Cristina Gómez Dobarrio, nada en Verín en 1974, é unha arquitecta técnica, apicultora e política galega do PSdeG-PSOE. Desde 2026 é alcaldesa de Castrelo do Val, a primeira muller en ocupar a alcaldía do concello desde a restauración democrática.
Traxectoria
Filla de Vicente Gómez García, concelleiro socialista en Verín e despois alcalde de Castrelo do Val. Licenciouse como arquitecta técnica na Universidade da Coruña e exerce pola súa conta. Ademais ten unha empresa de apicultura e de transformación de mel e produtos cosméticos relacionados coas abellas, chamada Zarapata.
Integrou a candidatura do PSdeG-PSOE no concello nas eleccións municipais de 2015 como suplente, xa sendo seu pai alcalde, mais non foi elixida concelleira. Nas eleccións municipais de 2023 recuncou, nesta ocasión no sexto posto, mais os socialistas acadaron só cinco concellerías. Porén, en maio de 2025 tomou posesión logo da renuncia do concelleiro José Ramón López Pérez.
Trala súa incorporación á corporación municipal, colaborou de maneira crecente na xestión do Concello e nos proxectos municipais, especialmente durante a enfermidade do seu pai, o alcalde. Logo do falecemento de Vicente Gómez o 16 de xullo de 2026, o grupo socialista propúxoa para sucedelo na alcaldía, mentres ocupaba a alcaldía en funcións a concelleira Lucía Gil Cid..
O 28 de xullo de 2026 foi elixida alcaldesa co apoio dos cinco concelleiros do PSdeG-PSOE, mentres que os dous representantes do Partido Popular se abstiveron. Converteuse así na primeira alcaldesa muller de Castrelo do Val desde a restauración democrática. Afirmou que compatibilizaría a alcaldía coa súa actividade profesional e que, polo momento, asumía o compromiso de exercer o cargo ata o remate do mandato municipal en maio de 2027.
Notas
Categoría:Alcaldes de Castrelo do Val Categoría:Políticos do PSdeG-PSOE
Categoría:Nados en Verín Categoría:Nados en 1974 Categoría:Alumnos da Universidade da Coruña Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes