Ana Maria Mazzotti, nada en Caxias do Sul o 17 de agosto de 1950 e finada en São Paulo o 20 de xaneiro de 1988, máis coñecida como Ana Mazzotti, foi unha músico de culto dentro da escena jazz-funk brasileira. Pianista, percusionista e vocalista caxiense radicada en Bento Gonçalves compuxo dous álbums propios categorizados como samba-jazz, jazz-funk ou trippy bossa con escaso número de vendas pero moi boa recepción na crítica especializada, o galardoado coa Ordem do Mérito Cultural, Hermeto Pascoal, cualificou a Mazzoti como “Ana é uma super-musicista”. En 2019 a discográfica Far Out Recordings reeditou o seu traballo, e a National Public Radio estadounidense considerouna unha das mellores reedicións do ano.
Traxectoria Comezou a aprender música aos seis anos, cando entrou no coro da igrexa da súa cidade natal. Na adolescencia comezou como organista e despois foi nomeada directora do Coro Bento Gonçalves. Na súa vila fundou a banda de versións dos Beatles Conjunto Merseybeat, integrada unicamente por mulleres. En 1968 trasladouse a Río de Xaneiro, onde realizou un curso de dirección e coñeceu o músico cearés Romildo Teixeira Santos, co que casou un ano despois da súa chegada á cidade e que a atraeu polo jazz e a bossa nova. A súa carreira profesional máis intensa comezou como líder do grupo Desenvolvimento (1971), no que percorreu numerosas cidades co seu compañeiro Romildo como batería, sendo considerado pola revista Cruzeiro (1975) o grupo musical “máis sofisticado” de Rio Grande do Sul.
Espiritista e naturalista, deixou cancións aclamadas pola crítica, como "Causos", "Grand Chick" (dedicada ao teclista Chick Corea, radicado nos Ánxeles, a quen coñeceu cando este xiraba no Brasil en homenaxe a Gary Burton), "Blues pros bicos" ou "Nada me governa". A maiores dos seus dous álbums en 1974 gravou o sinxelo Eu sou mais eu, que ela mesma consideraba moi avanzado para a época, e un segundo en 1982, que rexistrou a súa participación no Festival de Verán de Guarujá, en São Paulo, Ao Vivo Festival De Verão do Guarujá 82.
Apoiada por Chick Corea e insatisfeita pola escasa recepción do seu traballo no Brasil planea a súa mudanza á cidade de Nova York. O xornal O Globo destacaba en xuño de 1987 que Ana Mazzotti se despediu do Brasil e dixo que a artista planeaba unha xira polos Estados Unidos nos próximos meses.
A traxectoria de Mazzotti interrompeuse e a xira nunca tivo lugar. En xaneiro de 1988, aos 37 anos, morreu dun cancro de pulmón e cerebro.
A súa obra pasou a ser de culto e unha obra cobizada para os coleccionistas de música brasileira de todo o mundo. Un dos maiores entusiastas foi o DJ e produtor musical inglés, Joe Davis, propietario do selo Far Out Records, que decidiu reeditar os seus discos de 1974 e 1977 en LP.
A súa vida foi tratada por dous documentais: Eu sou mais eu (2012) de José Martim Estefanon e SOU Ana Mazzotti (2017) de Johnny Boaventura.
Discografía En Río de Janeiro, a artista gravou o seu primeiro disco con recursos propios, en 1974, no Estúdio Hawaii, situado na Central do Brasil. Naquela ocasión, asociouse con José Roberto Bertrami na composición e, xunto con outros músicos de Azymuth para o acompañamento instrumental.
O segundo disco, homónimo, foi tamén unha produción independente, pero esta vez asociada aos intereses da discográfica italiana GTA, do grupo de comunicación Tupi. Nese momento, a artista tiña unha das súas cancións, Canto de Meditação, incluída na telenovela O Profeta, nesa cadea, cuxa banda sonora GTA tamén publicou nun disco exclusivo.
Álbum Ninguém Vai Me Segurar coa discográfica Top Tape (1974) Ana Mazzotti coa discográfica GTA (1977) Ana Mazzotti reeditado pola discográfica Far Out Recordings (2019)
Singles
Eu son mais eu coa discográfica GTA (1978) Ao Vivo Festival De Verão Do Guarujá 82 coa discográfica FIF (1982) O Filho do Homem reeditado pola discográfica Far Out Recordings (2021)
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas "Agora ou Nunca Mais", canción de Ninguém Vai Me Segurar
Bibliografía . “NINGUÉM VAI ME SEGURAR”: ANA MAZZOTTI E A MÚSICA POPULAR BRASILEIRA NOS ANOS 1970 E 1980 . Publicado em Campus São Francisco do Sul/Dndo. UFPR. Páxina visitada o 31 de outubro de 2024.
Categoría:Pianistas de jazz Categoría:Nados en 1950 Categoría:Músicos do Brasil Categoría:Finados en 1988 Categoría:Nados no Brasil