a súa curmá por parte de nai. En 1801 a súa unidade foi enviada, como parte do exército otomán, a reocupar Exipto tras a breve ocupación francesa de Napoleón Bonaparte, poñendo en risco a súa vida. A expedición militar chegou a Aboukir na primavera dese ano.Cleveland, William L, A History of the Modern Middle East, (Boulder: Westview Press, 2009), 65–66 Un dos seus máis fieis comandantes foi Miralay Mustafa Bey, quen casara coa irmá de Muhammad, Zubayda, e foi o fundador da familia Yakan.
Ascenso ao poder En 1798, Napoleón Bonaparte chegara a Exipto, entón parte do Imperio Otomán, coa fin de cortar as rutas de comunicación británicas coa India. Os mamelucos, que controlaban Exipto, non conseguiron detelo e foron derrotados na batalla das Pirámides. Pouco despois, a frota francesa foi destruída polos británicos na batalla do Nilo, pero as tropas napoleónicas continuaban a controlar parte do país. Entón, o sultán otomán decidiu enviar tropas para socorrer os seus vasalos. Así, en 1801 Muhammad Alí foi enviado como segundo oficial dun corpo de apoio albanés con ordes de unirse ao exército anglo-turco que marchaba cara a Exipto. As tropas turcas non eran moi eficaces debido á diversidade de xentes que as compuñan, que facían imposible a súa organización. A situación agravouse cando as pagas se atrasaron. Algúns soldados amotináronse e desertaron para dedicarse á rapina. Ante isto, Muhammad tomou o mando de todo o exército turco, logrando expulsar os franceses tras a toma do Cairo en 1803. miniatura|Masacre de mamelucos no Cairo. Trala derrota francesa, quedou en Exipto un baleiro de poder que aproveitou Muhammad. A principios de maio de 1805 o pobo do Cairo levantouse en armas contra o valí otomán Khurshid Bajá, as rúas da cidade convertéronse nun campo de batalla e Khurshid quedou cercado na cidadela. A noite do 12 ao 13 de maio Muhammad Alí foi elixido valí de Exipto polos ulemas do Cairo e a situación acougouse. En xullo a súa autoridade foi recoñecida polo sultán Selim III. Muhammad sabía que os mamelucos recobrarían o control en canto se recuperasen da derrota ante os franceses. Por iso, nos primeiros anos do seu mandato dedicouse a afianzar e estender o seu poder por todo o país. En 1811, acabou definitivamente cos seus opositores. Coa escusa de celebrar unha festa de investidura do seu fillo Tusun como xeneral dos exércitos de Arabia, convidou os príncipes mamelucos á súa residencia. Entón, ordenou aos seus homes que lles tendesen unha emboscada nunha ruela da cidadela. Vinte e catro príncipes e os seus catrocentos acompañantes foron masacrados. En 1812, confiscou todas as terras do alto Exipto (sur do país) que pertencían aos mamelucos.
Política exterior
Período de fidelidade ao sultán Campaña de Hiyaz En 1811 combateu a insurrección dos wahhabís no principio da guerra Otomá–Wahhabi, a petición do Imperio Otomán, o que lle permitiu estender a súa autoridade sobre o Hiyaz. Ao partir á guerra deixou o seu fillo Ibrahim Bajá no goberno. En 1815, mentres combatía as tribos rebeldes, recibiu informes sobre a fuxida de Napoleón da illa de Elba e sobre unha posible invasión otomá de Exipto. Esta difícil situación internacional podería facerlle perder o goberno do país, por iso partiu en canto puido cara ao Cairo. O 18 de xuño (día da batalla de Waterloo) chegou á capital. A campaña pasou entón a ser dirixida polo seu fillo Tusun. En 1816, Ibrahim substituíu o seu irmán (morto en combate) e en 1818 acabou definitivamente coa insurrección.
Esta campaña significou o control exipcio das Cidades Santas da Meca e Medina e da costa oriental do mar Vermello. Con iso Muhammad Alí converteuse en salvagarda da peregrinación e conseguiu zonas estratéxicas para controlar as rutas comerciais de Arabia. O exército que loitou en Hiyaz estaba composto principalmente polas tropas albanesas coas que Muhammad chegou a Exipto. Ao seu regreso causaron unha serie de incidentes violentos que obrigaron o valí a reformar o Exército.
Campaña do Sudán miniatura|A expansión exipcia no Sudán, Grecia e Arabia. Desde 1820 a 1822, outro dos seus fillos, Ismail Kamil, dirixiu unha campaña de conquista do Sudán, unha terra rica en recursos, como o ouro e os escravos. En febreiro de 1820 conquistou o oasis de Siwa (actualmente en Exipto), unha zona de vital importancia para controlar as rutas das caravanas de mercadores. En xullo, a Nubia sudanesa caeu sen dificultade en mans exipcias. Así o reino de Sennar desapareceu e Badi VII foi obrigado a renunciar á coroa. A continuación, Muhammed Bey, un defterdar, foi enviado por Muhammad ao mando de 4500 homes e oito canóns para conquistar Kordofán. A resistencia foi feroz, pero a campaña tivo éxito grazas á supremacía do exército exipcio e ás armas de fogo.
