María Sefidari Huici, nada en Madrid en 1982, é unha psicóloga, profesora e especialista en comunicación e cultura dixital española. Experta en xestión cooperativa e produción cultural en Internet e activista en coñecemento e cultura libre. Desde xullo de 2018 é presidenta da Fundación Wikimedia. Traxectoria Licenciouse en Psicoloxía na Universidade Complutense de Madrid, na que tamén estudou un mestrado en Comercio e Turismo. En 2014 foi bolseira do programa Techweek Women’s Leadership Fellows dedicado ao apoio do liderado de mulleres líderes emerxentes en negocios e tecnoloxía. Desde 2015 é profesora do programa de Mestría en Comunicación Dixital, Cultura e Cidadanía da Universidade Rei Xoán Carlos.

Sefidari, coñecida en Wikipedia como Raystorm empezou a contribuír nos proxectos Wikimedia sobre coñecemento e cultura libre en 2006. Pouco despois lanzou o Wikiproxecto LGBT para dar visibilidade a estes colectivos e mellorar e organizar os contidos relacionados co tema, inspirándose nun proxecto similar na Wikipedia en lingua inglesa.

En 2011 foi membro fundadora de Wikimedia España e primeira vicepresidenta da asociación, e en 2015 de Wikimujeres, un grupo de usuarias de Wikimedia centrado na visibilización das mulleres e a eliminación do nesgo de xénero na Wikipedia. No movemento Wikimedia formou parte de varios comités de goberno, entre eles o Comité de Afiliacións e o Comité de Gobernanza do Consello, onde exerceu como presidenta. Entre 2013 e 2015 foi membro da Xunta da Fundación Wikimedia. En 2016 reincorporouse á Fundación Wikimedia para cubrir unha vacante, e asumiu a vicepresidencia da organización. Foi confirmada como vicepresidenta para un segundo mandato en 2017. Nestes anos participou en numerosos cursos de formación e eventos sobre coñecemento aberto e libre e sobre a incorporación da diversidade e a igualdade de xénero nos contidos de Wikipedia. En xullo de 2018 foi elixida presidenta da Fundación Wikimedia no 14º encontro anual de Wikimania.

Notas

Véxase tamén

Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Profesores da Universidade Rei Xoán Carlos Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1981 Categoría:Wikimedistas