A Asociación Cultural Lumieira de Chantada naceu en 1974 e durou ata 1985, desenvolvendo un importante labor cultural na vila luguesa.

Traxectoria Comezou organizando actividades en 1974 e conseguiu a legalización en 1976.

Durante unha década organizou actividades en galego desde unha perspectiva galeguista: palestras, obras de teatro, exposicións, concursos, cinema... Conseguiu eludir a censura e os impedimentos propios daquela época entre o franquismo e a democracia. Houbo palestras censuradas e en 1975 o carro sobre a emigración no Folión dos carros foi vandalizado.

Para conseguir a legalización tiña que ser avalada por persoas maiores de idade e con certa consideración social, por iso aquelas mozas e mozos acudiron a xente coñecida na comarca como Xulio de Abral, Xilberto Fernández ou Xosé Pin, cura de Sabadelle.

En 1975 colaborou co Concello de Chantada na organización das festas patronais do verán: programa en galego, 2ª Mostra do Libro, exposición e proxección cinematográfica sobre Castelao, festival do Movemento Popular da Canción Galega... En 1976 convocaron o Certame literario, gañado por Anxo Boán coa Traxicomedia de Luís e Margarita.

Grazas a Lumieira, por Chantada pasaron figuras como Francisco Rodríguez, Ricardo Carvalho Calero, Margarita Ledo Andión, Carlos Casares ou Claudio Rodríguez Fer. Fixéronse táboas redondas sobre problemas do momento como a recuperación do Entroido ou o centro de saúde. No apartado musical conseguiu levar a Miro Casabella, Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos ou Roi Xordo. Representáronse obras de Manuel María, do grupo Candea e pezas como Celtas sen filtro ou Por Dios, Eros.

O primeiro Presidente foi Francisco Román Costa, Pablo Rubén Eyré foino nos anos oitenta. A asociación chegou a contar con 150 socios que pagaban unhas 50 pesetas ao mes. A mediados dos oitenta foi esmorecendo cando moitos dos mozos e mozas marcharon fóra ou se dedicaron a tarefas profesionais. Algúns deles tiveron despois responsabilidades na política e na vida local.

En 2024, cincuenta anos despois, volveron xuntarse en Chantada moitos dos artífices daquela Lumieira, como Manuel Anxo Taboada, Xosé Antonio Taboada, Afonso Eiré, Pablo Rubén Eyré, Xosé Manuel Eyré, María Xosé Doval, Marisa Doval, Xosé Figueroa, Laura Vázquez, Manolo Figueiras, Celsa Varela, Carlos Fernando Varela, Luís Regal, María Xosé Regal, Xosé Manuel Boán, Xosé Manuel Ledo, Belén Fernández, Paco Costa, Luís Méndez, Susi López, Pepe Siera, Xan Argiz, Jorge Méndez, Camilo Lorenzana...

Notas

Categoría:Asociacións culturais de Galicia Categoría:Cultura de Galicia sen imaxes Categoría:Chantada