Planudes (en latín Planudes, en grego Πλανούδης) tamén chamado Planudes Máximo, foi un monxe e erudito Constantinopolitano da época romana oriental.

Traxectoria Naceu en Nicomedia de Bitinia (hoxe Izmit). Distinguiuse como teólogo, gramático e retórico, pero o seu papel máis interesante foi o de compilador das coleccións de poetas gregos menores (coñecidos como grilandas ou antoloxías, (Στέφανοι, ̓Ανθολογίαι). Viviu en Constantinopla na primeira metade do século XIV.

Andrónico II Paleólogo enviouno como embaixador a Venecia en 1327. Descoñécense outros fitos da súa vida pública ou privada.

As súas obras individuais non teñen a suficiente importancia para ser enumeradas unha a unha e é necesario agrupalas tematicamente:

oracións e homilías. traducións do latín ao grego: o Soño de Escipión, incluído na República de Cicerón, As metamorfoses de Ovidio, a Disticha de Moribus de Dionisio Catón, o Consolo da filosofía, de Boecio, a Ars grammatica de Elio Donato, a Guerra das Galias, de Xulio César, A cidade de Deus de Agostiño de Hipona. dúas obras gramaticais. unha colección de Fábulas de Esopo. algunhas obras aritméticas entre as que se atopan importantes comentarios sobre a Aritmética de Diofanto. algúns traballos de historia natural. comentarios sobre retóricos gregos. un poema en 47 versos hexámetros e algún outro poema menor.

A súa obra principal, a Antoloxía de Planudes, foi inicialmente considerada a Antoloxía grega por excelencia ata que se descubriu a Antoloxía de Constantino Céfalas.

A Antoloxía de Planudes Consta de sete libros, cada un dos cales, excepto o quinto e o sétimo, está dividido en capítulos e ordenados por orde alfabética. O primeiro libro titúlase Έπιδειτικά (cousas pomposas, cousasostentosas) e recolle epigramas sobre este tema. O segundo, σκωπτικά, fala de temas satíricos. O terceiro, ἐπιτύμβια, é de temática sepulcral, inscricións en túmulos. O cuarto contén inscricións en estatuas de atletas e outras obras de arte. O quinto recolle a Ἔκφρασις de Cristodoro e inscricións e epigramas en estatuas de carros no Hipódromo de Constantinopla. O sexto, ἀναθηματική, reúne maldicións. E o sétimo, ἐρωτικά, fala de cuestións amorosas. Esta distribución é diferente á que fai Agatías na súa colección, coa que ás veces se confundiu. Esta Antoloxía recolle e organiza a de Constantino Céfalas, e engade algúns epigramas diferentes.

Notas

Categoría:Escritores de literatura cristiá Categoría:Monxes ortodoxos Categoría:Gramáticos bizantinos Categoría:Teólogos bizantinos Categoría:Escritores en lingua grega antiga Categoría:Nados no século XIII Categoría:Nados en Izmit