Serafín Blanco Valcárcel, nado en Santa Tegra de Abeleda (O Castro de Caldelas) o 8 de xaneiro de 1912 e finado en Decazeville (Aveyron) o 4 de febreiro de 1981, foi un refuxiado galego deportado aos campos de concentración nazis.
Traxectoria Pertenceu á UGT desde 1934, á sección de Comercio, e ás Juventudes Socialistas Unificadas, resultado da fusión das xuventudes do PSOE e do PCE, desde o 30 de xaneiro de 1936.
Viviu en Xerez da Fronteira, onde tamén residía a súa nai, María, e seus tres irmáns, máis novos. Era representante de roupa e lencería. En La Línea de la Concepción coñeceu a súa muller, Julia Valero Hassan, xudía.
Voluntario do exército da República, chegou a cabo do 11 grupo de tropas de intendencia. Fixo a instrución militar no campamento de Pins del Vallés (hoxe Sant Cugat del Vallès).
Fuxida a Francia miniatura|Certificado de que fixo a instrución militar. Ao final da guerra civil fuxiu a Francia e foi confinado no campo de Argelès, rexistrado como "condutor". Despois integrouse na Compañía de Traballadores Nº 121. Foi arrestado en Angoulême o 28 de decembro de 1942. Pasou por varias prisións ata chegar ao campo de tránsito de Compiègne, desde onde foi deportado, o 24 de xaneiro de 1943, cara o campo de concentración de Sachsenhausen, Kommando Speer, co número 58665.No arquivo de PARES, do Ministerio de Cultura, aparece co número 58662. O Kommando Speer foi un destacamento de traballo formado en Oranienburg en 1941, composto por prisioneiros do campo de concentración de Sachsenhausen. Ata 1942 empregouse como planta de procesamento de pedra, que traballaba para a oficina do Inspector Xeral de Edificacións para a Capital do Reich (GBI), Albert Speer. Desde 1943 dedicouse á recuperación de materias primas valiosas para a economía de guerra (cobre, chumbo etc.) que se extraían de vellos cables metálicos. miniatura|Ficha de preso no campo de Sachsenhausen. alt=Datos de Serafín no rexistro de Sachsenhausen|miniatura|Datos de Serafín no rexistro do campo de Sachsenhausen. Foi liberado o 3 de maio de 1945 polo exército soviético. No ano 1949 abriuse un expediente para recoñecerlle a súa participación na Resistance Interieure Francaise, mais rexeitouse a solicitude en 1953, xa que a documentación "non achega a proba da súa actividade resistente".
Daquela vivía en Decazeville, no departamento de Aveyron, coa súa muller e dous fillos. En febreiro de 1962 figura nunha listaxe recollida no boletín número 98 da Amicale de Mauthausen francesa. A relación correspondía ás persoas que achegaran diñeiro para a construción do monumento español no campo de Mauthausen, inaugurado en maio dese mesmo ano. Serafín doou 50 francos.
Foi xulgado en España polo Tribunal Especial para a Represión da Masonaría e o Comunismo en 1962, e como resultado do auto a súa causa foi sobresida e arquivouse provisionalmente.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Amat-Piniella, Joaquim (2014). K. L. Reich. Barcelona: Libros del Asteroide. Bermejo, Benito; Checa, Sandra (2006). Libro memorial: españoles deportados a los campos nazis (1940-1945). Madrid: Ministerio de Cultura. Federación Nacional de Deportados e Internados Resistentes y Patriotas (1969). Deportación. El horror de los campos de concentración. Barcelona: Petronio. Hernández de Miguel, Carlos (2015). Los últimos españoles de Mauthausen. La historia de nuestros deportados, sus verdugos y sus cómplices. Barcelona. Ediciones B. Wachsmann, Nikolaus (2015). KL. Historia de los campos de concentración nazis. Barcelona. Crítica. VV. AA. (2004). Livre-mémorial des déportés de France arrêtés par mesure de répression et dans certains cas per mesure de persécution 1940-1945. París: Éditions Tirésies.
Categoría:Nados no Castro de Caldelas Categoría:Nados en 1912 Categoría:Finados en 1981 Categoría:Galegos sobreviventes dos campos de concentración nazis