Xestobium rufovillosum é unha especie de escaravello perforador da madeira da familia Ptinidae (antes Anobiidae) que ás veces infesta a madeira de edificios antigos. O adulto é de cor marrón e mide como media 7 mm de longo. Pon os ovos en gretas escuras de madeira vella do interior de edificios, árbores ou en túneles deixados por xeracións previas de larvas. As larvas perforan a madeira, aliméntanse durante dez anos antes de pupar e despois saen da madeira en forma de escaravellos adultos. A madeira que estivo humedecida e está afectada pola putrefacción fúnxica é branda dabondo como para que as larvas a poidan furar coas súas mandíbulas. Obteñen a súa nutrición utilizando os encimas presentes no seu tracto dixestivo para dixerir a celulosa e hemicelulosa da madeira.
As larvas debilitan as estruturas de madeira dos edificios ao facer túneles dentro dela. O tratamento con insecticidas para matalas é bastante ineficaz e unha mellor opción pode ser matar os escaravellos adultos cando saen en primavera e principios do verán. Porén, a infestación por estes escaravellos adoita estar limitada a edificios históricos, porque os edificios modernos de madeira usan madeiras máis brandas para as trabes e traveseiros en lugar de madeira vella de carballo, que é a que prefiren estes escaravellos.
Para atraer parella, os adultos crean un son repenicante ou como un tictac que pode ás veces oírse nas trabes de edificios antigos nas noites de verán; por iso, este escaravello está asociado con noites calmas de verán nas que non se puido durmir e nalgúns países está relacionado coa vixilia ou o velatorio que se fai a carón dos moribundos ou mortos; de feito, en inglés reciben o nome de deathwatch beetles, que significa escaravellos do velatorio ou da vixilia (ás veces traducido por escaravellos do reloxo da morte, xa que watch ten eses dous significados). Por extensión, existe a superstición de que estes sons son un mal agoiro e anuncian unha morte inminente.
Taxonomía
Forma parte da familia Ptinidae, antes coñecida como Anobiidae. Esta inclúe varias subfamilias como Ptininae, que son preeiros principalmente, Anobiinae, que perforan a madeira, e Ernobiinae, ás que pertence Xestobium, que tamén perforan a madeira. En 1912, Maurice Pic creou Ernobiinae para os escaravellos antes clasificados en Dryophilini por Fall en 1905. White elevou este taxon á categoría de subfamilia en 1962 e 1971, e en 1974 incluíu 14 xéneros na subfamilia.
Descrición
thumb|Vista lateral dun adulto Os ovos son brancos, lixeiramente apuntados nun extremo e pegañentos. Os ovos miden como media 0,7 mm de lonxitude e 0,5 mm de diámetro.
As larvas son de cor crema con seis patas, mandíbulas negras, un par de ocelos a cada lado da cabeza. Crecen ata os 11 mm de longo. Estas larvas son distintivas debido á súa rexión torácica inchada e as moitas setas (setae) douradas que teñen.
A pupa, nas etapas iniciais da súa formación, é brillante e de cor branca leitosa, pero escurécese gradualmente a medida que madura e forma ollos, tarsos e “dentes”. Durante este estadio de desenvolvemento cambia completamente de aparencia formando unha cabeza de adulto, ollos completos, pezas bucais, antenas e patas. A pupa mide 7–8 mm de lonxitude e arredor de 3 mm de anchura.
O adulto é cilíndrico, mide como media de 6 a 7,5 mm de longo. A cabeza está en gran parte ocultada por un escudo torácico marrón. Este escudo e os élitros son marróns escuros ou marróns avermellados, cun feltro de manchas de pelos curtos de cor gris amarelada. As antenas teñen once segmentos, os tres segmentos distais están algo agrandados.
