Un mimótopo é unha macromolécula, xeralmente un péptido, que imita a estrutura dun epítopo dun antíxeno. Debido a esta semellanza causa unha resposta aos anticorpos similar á xerada polo epítopo. Un anticorpo específico para un determinado epítopo de antíxeno recoñecerá tamén ao mimótopo que imite a ese epítopo. Os mimótopos obtéñense xeralmente a partir de bibliotecas de phage display (técnica na que se estudan as interacción entre proteínas e entre proteínas e ADN dos bacteriófagos para correlacionar as proteínas coa información xenética que as codifica) polo procedemento do biocribado ou biopanning (técnica para seleccionar péptidos que se unen a unha diana dada). Estanse a desenvolver vacinas que utilizan mimótopos.
Cando se acuñou o termo mimótopo por Mario Geysen en 1986, utilizouse para describir péptidos que imitaban un epítopo. Porén, este concepto foise ampliando para referirse tamén a péptidos que imitan todo tipo de sitios de unión. Pola súa imitación de sitios de unión, a análise de mimótopos foi moi utilizada para mapear epítopos, identificar dianas de drogas e inferir as redes de interaccións de proteínas. Ademais, os mimótopos teñen un gran potencial no desenvolvemento de novos diagnósticos, terapéuticas e vacinas. Ademais, as especiais afinidades mediadas polos mimótopos para varios semicondutores e outros materiais mostraron ser moi prometedoras nos estudos de novos materiais e novas enerxías. Por tanto, é interesante reunir a información sobre mimótopos en bases de datos especiais. En 2010, apareceu a base de datos MimoDB versión 1.0, que tiña 10.716 péptidos agrupados en 1.229 conxuntos. Estes péptidos foran extraídos de resultados de biopanning de bibliotecas de péptidos aleatorias da técnica do phage-displayed publicadas en 571 traballos. A base de datos MimoDB foi despois actualizada á versión 2.0, na cal hai 15.633 péptidos recollidos de 849 traballos publicados, que se agruparon en 1.818 conxuntos. Ademais dos datos dos experimentos de biopanning e dos seus resultados, tamén se incluíu ampla información de base sobre dianas, moldes, bibliotecas e estruturas. Tamén se compilou un punto de referencia (ou estándar de comparación, benchmark) para que os bioinformáticos poidan desenvolver e avaliar os seus novos modelos, algoritmos e programas. A base de datos MimoDB proporciona ferramentas para investigacións avanzadas e simples, visualización de estruturas, BLAST (algoritmo para comparar secuencias) e aliñamentos vistos sobre a marcha. Os biólogos experimentais poden utilizar facilmente a base de datos como un control virtual para excluír posibles péptidos non relacionados coa diana. A base de datos MimoDB está dispoñible sen restricións.
Notas
Categoría:Inmunoloxía