A poliña americana (Porzana carolina) é unha pequena ave acuática gruiforme da familia dos rálidos. Vive en América do Norte. En Galicia pode aparecer como ave accidental.Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5. O nome do xénero, Porzana, deriva do termo sporzana da lingua veneciana que designaba este tipo de aves, e carolina refírese á colonia de Carolina dos tempos da colonización inglesa de Norteamérica.
Os adultos teñen unha lonxitude de entre 19 e 30 cm,Sora (Porzana carolina) European birds online guide. Avibirds.com. Retrieved on 2013-01-05. coas partes superiores marróns con marcas negras, e cara e partes inferiores grises azuladas, e un barrado branco e negro nos flancos. Teñen un bico curto, groso e amarelo con marcas negras na face na base do bico e na gorxa. Os sexos son similares, pero os individuos novos carecen das marcas faciais negras e teñen unha cara abrancazada e peito beixe. Pesan entre 49 e 112 g.
O hábitat de reprodución da poliña americana son pantanos de gran parte de Norteamérica. Nidifican en sitios ben agochados entre densa vexetación. A femia xeralmente pon de 10 a 12 ovos, ás veces chega a poñer 18, nun niño con forma de cunca construído con vexetación do pantano. Os ovos non fan eclosión todos á vez. Ambos os pais incuban e alimentan as crías, as cales abandonan o niño pouco despois da eclosión e poden voar un mes despois.
Migran ao sur dos Estados Unidos e norte de Suramérica. Son aves errantes moi raras en Europa occidental (accidentais en Galicia), onde se poden confundir coa galiñola pinta. Porén, esta última ten sempre un peito con pintas, unha banda na parte superior da cabeza e un debuxo diferente nas ás.
Aliméntanse mentres camiñan ou nadan. Son omnívoras e comen sementes, insectos e caracois. Aínda que son aves máis fáciles de oír que de ver, ás veces poden verse camiñando preto de augas abertas. Son bastante comúns, malia a diminución nos últimos tempos dos hábitats axeitados para elas. A súa chamada é un asubío lento que soa ker-ui, ou un rincho descendente. Usar gravacións coa súa chamada incrementa moito as posibilidades de oíla e vela, xa que adoita investigar a fonte da chamada.
Distribución
Vive na maior parte de América do Norte, onde é unha especie común que aparece de forma natural en 49 dos estados dos Estados Unidos (a única excepción é Hawai), as 10 provincias do Canadá e 2 territorios canadenses. Reprodúcese desde Nova Escocia e cara ao noroeste ata o sur do Yukón e Territorios do Noroeste, cara ao sur ata California, Arizona e Novo México e cara ao nordeste ata Pensilvania e Nova Inglaterra. Os terreos de invernada están na parte norte de Suramérica, incluíndo Ecuador, Colombia e Venezuela, cara ao norte por América Central e México ata o sur de California polo oeste e ata as rexións costeiras do sur dos Estados Unidos. Desde o sur de Kansas ata o norte e leste de Texas e nas áreas interiores do sueste dos Estados Unidos, esta ave obsérvase normalmente só durante a migración da primavera e outono. Nunhas poucas áreas do oeste dos Estados Unidos, como California central e áreas de Arizona e Novo México, a poliña americana pode estar presente todo o ano.Cornell Lab of Ornithology. 2003. Sora. In: All about birds: Bird guide. Ithaca, NY: Cornell University, Cornell Lab of Ornithology En Europa occidental, incluída Galicia, é unha ave accidental, e a especie foi rexistrada tamén en Islandia, Gran Bretaña e Portugal. En Suramérica rexistrouse como ave errante no Lago Titicaca andino.
