O Imperio Sunga ( IAST: Śuṅga ) foi unha entidade gobernante centrada en Magadha e que controlou a maior parte do subcontinente indio norte desde aproximadamente o ano 187 ata o 75 a. C. A dinastía foi establecida por Pushyamitra, despois de tomar o trono de Magadha dos mauryas. A capital do Imperio Sunga foi Pataliputra, pero emperadores posteriores como Bhagabhadra tamén celebraron a corte en Besnagar (a moderna Vidisha ) no leste de Malwa. Esta dinastía tamén é responsable de loitar e resistir con éxito aos gregos na guerra sunga grega.

Pushyamitra gobernou durante 36 anos e foi sucedido polo seu fillo Agnimitra. Houbo dez gobernantes sunga. Non obstante, tras a morte de Agnimitra, o segundo rei da dinastía, o imperio desintegrouse rapidamente: as inscricións e as moedas indican que gran parte do norte e centro da India consistía en pequenos reinos e cidades estado que eran independentes de calquera hexemonía sunga. A dinastía é coñecida polas súas numerosas guerras con potencias estranxeiras e indíxenas. Loitaron contra os kalinga, a dinastía satavahana, o Reino Indogrego e posiblemente contra os panchalas e os mitras de Mathura.

A arte, a educación, a filosofía e outras formas de aprendizaxe floreceron durante este período, incluíndo pequenas imaxes de terracota, esculturas de pedra máis grandes e monumentos arquitectónicos como a estupa de Bharhut e a recoñecida estupa de Sanchi. Os gobernantes sunga axudaron a establecer a tradición de patrocinio real do aprendizaxe e a arte. A escritura utilizada polo imperio era unha variante da escritura brahmi e usábase para escribir o sánscrito.

Os sungas foron importantes mecenas da cultura nunha época na que estaban a ter lugar algúns dos desenvolvementos máis importantes do pensamento hindú. O Mahābhāṣya de Patanjali foi composto neste período. A arte tamén progresou co auxe do estilo artístico mathura.

O último dos emperadores Sunga foi Devabhuti (83 - 73 a. C.). Foi asasinado polo seu ministro Vasudeva Kanva e dise que lle gustaba demasiado a compañía das mulleres. A dinastía kanva sucedeu aos sunga arredor do ano 73 a. C.

Notas

Categoría:Imperios desaparecidos Categoría:Estados da Idade Antiga Categoría:Historia da India