Með suð í eyrum við spilum endalaust é o quinto álbum de estudio da banda islandesa de post-rock Sigur Rós, publicado o 23 de xuño de 2008 a través dos selos EMI e XL Recordings.
Todas as letras do álbum estaban pensadas orixinalmente para estar en inglés, pero ao final a banda decidiu que o islandés lles resultaba máis natural. Algunhas letras foron traducidas de novo ao islandés, mentres que algunhas cancións recibiron textos completamente novos. É o primeiro disco da banda que inclúe unha canción cantada en inglés ("All Alright"). A primeira canción do traballo, "Gobbledigook", estreouse no programa musical de Zane Lowe na BBC Radio 1 no Reino Unido o 27 de maio de 2008. "Festival" estreouse no programa de Radio 1 de Colin Murray o 3 de xuño de 2008. "Inní mér syngur vitleysingur" utilizouse como melodía do programa Colin Murray's Gold Run, que se emitiu na BBC Radio 5 Live durante o período previo aos Xogos Olímpicos de Verán de 2012. En decembro de 2008 a revista en liña estadounidense Somewhere Cold clasificou Með suð í eyrum við spilum endalaust como número 3 no seu Salón da Fama dos Premios Somewhere Cold de 2008.
En xeral, a música continúa o afastamento de Sigur Rós da súa música xeralmente etérea e minimalista, sendo máis lúdica e fantasiosa que os seus primeiros traballos, con melodías de guitarra máis tradicionais, instrumentación acústica e composicións orientadas ao folk seguindo a liña dos seus álbums posteriores.
O álbum estivo dispoñible para a súa reserva dende o 3 de xuño no sitio oficial da banda, e o 5 de xuño a banda interpretou "Gobbledigook", "Inní mér syngur vitleysingur", "Festival", "Fljótavík", "Við spilum endalaust" e "All Alright" en directo en Guadalaxara, México. O 8 de xuño o álbum completo foi transmitido a través da páxina da banda. O 19 de xuño os álbums reservados comezaron a chegar por correo.
A portada do álbum é unha fotografía de Ryan McGinley, titulada "Highway". Orixinalmente, a portada do álbum ía ser feita por Olafur Eliasson; sería a primeira vez que a banda lle pasaba a portada a un artista externo. Ao final non lles gustou o deseño proposto e crearon a portada eles mesmos usando a fotografía.
A canción "All Alright" xogou un papel central na película Ondine de Neil Jordan de 2009, mentres que "Festival" apareceu na película 127 Hours de 2010, protagonizada por Danny Boyle.
Listaxe de cancións
Notas
Categoría:Álbums de Sigur Rós Categoría:Álbums musicais de 2008 Categoría:Álbums producidos por Flood Categoría:Álbums de EMI Records Categoría:Álbums de XL Recordings