Comportamento
Migración
A migración cara ao norte da poliña americana ocorre en primavera, principalmente en abril e maio. Por exemplo, no centro leste de Kansas detectáronse significativamente (p<0,05) máis galiñolas desde o 24 de abril ao 7 de maio que os períodos de dúas semanas anterior e posterior. No sueste de Missouri, foron observadas desde o 25 de marzo ao 6 de maio. En cambio, detectáronse primeiro en abril e ata inicios de maio en Colorado, Iowa, e Minnesota. Nun resumo sobre as primeiras deteccións de galiñolas da Carolina en Minnesota, Manitoba e Saskatchewan, a conclusión era que estas ocorreran en abril.
A partida das galiñolas aos seus terreos de reprodución empeza en xullo e acaba en outubro. Foron observadas regresando aos terreos de invernada en Arizona ata xullo. Aínda que os movementos locais poden escurecer a migración de xullo, a maioría da migración ocorreu en agosto e setembro en Colorado. No norte de Ohio, a abundancia da especie incrementábase a finais de agosto e setembro pola chegada de individuos migrantes. No sur de Missouri, foron observadas desde o 5 de setembro ao 27 de outubro. Foron observadas en Manitoba e Saskatchewan en outubro.
Nidificación
Aínda que as actividades de nidificación da poliña americana se observaron desde finais de abril ata principios de agosto, o pico do período de nidificación ocorre tipicamente desde maio a inicios de xullo. En Nova York, a nidificación iniciábase a finais de abril. Un estudo de niños e de datos na literatura destas galiñolas en Colorado informou dunha posta iniciada a inicios de agosto. Porén, os datos do inicio medio da posta indicaban que ocorría en maio e xuño en rexións do estado. Os estudos feitos no norte de Ohio, Dacota do Norte e Alberta informan de nidificacións desde maio a xullo. Noutro estudo recompilatorio informouse de niños con ovos de poliña americana desde inicios de maio a inicios de xuño en Indiana.
As femias empezan a construción dos niños con forma de pratiño no chan ou sobre unha plataforma sobre augas pouco profundas ao inicio da posta dos ovos. O tamaño de posta normalmente oscila de 8 a 13 ovos,Mumford, Russell E.; Keller, Charles E. (1984). The birds of Indiana. Bloomington, IN: Indiana University Press aínda que se informou de tamaños de posta de ata 16 ovos. Os dous pais incuban os ovos. A incubación dura aproximadamente 19 días, aínda que se informou na literatura dun amplo rango de períodos de incubación. Os ovos fan eclosión nun período de 2 a 13 días. As crías son precoces e capaces de camiñar e nadar curtas distancias (< 0,91 m) ao final do seu primeiro día. As galiñolas novas son independentes aproximadamente ás 4 semanas de idade.DeGraaf, Richard M.; Yamasaki, Mariko. 2001. New England wildlife: Habitat, natural history, and distribution. Hanover, NH: University Press of New England Crían só unha vez por estación. Algunhas roladas de polos poden ser segundos intentos de nidificación, pero só hai un informe na literatura dun segundo intento de nidificar despois dunha nidificación exitosa. Para máis información sobre o comportamento reprodutor da poliña americana, ver. Para información sobre parasitismo de crianza conespecífico e a discriminación entre ovos propios e alleos na galñola da Carolina, ver.
As taxas de éxito na nidificación varían segundo o lugar e o ano. Na literatura as proporcións de nidificación exitosa varían desde 0,61 en Míchigan a 0,833 en Minnesota. No oeste de Nova York, a taxa de éxito de 6 niños de poliña americana era do 0,43, e a do éxito diario era de 0.97. Usando datos do programa de rexistro de niños do Laboratorio Cornell de Ornitoloxía, a taxa de éxito de nidificación en Norteamérica estimouse en 0,529 nun período de 28 días (n=108). Nun sitio de nidificación en Alberta, o 80,6% dos ovos fixo eclosión con éxito, mentres que ao ano seguinte só o 59,6% dos ovos fixeron eclosión. Os autores chegaron á conclusión de que a diminución do nivel de auga interaccionando con predadores e a posibilidade de ser pisados polo gando tiña como resultado un decrecemento no éxito da eclosión. Durante a parte final do verán, as galiñolas da Carolina non poden voar durante un período no que realizan a muda posnupcial.
