Ángeles Santos Torroella, nada en Portbou o 7 de novembro de 1911 e finada en Madrid o 3 de outubro de 2013, foi unha pintora e artista gráfica española, contemporánea da xeración do 27. Iniciada entre o surrealismo e o expresionismo, evolucionou cara ao postimpresionismo con temas de paisaxe e interiores. En 2005 recibiu da Generalitat de Cataluña a Creu de Sant Jordi.
Traxectoria Iniciouse no debuxo e na pintura aos catorce anos, durante a súa etapa colexial no internado das Escravas Concepcionistas de Sevilla. Dous anos máis tarde trasladouse cos seus pais a Valladolid, cidade en que recibiu clases do pintor italiano Cellino Perotti e pintou con dezaoito anos Un mundo, óleo de gran formato que representa un estraño planeta surrealista, exposto no Museo Raíña Sofía.
Tras realizar un par de exposición en Valladolid, a súa participación no IX Salón de Outono de Madrid o ano 1929, incrementou a súa fama, o que tivo como consecuencia a publicación de artigos que deron razón da súa pintura (medio expresionista, medio surrealista) da man de intelectuais e críticos como Jorge Guillén, Ramón Gómez de la Serna, Manuel Abril, Juan Ramón Jiménez, Federico García Lorca, Guillermo Díaz-Plaja e Joan Teixidor, entre outros.
En 1931 realizou unha exposición individual en París e nos anos sucesivos participou nas exposicións organizadas pola Sociedad de Artistas Ibéricos en Donostia e Copenhague. Foi invitada a expor na mostra colectiva do Carnegie Institute de Pittsburgh e en 1936 figurou no pavillón español da Bienal de Venecia e na dos Ibéricos en París.
En 1933 trasladouse a Barcelona. Nese período, Santos deixou de pintar, xa sexa por relegar a arte a un segundo plano debido ao seu matrimonio con Emilio Grau Sala e o nacemento do seu fillo Julián, ou, como sinala Mercedes Prado, porque a súa estética, fronte ao noucentisme catalán, entrou en crise tras ser cualificada de dura e pouco amable debido ao seu matiz expresionista e escuro cromatismo. Debido a iso, cando Santos volveu dedicarse á pintura, esta dulcificouse e abordou temas como o retrato, os interiores urbanos e as paisaxes marítimas da cidade condal, motivos que os críticos contemporáneos lle reprocharon pola súa pegada postimpresionista.
Faleceu na súa casa o 3 de outubro de 2013.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Obras de Ángeles Santos no Museo Raíña Sofía
Categoría:Nados en Portbou Categoría:Nados en 1911 Categoría:Finados en 2013 Categoría:Pintores de Cataluña Categoría:Pintores surrealistas Categoría:Pintores do século XX Categoría:Pintores retratistas Categoría:Pintores paisaxistas