Dolores Catarineu Saldaña, nada en Aravaca o 30 de decembro de 1916 e finada en Madrid o 28 de xuño de 2006, foi un poeta española do século XX.

Traxectoria Naceu no entón municipio de Aravaca. Foi a menor dos tres fillos de José Catarineu Ibarra e María Amparo Saldaña del Corral, quen posuían unha importante fábrica de xabóns, lixivias e aceites. Asistiu á Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Central de Madrid como alumna oínte. Juan Ramón Jiménez animouna a publicar os seus poemas en revistas e ocupouse, ademais, da edición do seu primeiro libro, Amor, sueño, vida, en 1936. En febreiro e maio dese ano publicou un adianto do seu poemario máis dous poemas inéditos na revista universitaria Floresta de Prosa y Verso.

Catarineu pertenceu ao grupo denominado «Los jóvenes y el arte», formado por mozos aristócratas, intelectuais e escritores de Madrid a finais de 1934 até o comezo da guerra civil. A resposta estética e ideolóxica do grupo á radicalización da sociedade española era unha mirada ao pasado romántico máis conservador e nacionalista. Os seus membros mantiñan un elitismo excluínte e entre os máis coñecidos atópanse os escritores Eduardo Marquina, César González-Ruano, José María Pemán e Agustín de Foxá. Estes autores déronse a coñecer polos actos que organizaron para conmemorar o centenario do Romanticismo e que incluíron varias visitas a xardíns e cemiterios da capital. Foron documentados no libro colectivo Los crepúsculos (1936), coordinado por Mariano Rodríguez de Rivas e impreso por Manuel Altolaguirre.

Catarineu participou de forma activa nas festas literarias deste grupo. Coñéceselle unha disertación, Principio del crepúsculo doliente y suave claridad de la luna tardía, que deu o 20 de novembro de 1935. Doutra banda, con motivo da publicación do seu primeiro poemario, Amor, sueño, vida, foi homenaxeada entre outros por Agustín de Foxá e Halma Angelico. Tras a guerra civil seguiu colaborando en revistas literarias como Entregas de poesía, revista que se publicou en Barcelona entre 1944 e 1947 ou Mediterráneo, nun número dedicado ás poetas contemporáneas.

En 1943 publicou o seu segundo e último poemario, Siempre. Estivo presente en revistas como Entregas de poesía (1944) e na Antología de poetas españoles contemporáneos en lengua castellana (1946) de César González-Ruano. En 1945 casou co pintor alemán Hans Bloch, quen se estabeleceu en España despois da segunda guerra mundial. Tras o seu casamento xa non publicou ningún libro. O matrimonio viviu ao principio en Pollença e posteriormente en Guinea Ecuatorial entre 1949 e 1952, onde rexentou unha plantación. A partir da década de 1950 desapareceu da escena literaria, aínda que seguiu escribindo versos que na súa maioría permaneceron inéditos. Con todo, algúns dos seus poemas publicáronse en revistas como Poesía española (1952) ou La Tijera Literaria (1969). Figurou tamén na antoloxía Poesía femenina española (1939-1950) que publicou Carmen Conde. Precisamente Conde resaltou dela que fora apoiada por Juan Ramón Jiménez. Ademais, a principios dos anos 1940 o pintor Pedro Bueno Villarejo realizou o cadro Retrato de la poetisa Dolores Catarineu, polo que obtivo a medalla de bronce na Exposición Nacional de Belas Artes de 1943.

Trazos temáticos e de estilo O seu primeiro poemario, Amor, sueño, vida (1936), é unha obra xuvenil que se inclina pola poesía pura, con tendencia á abstracción e claras influencias de Juan Ramón Jiménez. Dito poeta mesmo prologou a obra cun poema en prosa titulado «La rama de la poesía». Os versos están cheos de luz, ritmo e imaxes sensitivas e melódicas que se caracterizan pola súa estética impresionista e pola abundancia de exclamacións e interrogacións retóricas.

O segundo poemario, Siempre (1943), unha obra máis madura, mantén a querenza polo esteticismo e esencialismo tan característicos da poesía pura. Os poemas de Siempre pretenden ser un diario do cotián que foxe da retórica e busca a simplicidade, pero cun ton máis melancólico e intemporal marcado polo amor pola natureza e a música. Contén unha elexía a José Antonio Primo de Rivera. En 1944 apareceu unha recensión desta obra na revista El Escorial.

Obras

Amor, sueño y vida (1936), cun poema introdutorio de Juan Ramón Jiménez. Madrid, Imprenta Silverio Aguirre. Siempre (1943). Madrid, Hispánica.

Notas

Categoría:Finados en 2006 Categoría:Nados en 1916 Categoría:Poetas de España