João Leite da Silva Neto, coñecido simplemente como João Leite, nado en Pitangui o 13 de outubro de 1955, é un político e exfutbolista brasileiro, que xogaba como gardameta. É o xogador que máis veces vestiu a camiseta do Atlético Mineiro, con 684 partidos, e foi internacional coa selección brasileira.
Membro do PSDB, foi elixido deputado na Asemblea Lexislativa de Minas Xerais en seis mandatos consecutivos. É pai do tamén futbolista e porteiro Helton Leite.
Traxectoria Desenvolveu case toda a súa carreira deportiva no Atlético Mineiro, co que debutou en 1976, cando substituíu nun partido ao lesionado Miguel Ángel Ortiz. Nos seguintes anos conquistou once veces o Campionato Mineiro e foi dúas veces subcampión do Campionato Brasileiro nas tempadas 1977 e 1980, caendo nas finais ante São Paulo e Flamengo respectivamente.
En 1988 deu o salto ao fútbol europeo, asinando polo Vitória de Guimarães, e un ano despois regresou ao Brasil, onde xogou brevemente no Guarani e no América Mineiro. En 1991 regresou ao Atlético Mineiro, co que gañou ao ano seguinte a Copa CONMEBOL, sendo o gardameta titular na final a dobre partido ante o Olimpia. A continuación puxo fin á súa carreira deportiva, retirándose como o futbolista con máis partidos disputados na historia do Galo (684).
Foi convocado por Cláudio Coutinho para disputar coa selección brasileira a Copa América de 1979, aínda que non chegou a debutar no torneo, sendo o gardameta titular Émerson Leão. Ao ano seguinte foi chamado polo novo seleccionador Telê Santana para a disputa da da Copa de Ouro de Campións Mundiais no Uruguai. Debutou no partido contra a Arxentina, onde ingresou para substituír ao mancado Carlos cando o marcador sinalaba 1-1, e conseguiu manter a portería a salvo dos ataques do equipo liderado por Maradona. Foi titular no seguinte partido ante Alemaña Federal e tamén na final, na que os brasileiros conquistaron o título diante da selección anfitrioa. Xogou un total de 5 partidos oficiais coa selección entre 1980 e 1981.
João Leite foi un dos precursores do movemento dos Atletas de Cristo, e adoitaba dar biblias aos xogadores rivais, motivo polo que foi coñecido como o Goleiro de Deus ("o porteiro de Deus").
Trala súa retirada entrou en política e dende 1995 é deputado estatal en Minas Xerais, sendo elixido para seis mandatos consecutivos polo PSDB. Presentouse á alcaldía de Belo Horizonte en tres ocasións (2000, 2004 e 2016) e acadou a segunda rolda en 2000 e 2016, caendo derrotado ante Célio de Castro na primeira delas e ante Alexandre Kalil na última. Entre 2003 e 2004 foi secretario de Estado durante o goberno de Aécio Neves.
Vida persoal Casou coa xogadora de voleibol Eliana Maria Aleixo, capitá da selección brasileira de voleibol e participante nos Xogos Olímpicos de 1980. Con ela foi pai do futbolista Helton Leite, da xogadora profesional de voleibol Débora Leite e da irmá xemelga desta, Daniela Leite, que competiu como ximnasta nos Xogos Olímpicos de 2008.
Notas
Categoría:Nados en 1955 Categoría:Nados no estado de Minas Xerais Categoría:Futbolistas do Brasil Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Clube Atlético Mineiro Categoría:Xogadores do Guarani FC Categoría:Xogadores do Vitória SC Categoría:Xogadores do América Mineiro FC Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Brasil Categoría:Políticos do Brasil