O bululú era un solitario actor ou humorista que viaxaba a pé de cidade en vila realizando breves representacións, interpretando todos os personaxes que aparecían na loa, farsa ou entremés escollidos do seu variado repertorio (en palabras de Francisco de Quevedo), un «bufo farandulero miserable»). A súa orixe sitúase no Reino de Galicia cara a finais do século XVI, aínda que o espírito do personaxe debeu estar inspirado nos xograres italianos medievais e no teatro isabelino renacentista.

Termo

Uso na literatura O bululú aparece citado en El viaje entretenido, de Agustín de Rojas Villandrando, en 1603, onde se recollen até oito tipos de compañías de teatro ambulante da época: bululú, ñaque, gangarilla, cambaleo, garnacha, bojiganga, farándula e compañía.

Na entretida descrición de Villandrando (presentada como un diálogo teatral), menciónase ao cura da vila como un 'empresario' improvisado e eficiente que preparará a representación do cómico forasteiro e organizará a recollida de moedas do público ocasional, na que segundo Rojas "non poderán faltar o barbeiro e o sacristán" (hipérbole de público diminuído). As loas e entremeses terían lugar nunha praza ou rúa da vila, e se for posible sobre un cofre ou obxecto similar que servise de escenario mínimo. A maior graza e destreza do humorista, que presentará cada un dos personaxes ao público, será darlle voz a todos, cambiando de rexistro tras os anuncios "agora sae a dama" ou "o galán constéstalle".

Aparece tamén en Estebanillo González, de 1646, e nas "Zahurdas" do seu libro dos Soños, Francisco de Quevedo escribía: «Los bufones en racimo son los faranduleros miserables de bululú».

Variantes En dicionarios de castelán aparecen as variantes bululú, bololó e boroló referido ao comediante que representaba obras el só, mudando a voz, e tamén, especialmente en América Latina, barullo, rebumbio ou escándalo, escrito para esta acepción en portugués bololô.

Bululú en La vida y hechos de Estebanillo González aparece como "tropa representativa de infantería" e coa grafía bolulu (noutras edicións posteriores aparece como bolulo, bolula, e no estudo sobre La novela picaresca española (1943), de Ángel Valbuena Prat, de novo como bolulu.

Nos Sueños de Quevedo aparece coa mesma grafía que dan os dicionarios de castelán da RAE a partir de 1822, a empregada por Rojas Villandrando.

Uso contemporáneo A técnica elemental do bululú, dando vida camaleonicamente á súa narración e obrigando ao espectador a usar a súa imaxinación, foi recuperada séculos despois en montaxes populares actuais, como os dos cómicos televisivos ou os contacontos.

Foi un personaxe grotesco nunha das traxicomedias de Valle Inclán e un recurso habitual na obra de dramaturgos modernos como Dario Fo, e a finais dos anos 60 deu nome a un dos primeiros grupos de vangarda de teatro independente en Madrid.

Na Arxentina, durante a segunda metade do século XX, José María Vilches fíxose famoso baixo o nome artístico de El Bululú.

Nos primeiros anos do século XXI, existiu en Francia unha compañía de orixe arxentina con este nome.

En Madrid hai unha sala teatral e unha escola de cine e teatro con ese nome e tamén se escribiron varias pezas co título "Bululú" ou "El bululú".

En Valladolid unha compañía de Teatro chámase Bololó Teatro.

Barriga verde publicou, a mediados do século XX, a revista Bululú. A revista dos Títeres.

Na Coruña hai unha editorial chamada Bululú que publica en galego e castelán.

O autor Cándido Pazó escribiu O bululú do linier, estreada en Compostela en 1999 con Josito Porto, foi traducida tamén ao castelán e incluída no volume colectivo Al borde del área.

A editorial pontevedresa Kalandraka publicou un libro infantil titulado Bulubú.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Entrada no "Proxecto TC/12 sobre Patrimonio Teatral Español Acceso o 15 de agosto de 2013 Notas sobre bululú no tesauro do CVC Consultado o 1 de outubro de 2013

Categoría:Teatro Categoría:Teatro en Galicia Categoría:Teatro en España