Os Calgary Flames son un equipo profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Calgary, Alberta (Canadá). Os Flames xogan na National Hockey League (NHL), estando encadrados na Pacific Division da Conferencia Oeste. A franquía é o terceiro equipo de ligas profesionais de hóckey sobre xeo en representar a Calgary despois dos Calgary Tigers (1921–27) e os Calgary Cowboys (1975–77). Aínda que os Flames xogaron as súas tres primeiras tempadas en Calgary no Stampede Corral, dende 1984 xogan os seus partidos como local no Scotiabank Saddledome.
Fundados en 1972, ata 1980 foi coñecido como Atlanta Flames por ter a súa sede en Atlanta, Estados Unidos, mentres estivo en Atlanta sempre ocupou a parte baixa da liga, sen gañar nunca unha serie. En 1980 o equipo mudouse a Calgary e nese ano gañou as súas dúas primeiras series nos play-offs. Dende a súa fundación, os Flames xogaron tres veces as finais da Stanley Cup (1986, 1989 e 2004), gañando o título en 1989. Manteñen unha forte rivalidade cos seus veciños de Alberta, os Edmonton Oilers, coñecida como the Battle of Alberta (en galego a batalla de Alberta).
Na tempada 1985–86, os Flames convertéronse no primeiro equipo de Calgary dende que na tempada 1923-24 os Tigers competiran polo título da Stanley Cup. O equipo gañou unha vez a Stanley Cup, amais de conseguir tres títulos de conferencia e cinco títulos de división. Os Flames gañaron dúas veces o Presidents' Trophy como mellor equipo da liga regular. Individualmente, Jarome Iginla é o líder da franquía en partidos xogados, goles, e puntos, e gañou dúas veces o Maurice Richard Trophy como máximo goleador da liga. Miikka Kiprusoff conseguiu o maior número de vitorias dun porteiro coa camisola dos Calgary Flames. Nove xogadores relacionados cos Flames foron introducidos no Hockey Hall of Fame.
Historia
Inicios: Os Atlanta Flames
miniatura|left|Tom Lysiak celebra xunto cos seus compañeiros de equipo un gol fronte aos Colorado Rockies en 1978. Os Flames foron o resultado do primeiro golpe da NHL contra a recentemente creada World Hockey Association (WHA). En decembro de 1971, a NHL concedeu ás presas un equipo a Long Island, os New York Islanders. Esta circunstancia fixo que a liga precisase incluír outro equipo para equilibrar as clasificacións, polo que a NHL concedeulle un equipo a un grupo de investidores de Atlanta propietario dos Atlanta Hawks da National Basketball League (NBA), e que estaba liderado por Tom Cousins. Cousins chamou ao equipo "Flames" en lembranza ao lume que estivo a piques de destruír Atlanta durante a marcha ao mar na Guerra civil estadounidense do xeneral William Tecumseh Sherman. O equipo xogou os seus partidos como local no Omni Coliseum no centro de Atlanta.
Os Flames tiveron uns inicios relativamente exitosos. Baixo a dirección dos adestradores Bernie "Boom Boom" Geoffrion, Fred Creighton e Al MacNeil, cos que os Flames se clasificaron para os ‘’play-offs’’ en seis das oito tempadas que permaneceron en Atlanta. Porén, este relativo éxito non se trasladou aos ‘’play-offs’’, onde os Flames tan só puideron gañar dous partidos das series eliminatorias durante os anos que permaneceron en Atlanta.
A pesar do éxito no xeo, os propietarios da franquía nunca estiveron sobre unha base financeira sólida, e nunca chegaron a asinar un contrato televisivo importante. En 1980, Cousins estaba en considerables dificultades financeiras e foi forzado a vender os Flames para evitar a bancarrota. Con poucas ofertas serias de grupos locais, Cousins mostrouse moi receptivo a unha oferta do empresario canadense (e antigo propietario dos Oilers) Nelson Skalbania, que estaba á fronte dun grupo de empresarios de Calgary. Un último esforzo para manter o equipo en Atlanta foi insuficiente, e Cousins vendeu o equipo a Skalbania por 16 millóns de dólares, un prezo de venda récord para un equipo da NHL no momento. O 21 de maio de 1980, Skalbania anunciou que o equipo se trasladaría a Calgary. O novo propietario decidiu manter o nome dos Flames, sentindo que era unha boa opción para unha cidade petroleira como Calgary, mentres que o logo do “A” ardente foi substituído polo “C” ardente. Skalbania vendeu a súa participación en 1981, e os Flames son propiedade local dende aquela.
