Dinamarca () (en dinamarqués: Danmark), cuxo significado literal é "a terra ou marca dos dinamarqueses", oficialmente Reino de Dinamarca () (en dinamarqués: Kongeriget Danmark), é o menor en extensión entre os países nórdicos, ademais do máis meridional, formando parte de Escandinavia. Ten os seus límites terrestres ao sur con Alemaña e dende 1999 atópase unida por estrada e ferrocarril con Suecia pola Ponte de Oresund, ao sueste do país. Rodeada polos mares Báltico e do Norte, limita ao norte con Noruega a través do estreito de Skagerrak. Conta ademais con dous territorios dependentes, Groenlandia e as Illas Feroe, os cales gozan dun elevado nivel de autonomía. O territorio dinamarqués comprende 443 illas, entre as que destacan Selandia, Fionia, Vendsyssel-Thy, Lolland e Bornholm, a máis afastada do arquipélago. Esta posición deu a Dinamarca, historicamente, o control sobre o acceso ao mar Báltico.

Dinamarca é unha monarquía constitucional dende 1849, data na que quedou abolida a monarquía absoluta que rexera o país dende 1660, e converteuse en monarquía parlamentaria en 1901. En termos de permanencia, a monarquía dinamarquesa pode considerarse a segunda máis antiga do mundo, despois da casa imperial do Xapón, ao existir durante polo menos un milenio. Dinamarca forma parte da Unión Europea (aínda que non emprega o euro). Cando o país se adheriu á CEE en 1973, fíxoo sen as Illas Feroe, mentres que Groenlandia optou por separarse da CEE en 1985. Tamén se converteu nun membro fundador da OTAN en 1949, rematando coa tradicional política de neutralidade que o país sostivera ata ese momento.

Pola súa natureza pobre en recursos xeolóxicos, Dinamarca sostivo a súa economía na actividade agrícola grazas ás súas granxas, a explotación pesqueira e a industria naval. No último século, os dinamarqueses deron un pulo á industrialización do seu país e favoreceron o establecemento dun estado de benestar, garantindo o acceso a servizos públicos dende que en 1933 se asinase o acordo de Kanslergade. Dinamarca foi ocupada polos nazis durante a segunda guerra mundial.

Etimoloxía A etimoloxía da palabra Dinamarca, e especialmente a relación entre os dinamarqueses e Dinamarca e a unificación do país como un só reino é un tema que suscita algúns debates. O debate céntrase principalmente ao redor de se o prefixo "Dan" se refire ao pobo "Dani" ou a "Dan", os lendarios reis dinamarqueses e do significado exacto do "-mark" final. A cuestión complícase aínda máis por unha serie de referencias a varios pobos "Dani" en Escandinavia ou outros lugares de Europa nos antigos relatos gregos e romanos (como Tolomeo, Xordanes e Gregorio de Tours), así na literatura medieval (como Adán de Bremen, Beowulf, Widsith e Edda poética).

A maioría dos manuais derivan a primeira parte da palabra, e o nome do pobo, dunha palabra que significa "terra chá", en relación co alemán Tenne, o inglés den ("cubil") ou ao sánscrito dhánuṣ- (धनुस्, "deserto"). O "-mark" crese que significa fraga ou zona de fronteira (marca), con referencias probables aos bosques ao sur da fronteira de Schleswig, probablemente de xeito semellante a Finnmark, Telemark ou Dithmarschen.Danir, Vandfolket

Explicacións mitolóxicas Algunhas das primeiras descricións da orixe da palabra Dinamarca, describindo un territorio, atópanse no Chronicon Lethrense do século XII, no Sven Aagesen (finais do século XII), no Saxo Grammaticus (comezos do XIII) e na Balada de Eric (mediados do século XV). Hai, con todo, moitos anais e anuarios dinamarqueses máis que conteñen outros detalles, como por exemplo distintas variacións de ortografía.

