Calvos de Randín é un concello da provincia de Ourense, que pertence á comarca da Limia. Segundo o padrón municipal, en 2015 tiña 922 habitantes (1242 en 2003). O xentilicio é ou .

Demografía Censo total 922 (2015) Menores de 15 anos 33 (3,58 %) Entre 15 e 64 anos 395 (42,84 %) Maiores de 65 anos 494 (53,58 %)

Xeografía O concello, de 98 km², abrangue 9 parroquias. Está situado ao sur da provincia de Ourense, á beira das serras de Larouco, O Xurés e A Pena, acadándose nesta última os 1400 m de altitude. O municipio está atravesado polo río Salas, afluente do Limia, onde se construíu o encoro do Salas. Á súa vez, este río recibe as augas do río Firbeda.

É unha zona con clima oceánico de montaña, con fortes precipitacións e temperaturas baixas, se ben no verán adoita haber fortes secas.

Historia A situación fronteiriza con Portugal marcou a evolución histórica do concello. As terras da Picoña tiñan a súa cabeceira no castelo da Picoña, derruído en 1650 por tropas castelás. No século XVIII a zona pertencía á xurisdición do conde de Lemos.

Historicamente, parte do seu territorio pertenceu ó Couto Mixto. Isto daba certos privilexios á súa poboación, como a exención de pagar tributos ás coroas de Portugal e Castela, a libre pertenza a un ou outro reino, e a elección dun alcalde. Estes dereitos abolíronse trala aplicación do Tratado de Lisboa de 1864.

O 22 de febreiro de 1944 tivo lugar o accidente de Monteagudo, no que un avión británico bateu contra un monte e sufriu un incendio, morrendo os seus seis ocupantes.

Patrimonio Os xacementos humanos máis antigos datan do megalitismo, como as mámoas de Monte Meau e Forno da Tagurra (Golpellás), Penouces e A Chamuscada (Vila), As Lamas (Pintás), O Viso e A Mota Grande (Castelaus), Outeiro das Moas (Paradela) e As Rebouciñas (Padroso).

Da cultura castrexa son os poboados de Cidade de San Vitorio (Castelaus), Outeiro da Cerca (Lomear), O Castro (Rubiás), Penas Altas (Calvos) e A Picoña (Randín).

A igrexa parroquial de Santiago de Calvos é do século XIX, de estilo popular. A igrexa de San Xoán de Ranín é de estilo barroco, dos séculos XVII e XVIII. A igrexa de Santiago de Rubiás, sendo reconstruída no século XVIII, conserva na ábsida unha ventá románica de medio punto. A ermida do Neno Xesús é do século XVIII. A capela de Calvos é de recente construción. Hai varios petos de ánimas, en Calvos, Vilar, o Cruce de Padroso, Feás e Rubiás.

O pazo dos Tejada é dos séculos XVIII e o XIX. Ten a tipoloxía típica de pazo galego, con tres corpos conectados por unha solaina. O pazo de Randín é máis recente, se ben un dos seus corpos está actualmente destruído, tendo estrutura en L.

Dentro da arquitectura popular destacan os hórreos en Randín e Rioseco, cruceiros, fornos comúns, fontes, muíños, calzadas e pontes.

Fillo predilecto Alfonso Sobrado Palomares, o 6 de maio do 2023.

Fillo adoptivo Luís García Mañá, o 26 de abril do 2008.

Calvos de Randín na literatura popular A rola anda arrolando/ por riba dun bido seco/ que lle levaron o niño/ as mozas de Rioseco Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 45. No orixinal: de un. Este Rioseco ten que ser lugar da parroquia de Santa Mariña de Rioseco, concello de Calvos de Randín.. As mociñas de Padroso/ cando rapan as ovellas/ meten a la nos buratos/ para merca-las sortellas Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 48. No orixinal: lá, mercalas. Padroso é lugar da parroquia de Santa Mariña de Rioseco, no concello de Calvos de Randín.. As mociñas de Padroso/ son poucas e mal honradas:/ ándanlle saíndo aos homes/ ás canellas apartadas Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 48.. As mociñas de Padroso/ son poucas e mal honradas:/ as pequenas xa pariron/ i as grandes andan preñadas . As mociñas, as de Calvos,/ gastan dous pares de medias/ pra que lle digan os homes/ que gordas teñen as pernas . As mociñas, as de Calvos,/ gastan reló de pulseira,/ en cambio as de Padroso/ gastan navalla barbeira Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 48.. Desde o Outeiro ás Nogueiras/ hai unha tranca no chau;/ a Antonia caiu nela/ i o Francisco deulle a mau Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 69. Nogueiras é lugar da parroquia de Santiago de Calvos, no concello de Calvos de Randín; na mesma parroquia hai o lugar de Outeiro.. Do outro lado do río/ sentín chorar e cantei:/ Santa Lucía en Vileriño,/ San Antonio en Recarei Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 72. No orixinal: cantén. Vileriño será localismo por Vilariño, que en Ourense pode ser lugar da parroquia de San Xoán de Randín, no concello de Calvos de Randín; lugar da parroquia de Santa Cristina de Monte Longo, en Lobeira; ou San Xes de Vilariño, parroquia do mesmo concello. Recarei é lugar da parroquia e concello de Bande.. Enamorar, enamoreime/ alá no lugar das Ribas,/ a rapaza non me quere,/ dime que busque outra vida Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 74. Pode tratarse do lugar de Ribas de Araúxo, na parroquia e concello de Lobios, se ben Xaquín Lorenzo fala doutro Ribas en Calvos de Randín (hoxe non hai tal no Nomenclátor).. No lugarciño de Ribas/ hai unha cabalaceira/ que dá moitas calabazas/ i en cabo queda solteira Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 109. Tampouco se identifica a que Ribas se refire. O Ramonciño de Calvos/ tiña a gorriña esgazada;/ o Ramón a coser nela/ i a Carmela a esgazarlla Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 123. Pode referirise a Santiago de Calvos, parroquia de Bande, ou ó concello de Calvos de Randín.. Pasei pola Olivada,/ dei volta polo Cebreiro;/ as mociñas de Padroso/ todas andan ao carneiro Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 129. No orixinal: paséi. Xaquín Lorenzo non inclúe o lugar da Olivada no seu índice toponímico, e tampouco aparece no Nomenclátor; Padroso é lugar da parroquia de Rioseco, no concello de Calvos de Randín.. Viva Calvos, viva Calvos,/ Viva Calvos de Randín,/ viva Calvos, viva Calvos,/ terriña donde eu nacín Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 162..

Goberno municipal

En 2010 catro edís do PPdeG co apoio do ex-edil do PSdeG José Manuel Andrade presentaron unha moción de censura ao alcalde Aquilino Valencia. A moción non chegou a prosperar porque os veciños impediron a entrada dos censurantes ao pleno. Unha reclamación posterior por vía xudicial rematou co pronunciamento do Xulgado ordenando que se repita o pleno.

Galería de imaxes

Parroquias

Lugares de Calvos de Randín Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Calvos de Randín vexa: Lugares de Calvos de Randín.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Couto Mixto Eleccións municipais en Calvos de Randín

Categoría:Calvos de Randín