Borja Quintela Rodríguez, nado en Ourense o 25 de xaneiro de 1989, é un cantante e compositor galego principalmente en lingua castelá. Traxectoria Inicios profesionais Con 19 anos comezou a frecuentar os karaokes da súa cidade natal, onde estabeleceu contactos con xente do ámbito da música e, sobre todo, do ambiente das orquestras e da verbena. Posteriormente, decidiu presentarse a concursos de karaoke. Tras gañar algún deles "inesperadamente", iniciou a súa formación como vocalista, e comezou a recibir ofertas de traballo de diferentes conxuntos orquestrais. Neste aspecto, formou parte de, entre outras, a orquestra ourensá Costa Dorada e a asturiana Nueva Banda.

Como compositor Durante o seu período como vocalista de orquestra, Quintela foi descubrindo que tiña dotes e inspiración para compoñer cancións. Para acompañar as súas composicións, decidiu tomar algunhas leccións de piano.

O 18 de febreiro de 2015, co selo discográfico Club 33 Music, publicou o seu primeiro tema, “El roce de tu piel”, de inspiración latina, con base principalmente na bachata. A canción permitiulle participar en varios eventos na cidade de Ourense. Algúns deles son o Ourense Dance, o 20 de xuño de 2015, concerto de música dance e techno encadrado no programa das Festas do Corpus de Ourense. Tamén participou na festa de Radio Líder e actuou no programa Bamboleo da Televisión de Galicia.

O ano seguinte, en 2016, saíron á luz tres sinxelos máis: “Pido perdón”, “Puzzle de Dos” e “Hasta quitarte la ropa”.

"Pido Perdón", tamén con Club 33 Music, segue a liña latina de "El roce de tu piel", neste caso cunha base de reguetón. "Puzzle de dos", producido por Sebastian Mato, deriva cara a ritmos máis próximos ao pop. "Hasta quitarte la ropa", lanzado desta volta por Factoria Records, regresa aos ritmos latinos característicos do cantautor ourensán. Este tema, amais, permitiulle gravar o seu primeiro videoclip, dirixido por Álex Carausan.

O 23 de marzo de 2017 publicouse na plataforma YouTube o seu novo tema, "Calla", e o videoclip do mesmo, dirixido de novo por Álex Carausan. Trátase dun retorno ao pop de "Puzzle de dos", mais esta vez con toques de balada e fragmentos máis roqueiros.

En 2019 lanzou unha campaña de micromecenado para o que sería o seu primeiro álbum en solitario, "Todo y nada". A presentación, prevista para maio de 2020 no Teatro Principal de Ourense, tivo que ser adiada debido aos protocolos adoptados ante a pandemia do coronavirus. O traballo, con ritmos que inclúen o pop, o soul, a balada e o R&B, foi publicado finalmente en 2021, tanto en formato físico como en dixital.

Discografía Todo y nada (2021)

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina web de Borja Quintela

Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1989 Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Cantantes en lingua castelá