En outubro de 1822, Ismail morreu en combate. Pouco despois, todo Sudán atopábase xa en mans exipcias. En 1823 Mehmet fundou a cidade de Khartún, onde en 1830 estableceu un gobernador exipcio. Pretendía usar Sudán como ponte para novas expedicións cara a Etiopía ou a fonte do Nilo, aínda que ao final quedou en proxecto. Durante esta campaña uníronse ao exército exipcio algúns campesiños procedentes dos recrutamentos forzosos para substituír os soldados albaneses que non conseguían adaptarse ás condicións climáticas da zona, chegando entón a haber entre 8500 e 9500 homes loitando no Sudán. Estas dúas primeiras campañas militares tiñan uns intereses económico-comerciais claros: o control das rutas comerciais, a obtención de materias primas e a apertura de novos mercados para os produtos exipcios.
Campaña de Morea En 1824, o sultán otomán, Mahmut II, solicitou de novo a súa axuda, esta vez para combater aos rebeldes gregos, coa promesa de facerlle valín da Morea (actual Peloponeso). O seu fillo Ibrahim dirixiu novamente as tropas, compostas por 17 000 homes. Tamén enviou a Frota de Guerra Exipcia. Esta estaba constituída principalmente por buques que Muhammad encargara en estaleiros de Marsella, Toulon, Venecia, Trieste ou Livorno. O número total de barcos era de sesenta.
A mediados de maio de 1824 comezou a invasión de Creta. A continuación as tropas desembarcaron en Morea. Ante o avance exipcio, os gregos fuxiron ás montañas, onde comezaron unha guerra de guerrillas contra o invasor. O 15 de abril de 1825 o exército turco-exipcio comezou o sitio de Missolonghi, que se rendeu tras un longo asedio o 24 de abril de 1826. O 20 de outubro de 1827, a frota exipcia, combinada coa turca, sufriu unha gran derrota en Navarino fronte á coalición formada polo Reino Unido, Francia e Rusia, que loitaban a favor dos gregos para protexer os seus intereses no Mediterráneo. As potencias europeas obrigaron entón o Imperio Otomán a recoñecer a independencia grega. En 1828 os últimos soldados exipcios abandonaron Grecia.
Negociacións con Francia En 1827, Francia comezou unha serie de negociacións con Muhammad coa fin de conseguir apoio bélico en Alxeria, Bernardino Drovetti, o cónsul francés (con grande influencia sobre Muhammad) pediu a intervención do exército exipcio en Trípoli, Tunisia e Alxeria para apoiar a ocupación francesa deste último país. Finalmente en 1829 as negociacións acabaron en fracaso. Muhammad rexeitou a proposta pola forte oposición dos gobernos otomán e británico, e porque xa tiña en mente unha campaña máis rendible para os seus plans: Siria.
Como proba de boa vontade, en 1829, Mehmet Ali ofreceu a Francia os dous obeliscos da entrada ao templo de Luxor. Un obelisco chegou a París en 1833, e tres anos máis tarde, en 1836, o rei Lois Filipe mandou erixilo no centro da praza da Concordia, onde se levantou unha guillotina durante a revolución. O outro obelisco quedou en Exipto por ser demasiado difícil e pesado para trasladalo a Francia coa tecnoloxía da época.
Período de desobediencia ao sultán
Primeira crise oriental En 1831, Abdallah, valí de Acre, aceptou que 6000 campesiños, que fuxían do recrutamento forzoso, se refuxiasen no seu territorio. Así, coa escusa de capturar os desertores, Muhammad Alí entrou en conflito co sultán ao exceder a fronteira de Siria. O inicio desta nova campaña coincidiu coas necesidades de madeira e doutras materias primas para a construción de barcos. Muhammad enviou as súas tropas mandadas novamente polo seu fillo Ibrahim. O exército exipcio cruzou a fronteira con Siria e puxo sitio a Acre o 3 de novembro. A cidade caeu o 27 de maio de 1832. O exército vitorioso seguiu a súa marcha cara a Anatolia. O 21 de decembro en Konya o exército otomán foi derrotado. Tras esta batalla, Ibrahim tiña o camiño libre ata a capital, Constantinopla. Ante a ameaza do avance, os turcos aceptaron a axuda que lles ofrecía Rusia para mediar no conflito. Así asinouse o tratado de Unkiar Skelessi en Kütahya en 1833. As condicións de paz eran: retirada das tropas exipcias de Anatolia, Exipto anexionaríase Acre, Damasco, Alepo e Adana e recibiría Candía (Creta) e o Hiyaz como compensación de guerra e Ibrahim Bajá converteríase en gobernador (valí) de Siria.
Ao acceder ao goberno en Siria, Ibrahim comezou unha serie de reformas para modernizar o país coa instalación en Acre do goberno militar exipcio e a proclamación da igualdade de culto e de relixión. En 1835 o prelado apostólico de Siria declarou: Lonxe de ter queixas do trato que reciben os cristiáns, debemos felicitarnos pola tolerancia que se lles brinda e O xeneralísimo exipcio confía aos cristiáns os postos máis importantes. Autorízaselles a montar de a cabalo, a levar turbante branco, privilexio exclusivo dos musulmáns.