Antonia López González, nada en Guareña, Badaxoz en 1967 é unha médica e investigadora de enfermidades tropicais, especialmente da enfermidade Jorge Lobo ou lobomicosis. É tamén unha cooperante, responsable e fundadora da ONG Comité Ipiranga de atención primaria a pacientes e investigación de enfermidades tropicais na rexión do Amazonas no Brasil. O equipo de profesionais sanitarios e da medicina desta ONG atende as persoas enfermas dentro dun barco-hospital que se despraza polo río Purus no Amazonas para poder deste xeito acceder ós poboados. Esta investigadora recibiu a Medalla de Estremadura en 2002.

Traxectoria Antónia López González é médica especialista en Medicina tropical e técnica especialista en programas de saúde para a cooperación ao desenvolvemento. Ten formación en toxicomanías, drogodependencias e SIDA e é especialista en Hansenioloxía polo Instituto de Dermatoloxía tropical e veneraloxía "Alfredo da Mata" do Estado do Amazonas, onde foi tamén médica visitante.

Fundou e dirixiu o Programa de cooperación Iparanga, que máis tarde deu lugar a Asociación Comité Iparanga. En Togo creou e dirixiu o programa de cooperación para a saúde HULME. Foi tamén coordinadora do programa de Dermatoloxía sanitaria do Instituto de Dermatoloxía tropical Alfredo da Mata nos municipios da rexión amazónica de Lábreal, Canutama, Tapauá e Boca do Acre. Tamén participou nos traballos sobre a orientación sexual e drogradicción realizados pola Universidade do oeste do Estado do Paraná.

Antonia López foi directora da revista Leucemia da Facultade de Medicina da Universidade de Estremadura (1987-1990) e relatora en numerosos seminarios e congresos internacionais sobre enfermidades tropicais.

A súa dedicación á labor humanitaria, o seu compromiso social, a súa visión científica e a súa investigación levárona a publicar un libro sobre as enfermidades dermatolóxicas tropicais esquecidas de carácter endémico na rexión amazónica. Este libro foi dixitalizado pola biblioteca municipal de Guareña, a biblioteca Eugenio Frutos Cortés en 2008 e esta servindo como guía os e ás axentes de saúde da rexión, sendo actualmente unha referencia internacional.

É unha conferenciante habitual en congresos, seminarios e xuntanzas sobre as enfermidades tropicais en foros nacionais e internacionais. Foi presidenta da candidatura ao Parlamento Europeo da Agrupación de estudantes de Medicina do estado español en 1987.

Premios e recoñecementos Ademais da Medalla de Estremadura en 2002, recibiu outros recoñecementos honoríficos como o Premio Cooperação e solidariedade de AFA-Prelazia-Brasil en 2002, o Premio de cooperación internacional Dereitos Humanos de Extremadura no ano 2007, o Premio de cooperación Enclave-92 USINA COSMOPOLIS-Brasil, o Premio Culturas 2001 do Comité Estremeño contra o racismo, a xenofobia e a intolerancia ou a Medalla de ouro do Colexio de médicos de Badaxoz, 2014.

En 2010 recibiu o título de Cidadá Honoraria da localidade brasileira de Foz de Iguaçú polo seu labor de cooperación. En decembro de 2018 foi recoñecida como filla predilecta da súa localidade natal.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Información sobre a ONG Comité Ipiranga

Categoría:Científicos de España Categoría:Médicos de España Categoría:Nados en Badaxoz Categoría:Nados en 1967