Celestino Pardo Corral, coñecido como Tino Pardo, nado en Xermade o 26 de maio de 1942, pero aveciñado en Ferrol, é un ex piloto galego de rallys.

Foi o vencedor da primeira tempada do Campionato de Galicia de Rally en 1979 e competiu tamén en numerosas carreiras de montaña.

Traxectoria En 1978, no seu primeiro ano de competición proclamouse subcampión galego de montaña tras vencer na VI Subida á Bailadora, obtendo o segundo posto na IV Subida a San Antoniño e na IV Subida ó Iroite, resultados obtidos a bordo dun Fórmula Juncosa 1800 que fora propiedade de Jean Claude.

No seu segundo ano en activo, en 1979, conquistou o Campionato de Galicia de Rally grazas á súa regularidade , obtendo o segundo posto na IV Subida a Celas de Peiro, na V Subida a San Antoniño, e na II Subida ó Roxal co Fórmula Juncosa 1800. En rallys, pilotando un Seat 124 1800 de grupo 2, foi vencedor no grupo 2 no X Rally de Ferrol (3º absoluto), no XV Rally Rías Baixas (5º absoluto), ambas probas do Campionato de España, e tamén no Rally San Froilán e no Rally San Martiño (2º posto absoluto).

No ano 1980 obtivo o segundo posto no campionato que gañou Carlos Piñeiro, tras acabar segundo o Rally de Ferrol, por detrás de Marc Etchebers. Venceu no grupo 2 na II, III e IV Subida á Grela e tamén no Rally de Grado, en Asturias.

Quedou cuarto no ano 1981 e sexto na clasificación de montaña, tras obter 6 segundos postos de clase e 3 terceiros, sempre a bordo do Seat 124 2000 de grupo 2.

Na temporada 1982 gañou a súa clase (5º absoluto) no V Rally dos Pazos e foi segundo absoluto no XII Rally da Coruña, sendo segundo de clase na VII Subida a Celas de Peiro (5º absoluto), na VIII Subida ao Iroite (8º absoluto) e no XVI Rally do Lacón (7º absoluto).

Participou en probas de xeito esporádico nas temporadas 1983, 1984 e 1985 para retirarse definitivamente da competición no Rally das Pontes de 1987.

O seu irmán Antonio Pardo tamén competiu en rallys, chegando a ser 4º no Rally de Ferrol de 1980 cun Renault 5 Alpine.

Notas

Categoría:Nados en Xermade Categoría:Nados en 1942 Categoría:Pilotos de rally de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes