Óscar Rodríguez López, nado en Avilés o 10 de xuño de 1904 e finado en Santander en 1976, foi un futbolista e adestrador español. Desenvolveu case toda a súa carreira no Racing de Santander, club do que é o máximo goleador histórico.

Foi internacional coa selección española.

Traxectoria Fillo dun pescador vigués e dunha avilesina, ao pouco de nacer instalouse coa súa familia na Coruña. Na cidade herculina comezou a xogar ao fútbol no Unión Sporting, equipo ao que capitaneou durante anos e onde se converteu nunha das maiores promesas do fútbol galego.

Despois de xogar algúns partidos co Real Club Coruña, instalouse en Santander, onde militou no Racing de Santander dende 1920. Tras un breve regreso á Coruña, onde vestiu a camiseta do Deportivo da Coruña, volveu ao Racing, no que xogou durante preto de 20 anos. Dianteiro centro rápido e con disparo potente, é o máximo goleador da historia do Racing, con 236 tantos. Foi o dianteiro centro da primeira selección de fútbol de Cantabria en 1924, e o primeiro futbolista profesional inscrito en Cantabria tras a admisión do profesionalismo en 1926.

Na Copa do Rei de 1928 marcoulle un triplete ao Real Madrid e outro ao Atlético de Madrid, e con 15 goles foi o segundo máximo goleador da competición, a pesar de que o Racing quedou eliminado na fase de grupos. En 1929 os seus goles foron decisivos na fase de clasificación para decidir o décimo equipo que estrearía a Primeira División. Na tempada 1930/31 acadou co Racing o subcampionato de liga, ao rematar só por detrás do Athletic Club. Nas súas últimas tempadas no Racing actuou como xogador-adestrador.

En 1940 fichou pola UD Salamanca, tamén como xogador-adestrador.

Selección española Coa selección española actuou en dúas ocasións, a primeira delas nun partido contra Portugal en Lisboa en 1925 e a segunda contra Suíza en Santander en 1927.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do adestrador en BDFutbol . Datos do xogador coa selección española .

Categoría:Nados en Avilés Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 1904 Categoría:Españois de ascendencia galega Categoría:Futbolistas de Asturias Categoría:Futbolistas de Galicia Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Racing de Santander Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da UD Salamanca Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Adestradores de fútbol de España Categoría:Adestradores do Racing de Santander Categoría:Adestradores da UD Salamanca