Xita Rubert Castro, nada en Barcelona en 1996, é unha escritora galega.

Traxectoria Filla da poeta focense Luisa Castro e o filósofo catalán Xavier Rubert de Ventós, naceu en Barcelona e criouse en Galicia. Comezou a escribir en galego e aos 15 anos recibiu o Premio Literario Ánxel Casal en modalidade teatro. Despois de comezar os seus estudos de literatura na súa cidade natal, licenciouse en Literatura e Filosofía pola Universidade de Warwick, tras estancias en universidades como a Sorbona. É doutora en literatura comparada pola Universidade de Princeton, onde impartiu clases sobre a relación entre literatura, filosofía e medicina.

Escribiu artigos e impartiu conferencias sobre figuras como Leonardo da Vinci ou Clarice Lispector. As súas obras viron a luz en medios como Iowa Literària, Cité Unie ou Ateneu Barcelonès. Desde 2017, traballa como lectora editorial de linguas estranxeiras para Random House.

Despois de ter publicado contos en antoloxías como Patas de astracán e relatos finalistas, en 2022 iniciouse na narrativa con Mis días con los Kopp, a súa primeira novela, publicada por Anagrama, unha novela onde se abordan temas como a hipocrisía da vida social, a arte, a intelectualidade, a enfermidade mental, a ambigüidade das relacións humanas, a perversión ou o imprevisible, todo con certo sentido filosófico da realidade.

Recibiu premios como o Ánxel Casal, na categoría de teatro, ou o Premio de Relato da Cité International Universitaire de Paris, e foi finalista do Premio de Relato Ana María Matute. Obtivo a bolsa de escritura Montserrat Roig.

Notas

Categoría:Nados en 1996 Categoría:Escritores de Cataluña Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Escritores de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Galegos de Cataluña Categoría:Escritores en lingua galega Categoría:Alumnos da Universidade de Princeton