Dear Evan Hansen é un filme musical estadounidense dirixido por Stephen Chbosky e adaptado á pantalla por Steven Levenson a partir do guión do musical homónimo. Está producido por Universal Pictures, e protagonizado por Ben Platt, quen repite o seu papel do musical. O elenco do filme tamén inclúe a Kaitlyn Dever, Amandla Stenberg, Nik Dodani, Colton Ryan, Danny Pino, Julianne Moore e Amy Adams. Estreouse nos cinemas dos Estados Unidos o 24 de setembro de 2021.
Sinopse Evan Hansen (Ben Platt), que está no último ano de instituto, é o típico mozo que sempre se mantén á marxe e pasa totalmente desapercibido entre os seus compañeiros. Connor Murphy (Colton Ryan), un mozo solitario e inestable, faise cunha carta de motivación e inspiración que Evan escribiu para si mesmo. Cynthia, a nai de Connor (Amy Adams) e o seu padrasto descobren a carta cando o mozo se suicida. O contido da carta failles pensar que Connor atopara un amigo. Para consolar á aflixida familia, Evan invéntase unha amizade que nunca existiu.
O que empezou como unha mentira piadosa toma un rumbo totalmente inesperado pillando por sorpresa a Evan. A medida que todos empezan a tomalo por alguén que non é, Evan esfórzase en reunir o valor suficiente para contar a verdade e ser visto como realmente é.
Elenco +ActorPersonaxeBen PlattEvan HansenKaitlyn DeverZoe MurphyAmandla StenbergAlana BeckNik DodaniJared KleinmanColton RyanConnor MurphyDanny PinoLarry MurphyAmy AdamsCynthia MurphyJulianne MooreHeidi Hansen
Produción
Desenvolvemento Universal Pictures comprou os dereitos cinematográficos do musical en novembro de 2018, contratando a Stephen Chbosky como director, e o escritor do musical Steven Levenson tamén se puxo a escribir o guión do filme. Marc Platt e Adam Siegel actuarían como produtores, mentres que os compositores Benj Pasek e Justin Paul do programa actuarían como produtores executivos xunto a Levenson e Michael Bederman.
Preprodución En xuño de 2020, esperábase que Ben Platt, quen interpretou orixinalmente o papel de Evan Hansen no musical, repetise o seu papel para o filme, e Kaitlyn Dever entrou en negociacións para interpretar tamén a Zoe Murphy. O 18 de xuño de 2020, Platt dixo que tiña a intención de repetir o papel a menos que a pandemia de COVID-19 llo impedise. Stephen Chbosky explicou que o obxectivo principal do filme era capturar e inmortalizar a actuación de Platt, afirmando que a súa comprensión do personaxe era bastante completa e profunda e que «non podía imaxinarme a ninguén máis interpretándoo».
En agosto de 2020, Kaitlyn Dever foi elixida oficialmente como Zoe Murphy e Amandla Stenberg uniuse ao elenco como Alana Beck. Ese mesmo mes, Nik Dodani e Colton Ryan uníronse ao elenco do filme como Jared Kleinman e Connor Murphy, respectivamente, o último dos cales repetiu o papel que interpretou como suplente en Broadway. Ao final dese mes informouse que Amy Adams e Danny Pino íanse unir ao elenco interpretando a Cynthia e Larry Murphy respectivamente.
Rodaxe O 25 de agosto de 2020, Ben Platt confirmou que comezara a rodaxe do filme. A filmación do elenco principal rodouse nos Ánxeles e Atlanta, e esperábase que se levase a cabo entre setembro e novembro. O 15 de decembro de 2020, a presidenta de Universal Filmed Entertainment Group, Donna Langley, confirmou que o filme remataría a produción ese mes.
Banda sonora En agosto de 2020, confirmouse que Amandla Stenberg colaboraría coa escritura dunha nova canción para o seu personaxe. O 18 de maio de 2021, lanzouse a páxina web oficial do filme e confirmouse que se incluirían as cancións «You Will Be Found», «Waving Through a Window», «For Forever» e «Words Fail». O mesmo día, Ben Platt declarou nunha entrevista con Vanity Fair que «todos os ritmos principais e todas as cancións favoritas están intactas» no filme con respecto ao musical.
Lanzamento O primeiro avance do filme lanzouse o 18 de maio de 2021. Estreouse en cinemas o 24 de setembro de 2021.
Recepción
Crítica No agregador de recensións Rotten Tomatoes, obtivo unha cualificación media de 4.80/10 baseado en 250 recensións. O consenso dos críticos di: «Dear Evan Hansen fai un bo traballo ao capturar a emoción do seu material orixinal, pero vese socavado por un elenco cuestionable e unha historia que é difícil de asimilar». En Metacritic, o filme ten unha puntuación media ponderada de 39 sobre 100 baseado en 48 recensións críticas, o que indica «críticas xeralmente desfavorables».
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Categoría:Filmes de 2021 Categoría:Filmes en lingua inglesa Categoría:Filmes dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes dirixidos por Stephen Chbosky Categoría:Filmes de Universal Pictures Categoría:Filmes sobre suicidio Categoría:Filmes sobre familias Categoría:Filmes sobre depresión Categoría:Filmes rodados en Atlanta Categoría:Filmes rodados nos Ánxeles Categoría:Filmes distribuídos en sistemas IMAX