A. George Mallis, nado en Springfield, Massachusetts, o 6 de setembro de 1915 e finado na mesma cidade o 30 de decembro de 1999, foi un autor numismático estadounidense.

Traxectoria

A. George Mallis, nado en Springfield, Massachusetts, en setembro de 1915, cursou a súa educación secundaria no Instituto Politécnico de Worcester, e posteriormente realizou estudos superiores de Enxeñaría no Lafayette College, de Easton, Pensilvania, onde en 1942 acadou o título de enxeñeiro civil.Smith, P. (2025). "A. George Mallis". En The Numismatist. Vol. 93. Nº 5. Maio de 2000. Páxina 1.061.

Logo de servir no Exército dos EEUU durante sete anos, participando na segunda guerra mundial, traballou como enxeñeiro civil e consultor en diversas compañías: en Mylchreest & Reynolds (1946-1950), en Henry Ludorf (1950-1951), en C. A. Maguire & Associates (1951-1953) e en Munson and Mallis (1953-1967). En 1967 presidiu a compañía de arquitectura e enxeñaría Mallis & Hervieux, Inc., á que se mantivo vinculado profesionalmente ata a súa xubilación, en 1979.

Paralelamente ao seu labor profesional, a figura de Mallis é moi salientable no ámbito da numismática estadounidense. Foi un asiduo colaborador con artigos na sección "Coinversationally Speaking" da revista especializada Coin World, a partir do 10 de novembro de 1976, e publicou varios traballos monográficos acerca dos dólares Morgan e dos dólares Peace, que se converteron en referencia para a numismática do seu país, algúns deles en colaboración con Leroy C. Van Allen.

Tamén formou parte da dirección da compañía de comercio numismático First Coinvestors, Inc., de Long Island, Nova York, e en 1962 formou parte da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos.

Igualmente, foi coleccionista de moedas, e varias pezas da súa colección de variantes en moedas dun dólar de prata foron incluídas no catálogo da poxa levada a cabo en xaneiro de 1977 pola casa de poxas Pine Tree, de Florida.Breen, W. et al. (1976). F.U.N. A Public and Mail Bid Auction [...] Featuring the Silver Dollar Variety Collection of A. George Mallis. Pine Tree Auction Galleries inc.

Vida persoal Mallis casou con Dorothy Rosamond Wruck o 4 de xullo de 1940. O seu falecemento produciuse en Springfield, Massachusetts, o 30 de decembro de 1999, cinco días despois do pasamento da súa esposa."George Mallis Obituaries". En The E-Sylum. Vol. 3. Nº 7. 13 de febreiro de 2000.

Publicacións Esta é unha escolma dos traballos monográficos publicados por A. George Mallis ao longo da súa traxectoria:

(1965). United States Silver Dollars, Morgan Type (con W. Breen). (1966). List of Die Varieties of Morgan Head Silver Dollars. (1971). Guide to Morgan and Peace Dollars (con L. C. Van Allen). (1976). Comprehensive Catalogue and Encyclopedia of U. S. Morgan and Peace Silver Dollars (con L. C. Van Allen). Arco Pub. Nova York. Premiado como "libro do ano" polo Numismatic Literary Guild (NLG) en 1977. (1999). U.S. Coin Scales abd Counterfeit Coins Retectors (con E. P. Newman). Newman & Mallis. Notas

Véxase tamén

Bibliografía

"A. George Mallis". En The Numismatist. Vol. 93. Nº 5. Maio de 2000. Páxina 1.061. Smith, P. (2025). "Mallis, A. George Author". En American Numismatic Biographies. Páxina 279.

Categoría:Nados en 1915 Categoría:Finados en 1999 Categoría:Nados no condado de Hampden, Massachusetts Categoría:Numismáticos dos Estados Unidos de América Categoría:Membros da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos Categoría:Coleccionistas Categoría:Personalidades sen imaxes