Jólabókaflóðið (en galego, «inundación de libros de Jól») é un termo usado en Islandia para describir a publicación masiva de libros novos dende inicios de outubro até o Nadal. Estes adquírense para agasallarse en Noiteboa, o que o converte no galano de Nadal máis popular no país. A tradición esténdese até a noite, cando é común ler os libros novos e tomar chocolate quente.
As novidades publícanse anualmente no Bókatíðindi, un catálogo que se distribúe de balde polas casas. Dita publicación dá comezo á Jólabókaflóðið, que marca o inicio do período de vacacións. A tradición ten a súa orixe na secular historia da literatura islandesa e tamén no estado da economía durante a segunda guerra mundial, cando as estritas restricións monetarias limitaban o número de importacións. Dado que as restricións á importación de papel eran menos severas que as doutros produtos, o libro converteuse no principal agasallo de Nadal.
Contexto histórico Islandia ten unha longa historia de cultura literaria, con referencias que se remontan á colonización. As primeiras mostras escritas empregaban o alfabeto rúnico, orixinario das culturas nórdicas, as primeiras que poboaron Islandia. Atopáronse runas que datan do século X. Con todo, algunhas referencias noutros textos suxiren a súa existencia xa no século IX. Crese que estas runas eran tamén unha herdanza dos deuses, o que convertía a literatura nun elemento fundamental na orixe da cultura islandesa.
Porén, unha colección de obras coñecida como as Sagas de islandeses desencadeou a fascinación islandesa pola literatura dun xeito diferente ao de calquera outra nación. Estas obras foron escritas entre os séculos XII e XV, aínda que se cre que xa existían como contos de tradición oral. A temática era a das crónicas históricas, que co paso do tempo adquiriron un estilo máis próximo á narrativa. Cuns alicerces de escritura e lectura estabelecidos sobre a base da cultura da nación, instituíuse a tendencia do apego á literatura, que se mantivo co paso dos séculos.
Orixe da tradición A tradición instituíuse de maneira oficial en 1944, cando se publicou por primeira vez o Bókatíðindi, por causa da situación económica trala segunda guerra mundial. Moitas nacións autoilláronse co fin de reconstruíren as súas economías, sobre todo en Europa occidental. Este feito fixo diminuír o número de importacións procedentes doutras nacións, o que incluíu a maioría de formas de agasallos. As limitacións respecto ao papel non foron tan restritivas, o que fixo aumentar a súa importación durante os anos posteriores á guerra. Debido á súa neutralidade na contenda, Islandia non sufriu o mesmo impacto económico que a maioría dos países europeos, o que lles deixou unha capacidade de gasto superior á media. Durante as vacacións os libros eran, xa que logo, o agasallo máis doado de atopar.
Notas
Véxase tamén Outros artigos O Nadal na cultura popular islandesa A Día de San Xurxo en Cataluña Día do Libro
Ligazóns externas Bókatíðindi
Categoría:Cultura de Islandia Categoría:Libros Categoría:Artigos sen imaxes