Estevo Creus Andrade, nado en Cee en 1971, é un escritor galego que ten destacado especialmente no eido da poesía.
Traxectoria miniatura|Estevo Creus recitando nun supermercado. Foi un dos fundadores do Batallón Literario da Costa da Morte, participando en obras colectivas como Nós (1997) e Mar por medio (1998). Previamente publicara como narrador os relatos E a catro patas: quilómetros... (1994) e Confeso que matei a bambi (1996).
A súa primeira obra individual é do 1996, cando sae á luz Poemas da cidade oculta. Ese mesmo ano gaña con Areados o Premio de poesía Miguel González Garcés da Deputación da Coruña. No ano 1998 gaña o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón co poemario Teoría do lugar, e no 2002 o III Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño con Decrúa.
Interesado en experimentar coas novas formas da edición, convértese nun dos membros fundadores da editora Letras de Cal e participa tamén no proxecto Retagarda Edicións dedicado a editar libros en formato dixital empregando o diskette como soporte. Publica nese formato O libro dos cans no ano 2000. Tamén no ano 2007 e xunto co seu irmán, o escritor e artista gráfico David Creus, publica facer Merzbau non ou posible?, un libro que pretende borrar as fronteiras do concepto tradicional de autoría e que se move dentro dun concepto multimediático da literatura (acompáñase dun DVD e de autocolantes).
Estevo Creus é licenciado en Psicoloxía e foi tamén fundador do Grupo de Teatro Talía.
Obra publicada Poesía Poemas da cidade oculta (Xerais, 1996). Areados (Deputación da Coruña, 1997). Teoría do lugar (Ediciós do Castro, 2000). Libro dos cans (Retagarda Edicións, 2000. 2ª edición en Franouren, 2010). Decrúa (Espiral Maior, 2003). Balea2 (Positivas, 2011). Tirotea2 (2011).
Obras colectivas Rumbo ás illas. Escritores da Costa da Morte nas Sisargas (Asociación Cultural Monte Branco/Asociación Neria, O Couto, Ponteceso, 1997). dEfecto 2000 (Letras de Cal, 1999). A tribo das baleas (Xerais, 2001). Poética da casa (Xunta de Galicia, 2006). facer Merzbau non ou posible? (xunto con David Creus, non ou edicións, 2007). Polifonías II. Voces poéticas contra a violencia de xénero (Espiral Maior, 2007). De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía na Costa da Morte (Sotelo Blanco, 2009). Erato bajo la piel del deseo (Sial Ediciones, 2010). Versos no Olimpo. O Monte Pindo na poesía galega (Toxosoutos, 2013). 150 Cantares para Rosalía de Castro (2015, libro electrónico).
Premios Gañador do Premio de poesía Miguel González Garcés no 1996, por Areados. Gañador do XI Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón no 1998, por Teoría do lugar. Gañador do III Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño no 2002, por Decrúa. Gañador do XXX Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón no 2017, por O lugar que non hai.
Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Nados en Cee Categoría:Nados en 1971 Categoría:Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón