Lucio Domicio Alexandre (orixinalmente, en latín, Lucius Domitius Alexander ), falecido arredor do ano 310, foi un emperador romano dende o ano 308 ata o 310 durante a época da Tetrarquía. Antes de usurpar o título, foi vicario de África.
Traxectoria A descrición máis detallada, inda que algo confusa, da insurrección dáa Zósimo (II, 12 e 14). Informa que Maxencio enviou o seu retrato a África para obter recoñecemento como emperador alí. As tropas resistiron pola súa lealdade a Galerio. Maxencio ordenou a Domicio Alexandre, o vicario de África, que enviase o seu fillo a Roma para garantir a súa lealdade. Alexandre negouse e foi proclamado emperador polo seu exército. O incidente probablemente foi causado polo conflito entre Maxencio e o seu pai Maximiano en abril do ano 308, e Zósimo confundiu a Galerio con Maximiano no seu relato.
Ademais das provincias do norte de África (a actual Alxeria, Tunisia e o oeste de Libia), Alexandre tamén controlaba Sardeña. Unha inscrición de Sicca, a actual El Kef, leva o nome de Alexandre e Constantino I como emperadores, o que pode implicar algún tipo de alianza, inda que isto é incerto. Salama suxire que, como moi tarde, o posible pacto se celebrou no outono de 310. Segundo Noel Emmanuel Lenski, Constantino "parece que ofreceu [o seu apoio], inda que con moita cautela, nun intento de manter a presión sobre Maxencio". A usurpación, que coincidiu co recoñecemento de Constantino como augustus, arruinou efectivamente o equilibrio de poder tetrárquico, xa que agora había 5 augustos e só 1 césar.
Maxencio enviou ao seu prefecto do pretorio, Rufio Volusiano, e a un tal Zenas para sufocar a rebelión, e Alexandre foi feito prisioneiro e logo executado por estrangulación. Ao parecer, as súas tropas non ofreceron moita resistencia. Maxencio tomou represalias con confiscacións dos bens dos supostos partidarios de Alexandre. O ano do final do reinado de Alexandre é obxecto de debate, inda que é posible que fose a finais do 309 ou a principios do 310.
Notas
Categoría:Nados no século III Categoría:Finados no século IV Categoría:Emperadores romanos Categoría:Usurpadores romanos do século IV