miniatura|Dani Karavan no Memorial da Brigada Negev Daniel Karavan (en ), coñecido como Dani Karavan, nado en Tel Aviv (Israel) o 7 de decembro de 1930 e finado na mesma cidade o 29 de maio de 2021, foi un escultor e artista plástico israelí cuxas obras se caracterizan por seren monumentais e integradas na paisaxe.
Traxectoria Os seus pais, Abraham e Zehava Karavan, eran de orixe polonesa e emigraran a Israel en 1920. Dani naceu en 1930 en Tel Aviv, onde o seu pai traballou a mediados do século XX como arquitecto da cidade. Comezou a estudar pintura con 14 anos aprendendo dalgúns artistas locais, tanto na súa cidade natal como na Academia Belazel de Artes e Deseño Xerusalén. En 1948 participou na fundación do kibbutz Harel onde viviu ata 1955 traballando como pintor. Posteriormente, na década de 1950 trasladouse a Europa para completar a súa formación artística, estudando a técnica do fresco na Accademia di Belle Arti de Florencia e debuxo na Académie de la Grande Chaumière de París.
Inicialmente interesado pola arte mural, nos anos 60 fixo os seus primeiros traballos de sona. Un exemplo é un baixorrelevo da parede frontal da sala de sesións da Knesset, para o que volvería a traballar en 1990 para a decoración do auditorio. Logo de reparar que os materiais de construción empregados en Israel non eran axeitados para a decoración mural, centrouse na escultura. A súa primeira obra de envergadura foi o Monumento á Brigada Negev, un memorial para soldados israelís nun combate na Guerra árabe-israrelí de 1948, preto de Bersebá. Foi a primeira mostra da súa especialización en facer obras monumentais con materiais brutos como o cemento pero que se integren na paisaxe e natureza circundante. Participou na Bienal de Venecia de 1976 e na Documenta 6 de Kessel (1977) o que lle deu proxección internacional a súa obra. Ao longo da súa carreira fixo intervencións escultóricas en Alemaña, Corea do Sur, Dinamarca, España, Francia, Italia Suíza, Xapón, ademais de en Israel. Diferentes distincións recoñeceron a Dani Karavan como por exemplo o Premio Israel de 1977, a Praemium Imperiale en 1998, a Medalla Goethe en 1999, Premio Michelangelo en 2005, a Lexión de Honra en 2014 ou o Premio Nacional de Cultura de Cataluña de 2016.
Estaba casado e era pai de tres fillos.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Páxina web do artista (en inglés) Perfil biográfico e artístico de Dani Karavan da páxina web de Praemium Imperiale (en inglés)
Categoría:Israelís de ascendencia polaca Categoría:Nados en 1930 Categoría:Finados en 2021 Categoría:Nados en Tel Aviv Categoría:Profesores da École des Beaux-Arts