Distribución e hábitat
Este escaravello atópase en Europa, incluíndo o Reino Unido e Córsega, así como en Norteamérica, Alxeria e Nova Caledonia. O seu hábitat natural é a madeira dura morta ou en descomposición ou nalgúns casos a madeira de coníferas, especialmente cando a madeira foi abrandada polo ataque de fungos. Isto pode deberse ao xeito en que a madeira descomposta por fungos afecta ao metabolismo do nitróxeno do escaravello. A madeira en descomposición é tamén máis apropiada para que as larvas a perforen con facilidade, o que permite que se desenvolvan a unha maior velocidade. O sámago brando da madeira é máis nutritivo e normalmente é atacado primeiro, seguida da madeira da cerna que foi abrandada pola descomposición. Os carballos (varias especies de Quercus) son os hóspedes principais, e os carballos americanos son máis susceptibles que os europeos. Os salgueiros podados tamén son atacados no Reino Unido. Non infesta madeira acabada de morrer; deben pasar 60 anos para que un carballo morto chegue á condición máis axeitada para o ataque. Estes escaravellos tenden a permanecer na mesma peza de madeira durante varias xeracións ata que os recursos se gastan e a peza xa non é suficiente para mantelos.
Ciclo vital
Cando saen os adultos (por exemplo, en Gran Bretaña en abril, maio ou xuño), os machos son os primeiros que saen e as femias están desexosas de copular en canto saen, a miúdo pola tarde. A saída só ocorre en temperaturas por riba dos 10º Celsius. O apareamento ten lugar nun lugar apartado, principalmente na superficie da madeira e dura unha hora. As femias poñen ovos en gretas na madeira ou en buratos deixados polos escaravellos que saíron. Os adultos non se alimentan e morren en poucas semanas, momento en que as femias xa puxeron de 40 a 80 ovos en pequenos lotes.
Os ovos fan eclosión en aproximadamente un mes. As larvas acabadas de saír do ovo son diminutas e ábrense paso mastigando a madeira e alimentándose dela. O seu crecemento é lento e poden tardar de dous a dez anos ou mesmo máis en chegar o seu crecemento completo. Nese estadio pupan nunha cámara preto da superficie da madeira e poden saír por un buraco de nova creación pasados 23 días, ou saíren na seguinte primavera (uns once meses despois).
Ecoloxía
Nos edificios estes escaravellos infestan madeira de carballo vella, especialmente a que sufriu unha descomposición por fungos, xeralmente polo fungo Donkioporia expansa. Este fungo afecta a madeira húmida, xeralmente conseguindo entrar nos sitios en que as trabes ou traveseiros están unidos ás paredes de pedra, ou na veciñanza de tellados que filtran auga ou caleiros que reverten auga. Non son os adultos os que causan os danos na madeira senón as larvas ao faceren os seus túneles.
A madeira é difícil de dixerir, pero con tal que esta fose abrandada pola descomposición fúnxica, os encimas do intestino das larvas poderán dixerir a celulosa e a hemicelulosa que forma as paredes celulares; isto permite que as larvas usen os azucres e proteínas contidos nas paredes celulares.
Un predador deste escaravello é Korynetes caeruleus (un escaravello clérido), que tamén come a Anobium punctatum (que ataca mobles). A femia adulta deste predador pon os seus ovos nos buracos de saída feitos polos escaravellos perforadores, e as súas larvas carnívoras móvense polas galerías feitas polos perforadores comendo as outras larvas que encontren. Os adultos de X. rufovillosum non voan moi ben e poden preferir correr pola superficie da madeira. Ás veces son capturados por arañas, e os seus exoesqueletos envoltos en seda poden atoparse nas arañeiras.
Selección de hóspede
Unha femia adulta de X. rufovillosum vive pouco tempo (1 ou 2 meses) e debe atopar un hóspede axeitado no cal poñer os ovos relativamente rápido. Pode usar o olfacto para localizar a madeira que foi descomposta por fungos, a cal será un excelente hóspede. Cando seleccionan un hóspede, a madeira vella (de máis dun século) é a preferida. As árbores con gretas profundas son tamén apropiados, xa que proporcionan un refuxio escuro seguro para os ovos.