Tamaño do territorio
O tamaño da área onde habita (home range) un determinado individuo de poliña americana varía. A área de reprodución e cría no noroeste de Iowa é como media de 0,20 ha. En Arizona, o tamaño da área varía de 0,61ha no inicio da estación reprodutora a 0,81 ha na estación posreprodutora. Estas diferenzas estacionais no tamaño da área onde habita non son significativas (p>0,05).
Supervivencia Disponse de poucos datos sobre a supervivencia da especie. Exemplares marcados con radio (con diminutos transmisores pegados ás costas) en Arizona tiñan unha probabilidade de supervivencia non reprodutora de 0,308. Os autores suxiren que a baixa taxa de supervivencia pode deberse a un incremento da mortalidade das aves marcadas con radio. Causas probables desta mortalidade son a predación e causas de orixe humana como a morte por atropelos nas estradas.
Hábitat Zonas húmidas con vexetación emerxente.
Zonas húmidas
A poliña americana utiliza zonas con augas de diversas profundidades. Foron observadas con frecuencia en augas de menos de 30 cm de profundidade, aínda que a media de profundidade das zonas das que fai elevado uso esta galiñola en Arizona era de 51 cm. No noroeste de Iowa, a media da profundidade da auga nos territorios destas galiñolas era de 38 cm, a cal era unha profundidade significativamente (p<0,025) menor que as profundidades en sitios ao azar en pantanos. Os sitios de nidificación estaban situados en augas menos profundas que os sitios ao azar onde vive no oeste de Nova York. A media de profundidade das augas en sitios de nidificación era de 10 cm en 4 niños de poliña americana estudados en Colorado a case 25 cm no oeste de Nova York. En áreas de augas profundas, normalmente camiñan sobre balsas de vexetación flotante.
As flutuacións no nivel da auga poden causar o abandono dos niños. Por exemplo, nun sitio de Colorado onde o nivel da auga se incrementaba máis de 20 cm, un niño destas galiñolas foi abandonado con 7 ovos. En Alberta, nidifican en máis tipos de vexetación durante os anos secos, moi probablemente debido a unha redución substancial do nivel da auga na vexetación usada o ano anterior.
Utilizan augas menos profundas en outono que en primavera.Conway, Courtney J. 1990. Seasonal changes in movements and habitat use in three sympatric rails. Laramie, WY: University of Wyoming. ThesisReid, Frederic Arthur. 1989. Differential habitat use by waterbirds in a managed wetland complex. Columbia, MO: University of Missouri. Dissertation. Normalmente evitan as augas abertas. Hai unha relación negativa significativa (p≤0,05) entre a área de augas abertas e o uso das zonas húmidas por estas galiñolas en Maine e a abundancia relativa de exemplares en Saskatchewan. No oeste de Nova York, os sitios de nidificación tiñan unha baixa porcentaxe de augas abertas en comparación con sitios ao azar, e en Arizona usaban as zonas de augas abertas menos do que estas estaban dispoñibles.
Vexetación emerxente
Os sitios de nidificación das galiñolas da Carolina tiñan unha maior porcentaxe de vexetación emerxente, é dicir, que asoma por rba da superficie da auga, que sitios ao azar en pantanos do oeste de Nova York. A cantidade de exemplares en zonas húmidas do nordeste de Dacota do Norte estaban correlacionadas positivamente de forma significativa (p<0,05)(r=0.45) coas hectáreas ocupadas pola vexetación emerxente viva. No leste e centro de Maine, as zonas húmidas usadas polas galiñolas da Carolina tiñan unha área significativamente maior (p=0,01) de vexetación emerxente que as non usadas.