Traslado a Calgary miniatura|200x200px|Os Flames trasladáronse ao Olympic Saddledome (actualmente Scotiabank Saddledome) en 1983. Ao contrario dos Calgary Cowboys da WHA, que se disolveran tres anos antes, os Flames recibiron unha cálida acollida pola cidade de Calgary. Mentres que os Cowboys só foran capaces de venderen 2.000 entradas durante a súa derradeira tempada, os Flames venderon 10.000 entradas, a capacidade completa máis a metade do Stampede Corral, un pavillón con capacidade para 7.000 espectadores.
Liderados polos 49 goles e 131 puntos de Kent Nilsson, os Flames clasificáronse para os play-offs na súa primeira tempada en Calgary cun rexistro de 39 vitorias, 27 derrotas e 14 empates, o que lles valeu para finalizaren na terceira posición da Patrick Division. O equipo atopou un maior éxito nos ‘’play-offs’’ en Calgary do que encontrara en Atlanta, gañando as súas dúas primeiras series do play-off sobre os Chicago Black Hawks e os Philadelphia Flyers antes de caer nas semifinais da NHL (final de conferencia) fronte aos Minnesota North Stars. Este éxito temperán non se repetiu pronto. Despois de conseguir un balance negativo na tempada 1981-82, Fletcher desfíxose de varios xogadores que quedaban da etapa en Atlanta que non puideron adaptarse ao ambiente de maior presión e reconstruíu o equipo. Durante as tres tempadas seguintes formou un núcleo de xogadores que permaneceron xuntos ata principios da década de 1990.
Fletcher realizou numerosos esforzos para igualar aos Oilers, levando ao equipo a un gran número de xogadores de universidades estadounidenses, como Joel Otto, Gary Suter, e Colin Patterson, xogadores do hóckey sobre xeo europeo, como Håkan Loob, e sendo un dos primeiros en elixir xogadores da Unión Soviética no draft. Aínda así, o equipo non mellorara o suficiente para desafiar os Oilers, que necesitaron do máximo de sete partidos para derrotaren os Flames no seu camiño para a conquista da Stanley Cup en 1984.
En 1983, os Flames trasladáronse á súa nova casa, o Olympic Saddledome (agora coñecido como Scotiabank Saddledome), deixando o Corral logo de tres tempadas nas que tan só perderon 32 partidos como local. Dende a tempada 1984-85 ata a 1990-91, os Flames conseguiron 90 puntos en cada tempada, excepto nunha. Con todo, o equipo non puido trasladar o seu éxito aos play-offs, en gran parte por non poder superar os seus rivais provinciais, os Edmonton Oilers.
En 1986 finalizaron na segunda posición da Smythe Division cun rexistro de 40-31-9 (a única tempada entre 1984 e 1991 na que finalizaron con máis de 90 puntos), e na primeira rolda dos play-offs derrotaron os Winnipeg Jets, pasando á segunda rolda, onde se enfrontarían aos Oilers, que eran os claros favoritos para gañar unha terceira Stanley Cup consecutiva. Porén, os Flames sorprenderon os Oilers e elimináronos en sete partidos. Após isto, os Flames chegaron ás finais da Campbell Conference, onde derrotaron os St. Louis Blues noutra serie de sete partidos, clasificándose por primeira vez na súa historia para a final da Stanley Cup, na que se enfrontaron aos Montreal Canadiens, aínda que perderon o campionato en cinco partidos.
Logo da súa participación nas finais por primeira vez, os Flames conseguiron o seu mellor rexistro na liga regular. O rexistro de 46-31-3 da tempada 1986-87 valeulle a Calgary a terceira posición da NHL, por detrás de Oilers e Philadelphia Flyers, mais na post-tempada perderon na primeira rolda fronte aos Jets en seis partidos. Na seguinte tempada conseguiron por primeira vez 100 puntos nunha tempada, gañando o Presidents' Trophy, poñendo fin a seis anos de reinado dos Oilers na Smythe Division. Malia terse reforzado de cara aos play-offs, os Flames caeron na segunda rolda fronte aos Oilers.