O Chronicon Lethrense explica que cando o emperador romano Augusto ía en contra de Dinamarca na época de DavidO "David" que se fai referencia aquí parece ser o antigo rei dos israelitas, por suposto que isto é un grave anacronismo, mais é bastante típico desas fontes, que comunmente buscaban impulsar a orixe nacional ou dinástica tan lonxe como fose posible. estaba formada por sete territorios: Xutlandia, Fionia, Selandia, Møn, Falster, Lolland e Escania. Estes estaban rexidos polo Rei Ypper de Uppsala, o cal tivo tres fillos, Nori, Osten, e Dan, que foi enviado a gobernar Selandia, Møn, Falster e Lolland, territorios que se coñeceron de forma conxunta como Videslev. Cando o xutos loitaban contra o emperador Augusto exhortouse a Dan para axudalos e trala vitoria, fíxose Rei de Xutlandia, Fionia, Videslev e Escania. Un consello decidiu chamar a esta nova terra unida Danmark (Dania) (en galego: Dinamarca), na honra do seu novo rei, Dan. Así pois Saxo relata que foi o lendario rei danés Dan, fillo de Humbli, quen deu o nome ao pobo dinamarqués, a pesar de que non declara expresamente que é tamén a orixe da palabra "Dinamarca", soamente di que Inglaterra, en última instancia, deriva o seu nome do irmán de Dan, Angles.

Primeiras aparicións miniatura|esquerda|As Pedras de Jelling. A primeira mención dun territorio chamado "Dinamarca" atópase na tradución modificada ao inglés antigo dos Historiarum adversum Paganos Libri Septem do galaico Paulo Orosio polo Rei Alfredo o Grande. Nunha pasaxe introducida no texto de Alfredo, lese acerca do aventureiro Ohthere de Hålogaland, que viaxa pola rexión nórdica, no que "Dinamarca" (Denamearc) estaba ao lado do seu porto.

O primeiro uso rexistrado da palabra "Dinamarca", no propio país atópase nas dúas pedras de Jelling, pedras rúnicas que se cren construídas por Gorm o Vello (c. 955) e Harald Blåtand (c. 965). A pedra maior das dúas é a miúdo citada como o "certificado de nacemento" de Dinamarca, onde aparece o nome na forma de acusativo "tanmaurk" na gran pedra e de xenitivo "tanmarkar" na pequena. No Cantar de Roldán, que se estima que foi escrito entre 1040 e 1115, aínda que o manuscrito máis antigo data de 1140-1170, onde aparece a primeira mención do lendario heroe dinamarqués Ogier, é mencionado varias veces como "Ogier de Dinamarca" (Ogier de Denemarche).

Historia Prehistoria miniatura|esquerda|O Carro solar de Trundholm, datado na primeira Idade de bronce arredor do 1400 a.C., atópase actualmente no Nationalmuseet de Copenhaguen.

Os primeiros indicios de agricultura son do 3.000 a. C. O período nórdico da Idade de Bronce estivo marcado por un pobo que enterraba os seus mortos, xunto aos seus bens terreais, en túmulos. Atopáronse numerosos dolmens e tumbas datadas nese período. Entre estes achados arqueolóxicos destacan numerosos artefactos relixiosos, instrumentos musicais, así como as primeiras evidencias dunha sociedade estratificada en clases sociais.

Durante ese período de tempo, ás veces lanzábanse os cadáveres aos pantanos. Estes cadáveres son coñecidos como os corpos do pantano. Os que foron recuperados atópanse moi ben preservados e convertéronse nun valioso recurso para conseguir información sobre a poboación danesa dese período. Durante o período previo á Idade de Ferro, o clima en Dinamarca e en toda Escandinavia volveuse máis frío e húmido, limitando a agricultura e os asentamentos, que se trasladaron para a Alemaña. Existen evidencias de inmigracións celtas en Dinamarca así como noutros puntos da Europa do norte. Mostras da cultura céltica son os nomes dalgúns topónimos. O Imperio romano mantivo as rutas comerciais e as relacións cos daneses, como mostran diversos achados de moedas romanas. Ao redor do ano 200 aparece a primeira inscrición rúnica.

A cultura da Europa do norte durante as migracións masivas dos séculos V e VII recibe o nome de idade de ferro xermánica. Entre os restos correspondentes a este período atópanse os cadáveres do pantano de turba, os corpos ben preservados de dous homes que foron estrangulados, talvez durante un sacrificio. As incursións na zona norte de Dinamarca aumentaron no século V. Unha das tribos que máis frecuentemente realizaba estas incursións eran os dinamarqueses (tamén coñecidos como "Daner" ou "Dani"), procedentes da área meridional de Suecia coñecida como Escania ou Skåneland. O nome desta tribo terminou aplicándose ao conxunto de Dinamarca polos alemáns que vivían no sur de Xutlandia.