Comunicación
Comunícanse golpeando a cabeza nun substrato para crear un ruído repenicante. Os machos e as femias difiren en que os machos adoitan repenicar primeiro e as femias fano despois como resposta. Unha femia responde en 2 segundos á chamada do macho. Unha vez que a femia respondeu, o macho repenica de novo de 2 a 30 segundos despois. Os golpes crean unha vibración que se propaga polo substrato. Este modo de comunicación a longa distancia é distinta da observada na maioría dos outros escaravellos perforadores da madeira, que usan feromonas.
Para localizaren as femias, os machos camiñan curtas distancias, paran e repenican, oriéntanse cara a resposta das femias e repite isto outra vez. Se as femias responden, eles advirten a súa receptividade. As femias que acaban de aparearse non responden. Cada episodio de repenique comprende entre 4 e 11 golpiños nunha frecuencia de 10 Hz. As femias só responden a episodios de repenique con 6 ou máis golpiños e só a episodios con frecuencias de 4 a 20 Hz. Os machos con maiores frecuencias de repenique é máis probable que obteñan unha parella que os que o fan con frecuencias menores.
Apareamento
As femias son selectivas cos machos cos que se aparean. Durante o apareamento os machos perden unha fracción significativa da súa masa corporal, como media un 13,5%, pola exaculación de espermatóforos. Este é un regalo nupcial nutricional para a femia. Aínda que as femias non poden estimar a masa do macho ao velos, poden determinala cando o macho trata de montarse sobre o seu dorso para copular. Como o macho non se alimenta, os seus recursos para o agasallo foron almacenados durante o estadio larval. Os machos que son máis pesados poden doar unha masa máis grande á femia que os lixeiros, o que ten como resultado que as femias elixen os machos máis pesados e rexeitan os máis lixeiros. Ao cederen esta considerable cantidade de masa corporal, os machos reducen a probabilidade de poderse aparear con outras femias adicionais debido á falta de recursos que lles quedan para facer un novo agasallo.
Danos
Debido a que moitos edificios vellos foron construídos con trabes de carballo, polas que os escaravellos se senten moi atraídos, os escaravellos poden causar danos económicos significativos nas zonas onde hai moitas desas construcións.
A identificación da especie de insecto que está no interior da madeira é difícil; pola súa propia natureza as larvas están agochadas fóra da vista no interior das súas galerías. A presenza de insectos perforadores da madeira pode ser revelado pola presenza de residuos fecais e po fresco. Os buracos de saída recentes adoitan ter beiras brillantes, mentres que os buracos vellos téñenas mates. A especie de insecto implicada pode identificarse ás veces examinando os paquetes fecais. Os escaravellos adultos, vivos ou mortos, poden estar presentes no cristal ou no beiril de fiestras, como tamén os inimigos específicos dos escaravellos, cuxa presenza é tamén unha indicación de que hai insectos perforadores da madeira dentro.
O exame directo do interior da madeira por medios destrutivos a miúdo non é aceptable, polo que cómpre usar medios non invasivos. Outros xeitos de identificar os insectos son as trampas de feromonas; son efectivas para os escaravellos dos mobles e os Hylotrupes bajulus, pero non para os Xestobium. Porén, os adultos de X. rufovillosum son atraídos pola luz. Os sons que fan as larvas ao alimentarse poden oírse directamente co oído ou coa axuda dun estetoscopio, e poden usarse tamén escáneres de raios X e de tomografía computarizada. De xeito similar, poden identificarse as larvas activas polas vibracións no rango dos ultrasóns. Os buracos de saída dos X. rufovillosum son de 2 a 3 mm de diámetro, maiores que os producidos polo escaravello que ataca os mobles.
Os X. rufovillosum só atacan edificios feitos principalmente de madeiras duras. A madeira de coníferas dos edificios só adoita ser atacada se está en contacto coas madeiras duras.
Tratamento
Este escaravello foi descrito por primeira vez en 1668 por John Wilkins, pero non foi ata 1913 que se fixo o primeiro estudo científico dirixido polo profesor Lefroy nun intento de buscar unha solución ás infestacións que causaba.