Campións da Stanley Cup
Na tempada 1988–89,os Flames continuaron a súa mellora. Conseguiron o seu segundo Presidents' Trophy cun récord da franquía de 117 puntos e un rexistro de 54-17-9, rematando con 26 puntos máis que os segundos clasificados da Smythe Division, Los Angeles Kings, e dous máis que o segundo clasificado da NHL, os Montreal Canadiens. Fletcher seguiu a remendar o equipo, adquirindo a Doug Gilmour como parte de seis xogadores na data límite de traspasos. Nos play-offs, os Flames precisaron de sete partidos na primeira rolda para se desfaceren dos Vancouver Canucks. Os Flames valéronse de varias paradas do porteiro Mike Vernon, incluíndo a famosa captura a Stan Smyl na prórroga, que segue a ser un momento decisivo na historia da franquía.
A continuación os Flames desfixéronse dos Kings en catro partidos, antes de eliminaren os Chicago Blackhawks en cinco partidos para, deste xeito, chegaren ás finais da Stanley Cup, de novo fronte a Montreal. Desta vez, os Flames gañaron en seis partidos, sendo o último unha vitoria por 4 goles a 2 en Montreal o 25 de maio de 1989. A vitoria foi especialmente significativa xa que foi a única vez na que o equipo opoñente lles gañou aos Canadiens no xeo do Montreal Forum para gañar a Stanley Cup. Al MacInnis conseguiu o Conn Smythe Trophy como xogador máis valioso dos play-offs, mentres que o antigo capitán Lanny McDonald anunciou que se retiraba. A vitoria na Stanley Cup de 1989 outorgoulle á copropietaria dos Flames Sonia Scurfield (a viúva de Ralph) a distinción de ser a primeira (e ata 2013, a única) muller canadense en ter o seu nome gravado na copa. Tamén converteu a Norman Kwong nun dos poucos en ter o seu nome inscrito na Stanley Cup e na Grey Cup.
Caída En 1989, grazas en parte aos esforzos diplomáticos de Cliff Fletcher, o goberno soviético concedeu o permiso a un grupo de xogadores soviéticos para asinar con equipos da NHL, o que permitiu a chegada de xogadores como Sergei Makarov. Esa tempada, o equipo quedou a dous puntos de conseguir o seu terceiro President’s Trophy ao conseguir 99 puntos, fronte aos 101 dos Boston Bruins. Tamén esa tempada, os Flames gañaron o seu terceiro campionato da Smythe Division consecutivo. Porén, nos play-offs foron superados por Los Angeles Kings en seis partidos.
En 1991 Fletcher, quen fora director xeral do equipo dende a súa fundación, deixou os Flames para converterse no director xeral dos Toronto Maple Leafs, sendo sucedido por Doug Risebrough. A pesar do gran desenvolvemento de Theoren Fleury nunha estrela da NHL, os Flames quedaron fora dos ‘’play-offs’’ en 1992, tan só un ano despois de finalizar a súa terceira tempada de 100 puntos na historia da franquía. Foi a primeira vez que os Flames se perdían os play-offs dende a tempada 1974-75, cando a franquía aínda se encontraba en Atlanta. Foi tamén a terceira vez da franquía que estaba fóra das series nos seus 20 anos de historia.
Calgary recuperouse para regresar aos play-offs nas seguintes catro tempadas, incluíndo dous títulos de división consecutivos. Con todo, o equipo foi eliminado na primeira rolda en cada tempada. Os títulos de división das tempadas 1993-94 e 1994-95 levaron a dúas derrotas na casa no sétimo partido da primeira rolda na prórroga fronte aos Canucks e aos San Jose Sharks respectivamente. Na tempada 1995-96, Nieuwendyk foi traspasado aos Dallas Stars nun troco no que adquiriron a Jarome Iginla, quen faría o seu debut cos Flames nos play-offs de 1996 na contundente derrota en catro partidos fronte aos Chicago Blackhawks na primeira rolda. En 1997, só dous anos despois de gañaren o seu segundo título consecutivo de división, os Flames quedaron de novo fóra dos play-offs, aos que non regresaron en sete anos. A peor puntuación do equipo chegou na tempada 1997-98, na que os Flames finalizaron a liga regular con tan só 67 puntos, o segundo peor rexistro na historia da franquía (por detrás tan só da tempada 1972-73 dos Atlanta Flames).