Marguerite Antoinette Jeanne Marie Ghislaine Cleenewerck de Crayencour, coñecida como Marguerite Yourcenar, nada en Bruxelas (Bélxica) o 8 de xuño de 1903 e finada en Mount Desert Island (Estados Unidos de América) o 17 de decembro de 1987, foi unha poeta, novelista, autora de teatro e tradutora francesa. En 1983 foi galardoada co Premio Erasmus.

Traxectoria Marguerite Yourcenar foi educada polo seu pai. Súa nai morreu aos 10 días do seu nacemento por complicacións no parto. Yourcenar lía a Racine e Aristófanes á idade de oito anos. Seu pai ensinoulle latín aos 10 e grego clásico aos 12.

Carreira literaria A partir de 1919, abandona o seu nome de pía e empeza a firmar como Marguerite Yourcenar (Yourcenar é un anagrama do seu apelido). A súa primeira novela Alexis foi publicada en 1929. A súa mellor amiga nese momento, unha tradutora chamada Grace Frick, invítaa a Estados Unidos, onde dará clases de Literatura comparada na cidade de Nova York. Yourcenar e Frick faranse amantes en 1937 e seguirían xuntas ata a morte de Frick en 1979 a consecuencia dun cancro de mama.

Traduciu ao francés As ondas de Virginia Woolf, en 1937, O que Maisie sabía, de Henry James, en 1947 e a Yukio Mishima.

En 1951 publica en Francia a novela Memorias de Hadrián, na que estivo traballando durante unha década. A novela tivo un éxito inmediato e unha grande acollida por parte da crítica. Nela Yourcenar recrea a vida e morte dunha das figuras máis importantes do mundo antigo, o emperador romano Hadrián. A obra está escrita a modo de longa carta do emperador a Marco Aurelio, ao seu sucesor e fillo adoptivo. Hadrián explica o seu pasado, describindo os seus triunfos, o seu amor por Antínoo e a súa filosofía. Memorias de Hadrián foi unha novela pioneira, que tivo moita influencia na novelística histórica posterior, converténdose nunha obra mestra moderna.

Foi a primeira muller elixida membro da Academia francesa en 1980, aínda que dende 1970 xa pertencía á Academia belga. Unha das máis respectadas escritoras en lingua francesa, tras o éxito de Memorias de Hadrián, seguiu publicando novela, ensaio, poesía e tres volumes de memorias.

Yourcernar viviu a maior parte da súa vida na súa casa Petite Plaisance en Mount Desert Island no estado de Maine. A casa é agora un museo dedicado á súa memoria.

Obra Le jardin des chimères (1921) poemas Les dieux ne sont pas morts (1922) poemas Alexis ou le traité du vain combat (1929) novela La nouvelle Eurydice (1931) 1934 novela Feux (1936) poema en prosa Les songes et les sorts (1938) Nouvelles orientales (1938) Le coup de grâce (1939) Memorias de Hadrián (Mémoires d'Hadrien, 1951) novela, traducida ao galego por Ánxela Gracián. Électre ou La chute des masques (1954) Les charités d'Alcippe (1956) A beneficio de inventario (1962) (ensaios) L'Œuvre au noir, Prix Femina (1968) Recordatorios (1973) (primeira parte da triloxía familiar O labirinto do mundo) Souvenirs pieux (1974) Archives du Nord (1977) (segunda parte da triloxía familiar O labirinto do mundo) Le cerveau noir de Piranèse (1979, ensaio) Mishima ou la vision du vide (1980, ensaio) Un homme obscur (1981) Ana, soror (1981) Traducida ao galego por G. Constenla, M.ª X. Queizán e Esther Sánchez. Como a auga que flúe (1982) Le temps, ce grand sculpteur (1983, ensaios) Quoi? L'Éternité (1988) (terceira parte da triloxía familiar O labirinto do mundo publicada postumamente; inacabada) Peregrina e estranxeira (1989) (recompilación póstuma de ensaios) Conto azul (Conte bleu, 1993; traducido ao galego por María Xosé Queizán)

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Nota da Academia francesa . Biografía sucinta .

Categoría:Escritores en lingua francesa Categoría:Escritores de Bélxica Categoría:Tradutores de Bélxica Categoría:Tradutores do inglés Categoría:Tradutores ao francés Categoría:Nados en 1903 Categoría:Nados en Bruxelas Categoría:Finados en 1987 Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade Harvard Categoría:Premio Erasmus