As Eisbären Juniors Berlin Frauen é un equipo feminino de hóckey sobre xeo da cidade de Berlín, Alemaña. As Eisbären foron fundadas en 2017 e compiten na Deutsche Frauen Eishockey Liga (DFEL), a máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino de Alemaña. Xoga os seus partidos como local no Wellblechpalast, un pavillón con capacidades para 4 695 persoas.

Os maiores logros do equipo na súa curta historia foron os subcampionatos da DFEL conquistados nas tempadas 2020-21 e 2025-26.

Historia Fundación O 15 de xuño de 2017 na sede de GASAG, principal patrocinador do Eisbären Berlin, anunciouse a expansión das actividades do Eisbären Juniors Berlin coa creación dun equipo feminino. No acto, no que estiveron presentes persoas da directiva de GASAG e Eisbären Juniors Berlin ou a xogadora internacional alemá Nina Kamenik, confirmouse que o novo equipo competiría na máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino alemán, a Deutsche Frauen Eishockey Liga (DFEL). Ese mesmo verán seis xogadoras do equipo participaron nos campamentos das seleccións nacionais A e sub-18 celebrados en Altenberg entre os días 29 de xuño e 2 de xullo.

O 6 de agosto de 2017 presentouse a Amy Young como adestradora do equipo. Young fora contratada polo club xa en 2013 como adestradora de habilidades e exerceu tamén como adestradora asistente. Días despois, o 10 de agosto, o club anunciou que Torsten Szyska sería o director do equipo, mentres que Susann Götz, antiga xogadora internacional coa selección alemá, asumiu o cargo de directora deportiva do equipo. Dous anos ante Götz retirárase do hóckey en activo, mais seguiu a colaborar co equipo feminino do OSC Berlin na Bundesliga.

Primeiros anos miniatura|O Eisbären xogou o seu primeiro partido na Bundesliga no Wellblechpalast de Berlín, que ese mesmo ano acolleu a DEB-Pokal. O Eisbären debutou na Bundesliga o 14 de outubro de 2017 no seu pavillón, o Wellblechpalast, fronte o EC Bergkamener, nun partido no que Anne Bartsch anotou o primeiro gol na historia do equipo para adiantar no marcador ás berlinesas no minuto 2:18, mais que acabou por decantarse do lado das visitantes nos shootouts, conseguindo o equipo o primeiro punto da súa historia no seu debut. Esa mesma fin de semana o equipo disputou o seu segundo partido contra as mesmas rivais e no mesmo escenario, mais desta volta o Bergkamener impúxose por un axustado 1-2 no tempo regulamentario, privando o Eisbären de conseguir algún punto. O Eisbären acabou a liga regular cunha vitoria por 1-6 fronte o SC Langenhagen, colista da competición, no Pferdeturm. A súa primeira tempada na Bundesliga saldouse cun rexistro de sete vitorias, tres derrotas máis aló do tempo regulamentario e 18 derrotas para un total de 24nbsp;puntos que situaron o equipo da capital alemá na sexta posición de oito equipos, empatado a puntos co sétimo clasificado, as Mad Dogs Mannheim.

Logo de finalizar a súa primeira tempada na Bundesliga, as Eisbären participaron na DEB-Pokal, que ese ano se disputou no Wellblechpalast co equipo como anfitrión entre os días 17 e o 18 de marzo. As xogadoras locais debutaron na competición cunha contundente derrota por 6-1 fronte o ECDC Memmingen, polo que na xornada do domingo disputaron o partido polo terceiro posto fronte o Planegg, que se saldou cunha nova derrota do equipo berlinés (3-6).

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Sitio web oficial

Categoría:Equipos femininos de hóckey sobre xeo de Alemaña