Idade Media

miniatura|Knud, rei dinamarqués que conquistou Inglaterra. miniatura|Estatua de Valdemar, rei que unificou o país. miniatura|Mapa da Unión de Kalmar no século XVI.

A orixe de Dinamarca está perdida na prehistoria. Pero a Dannevirke (muralla) máis antiga data do século VII, o mesmo que o novo alfabeto rúnico e os antigos poemas épicos saxóns Widsith e Beowulf, así como o historiador medieval danés Saxo Grammaticus (1150-1220) constituíron as primeiras fontes da cultura antiga danesa. Estas descricións teñen moito de mitoloxía e lenda, con todo poden conter algúns datos históricos.

Na área de Dinamarca existiron varios reinos pequenos durante moitos anos. Crese que ao redor do ano 980, o rei Harald I, coñecido co sobrenome de Dente azul, estableceu un reino unificado en Dinamarca. Un misioneiro alemán visitou o rei e, segundo conta a lenda, sobreviviu a unha dura proba que convenceu o rei Harald de se converter ao cristianismo. A nova relixión, que substituíu a vella mitoloxía nórdica, traía vantaxes para o rei, como a axuda por parte do Sacro Imperio Romano, e permitiu que Harald se librase dalgúns dos seus opositores, fieis á vella mitoloxía. A igrexa trouxo unha administración estable ás terras; estabilidade que o rei utilizou para exercer certo control sobre elas.

O pobo que terminou sendo coñecido como viquingo habitou Dinamarca entre o século VIII e o século XI. Presentaban unha estrutura social moito máis completa que os pobos que poboaran a zona anteriormente. Os viquingos fixéronse famosos ao navegar e comerciar polo resto de Europa. Durante o período viquingo, Dinamarca tivo un gran poder baseado na península de Xutlandia, a illa de Selandia e a parte sur do que é hoxe en día Suecia. A principios do século XI, o rei Knud o Grande conquistou Inglaterra por un período de polo menos trinta anos. Trala morte de Knud o Grande en 1035, Inglaterra quedou fóra do control danés e Dinamarca sufriu unha etapa de desordes. Os viquingos de Noruega realizaron ataques esporádicos, mais o sobriño do rei Knud, Sweyn Estridson (1020-1074) restableceu a autoridade real e estableceu unha boa relación co Arcebispo de Bremen.

A principios do século XII, Dinamarca converteuse nunha sede independente da igrexa de Escandinavia. Pouco despois, Suecia e Noruega formaron os seus propios arcebispados fóra do control dinamarqués. A mediados do século XII, reinar en Dinamarca era realmente complicado: as guerras civís sucedéronse, creando tensións. Valdemar o Grande (1131-1182) tomou o poder, estabilizouno e realizou unha reorganización da administración. Durante o seu reinado construíuse un castelo na aldea de Havn que deu orixe á que hoxe en día é a cidade de Copenhaguen. Valdemar converteu ao país nunha potencia destacada na zona do mar Báltico. El e os seus sucesores dirixiron diversas cruzadas para reclamar territorios situados na actual Estonia. A lenda di que a bandeira dinamarquesa, a Dannebrog, caeu do ceo durante unha batalla ocorrida en Estonia en 1219.

Durante a Idade Media a coroa e a igrexa mantiveron unha estreita colaboración. Durante este período construíronse miles de igrexas por todo o país. A economía mellorou durante o século XII, sobre todo grazas ao comercio de arenques; no século XIII iniciouse un período de dificultades económicas e o derrubamento temporal da autoridade do rei, o cal tivo dificultades para manter o control do reino. Houbo longos períodos de relacións conflitivas entre os monarcas daneses e os papas de Roma, coñecidos como "conflitos arquiepiscopais". A finais do século XIII, a forza do rei atopábase debilitada e a nobreza forzou ao rei a conceder un foro, considerado como a primeira Constitución danesa.