Virtudes Cuevas Escrivà, nada en Sueca (Valencia) o 3 de febreiro de 1913 e finada en Villejuif (Francia) o 5 de xullo de 2010, foi unha valenciana sobrevivente do campo de concentración feminino de Ravensbrück. Militou nas Juventudes Socialistas Unificadas e durante a guerra civil española alistouse no Quinto Rexemento. Conforme avanzaban as tropas franquistas, desprazouse a Cataluña e chegou a Francia. Alistouse na resistencia francesa e foi coñecida como «Madame Carmen» ou «Madame Vidal». Actuou como enlace e proveu de alimentos a militantes anarquistas, comunistas e socialistas coa posta en circulación de propaganda, información e armas. Sobreviviu a Ravensbrück xunto a Geneviève de Gaulle, sobriña do xeneral Charles de Gaulle, con quen mantería amizade até o final da súa vida. Foi condecorada polo presidente Charles de Gaulle cos graos de Cabaleiro, Oficial e Comandante na Lexión de Honra.
Estaba casada con Alberto Codina Labrador (Bagur, 1912 - Vitry-sur-Seine, 1991), tamén vítima da represión nazi e internado no campo de concentración de Mauthausen.
En 2003 legou unha casa e un soar da rúa Magraners, números 18 e 20, ao Concello de Sueca para a súa utilización como sede do museo onde se difundirían as barbaries cometidas polo nazismo e o fascismo.
Notas
Categoría:Membros españois da Resistencia francesa Categoría:Nados en Sueca Categoría:Sobreviventes dos campos de concentración nazis Categoría:Finados en 2010 Categoría:Nados en 1913