María Kodama, nada en Buenos Aires o 10 de marzo de 1937 e finada en Vicente López o 26 de marzo de 2023, foi unha escritora, tradutora e profesora de literatura arxentina, coñecida pola súa relación co escritor Jorge Luis Borges con quen casou en 1986, pouco antes da morte deste.
Traxectoria miniatura|María Kodama en 2010. Naceu en Buenos Aires, filla de María Antonia Schweizer, de ascendencia suízo-alemá, inglesa e española, e do químico xaponés Yosaburo Kodama.
Estudou Literatura na Universidade de Buenos Aires, e aínda que a convención é que foi ali onde coñeceu ao escritor arxentino Jorge Luis Borges nunhas sesións de estudos literarios grazas ao interese compartido nas linguas anglosaxoas, nunha entrevista ao xornal arxentino La Nación, afirmou que o coñecera con 16 anos. Posteriormente iniciaron estudos do islandés, idioma no que Borges estaba interesado, por consideralo unha lingua nai.
Logo de ser compañeira de estudos (en numerosas entrevistas negou rotundamente ser a súa secretaria persoal) en 1975 viaxaron xuntos aos Estados Unidos. Colaborou con el nos libros Breve antología anglosajona (1978) e Atlas (1984), testemuño de viaxes que realizaron xuntos ao redor do mundo, e na tradución do Gylfaginning, primeiro libro da Edda Menor de Snorri Sturluson, que se publicou baixo o título La alucinación de Gylfi. En 1978 estréase unha película dirixida por Ricardo Wullicher titulada Borges para millones na cal aparece Kodama.
O 26 de abril de 1986 casou con Borges mentres estaban en Suíza, poucos meses antes da morte del. O casamento realizouse por poderes en Asunción de Paraguai e Borges declarouna herdeira universal; o que levou a que os detractores dela a acusasen de obrigalo a el a casar e de se aproveitar del.
Como herdeira universal de Borges, presidiu a Fundación Internacional Jorge Luis Borges, con sede en Buenos Aires e, en 2008, comezou na mesma localidade o proceso de creación dun museo adicado ao escritor.
Faleceu por cancro de mama o 26 de marzo de 2023, na súa casa de Vicente López, ao norte do Gran Buenos Aires.
Polémicas O 4 de decembro de 2019 protagonizou unha polémica co entón presidente electo da Arxentina, Alberto Fernández, ao rexeitar a iniciativa de crear un "Museo Borges" con manuscritos doados polo empresario Alejandro Roemmers. En declaracións exclusivas á axencia Noticias Argentinas, Kodama afirmou que os libros que pretendía achegar o empresario foran "roubados" a Borges por unha empregada doméstica. Logo da acusación, Alejandro Roemmers afirmou que tiña "documentación respaldatoria" para comprobar que os papeis de Borges foron adquiridos de maneira lexítima.
Tamén lle esixiu á editora Alfaguara a retirada da venda da obra do escritor coruñés Agustín Fernández Mallo El hacedor (de Borges). Remake por considerar que non era unha homenaxe ao autor, e conseguiu a retirada.
María Kodama e Galicia En 2008 acompañou a Claudio Rodríguez Fer en Buenos Aires na presentación de Borges dende o labirinto galego. En 2011 pechou na Cidade da Cultura o ciclo literario Galicia, ceo das letras e visitou Galicia con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer.
Obras
Homenage a Borges (2016). Lumen. Relatos (2018). Suramericana. Notas
Referencias
Véxase tamén
Ligazóns externas Sobre "Instantes" e María Kodama Fundación Internacional Jorge Luis Borges
Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Alumnos da Universidade de Buenos Aires Categoría:Tradutores da Arxentina Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Finados en 2023 Categoría:Nados en 1937 Categoría:Escritores da Arxentina