Sgs1, tamén chamada supresor do crecemento lento 1, é unha proteína ADN helicase que se atopa no lévedo Saccharomyces cerevisiae. É un homólogo da helicase bacteriana RecQ. Igual que outros membros da familia da helicase RecQ, Sgs1 é importante para a reparación do ADN. En concreto, Sgs1 colabora con outras proteínas para reparar as roturas de dobre febra durante a recombinación homóloga en eucariotas.

Meiose

miniatura|400px|Un modelo actual de recombinación meiótica, iniciada por unha rotura de dobre febra ou oco, seguido do apareamento cun cromosoma homólogo e invasión da febra para iniciar o proceso de reparación recombinacional. A reparación do oco pode orixinar que as rexións flanqueantes se sobrecrucen (CO, crosing-over) ou non se sobrecrucen (NCO). A recombinación CO (con sobrecruzamento) pénsase que ocorre polo modelo da unión de Holliday dobre (DHJ, Double Holliday Junction), ilustrado arriba á dereita. Os recombinantes NCO (que non se sobrecruzan) pénsase que se producen principalmente polo modelo do annealing de febra dependente de síntese (SDSA, Synthesis Dependent Strand Annealing), ilustrado arriba á esquerda. A maioría dos eventos de recombinación parecen ser do tipo SDSA.

A helicase Sgs1(BLM) é un ortólogo da proteína da síndrome de Bloom humana. Parece ser un regulador central da maioría dos eventos de recombinación que ocorren durante a meiose de S. cerevisiae. Durante a meiose normal Sgs1(BLM) é responsable de dirixir a recombinación cara á formación alternada de recombinantes sen sobrecruzamento (NCO) temperáns ou ben de moléculas unidas por unión de Holliday, sendo esta última resolta como sobrecruzamentos (CO) (ver Figura). Os diversos papeis de Sgs1 na recombinación meiótica foron revisados por Klein e Symington. Primariamente, Sgs1 despraza o intermediario de invasión da febra que inicia a recombinación, facilitando así a recombinación sen sobrecruzamento ou NCO (ver recombinación homóloga e proteína da síndrome de Bloom).

Sgs1 tamén ten un papel nunha vía que leva á formación de recombinantes con sobrecruzamento (CO). Sgs1 xunto con EXO1 e o heterodímero MLH1-MLH3 (MutL gamma) definen a vía de resolución dunha molécula unida que produce a maioría dos sobrecruzamentos no lévedo de xemación, e por inferencia, en mamíferos.

Notas

Categoría:Reparación do ADN