A proteína do centrómero A, abreviada como CENPA (tamén CENP-A), é unha proteína que nos humanos está codificada no xene CENPA do cromosoma 2.EntrezGene 1058

Función

Os centrómeros son os dominios cromosómicos que especifican o comportamento mitótico dos cromosomas. O xene CENPA codifica unha proteína centromérica que contén un dominio con pregamento de histona relacionada coa histona H3, que é necesaria para unirse ao centrómero. A CENPA proponse que é un compoñente dun nucleosoma modificado ou estrutura similar a un nucleosoma na cal substitúe unha ou dúas copias da histona H3 convencional no núcleo tetramérico (H3-H4)2 da partícula do nucleosoma. O empalme alternativo ten como resultado a formación de múltiples variantes de transcrición que codifican distintas isoformas.

Nos eucariotas superiores o recrutamento de nucleosomas CENPA nos centrómeros existentes é un proceso epixenético, independente da secuencia de ADN subxacente. En Schizosaccharomyces pombe, o recrutamento de novo de CENPA no centrómero crese que está controlado pola heterocromatina "centromérica" que rodea o centrómero, e polo mecanismo da interferencia de ARN (RNAi). Por este mecanismo fórmase ARN interferente pequeno; este forma complexos coa proteína Chp1, que despois se une á heterocromatina centromérica. Isto contribúe a recrutar outras proteínas, o que finalmente resulta nun complexo proteico que forma cohesina entre dúas cromátides irmás na cromatina centromérica. Pénsase que esta cohesina é esencial para substituír a H3 do centrómero por CENPA. A CENPA é un dos cambios epixenéticos que se cre distinguen o ADN centromérico doutros ADNs. Unha vez que se engadiu CENPA, o centrómero faise autopropagante, e o mecanismo de RNAi/heterocromatina que o rodea xa non é necesario.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Proteínas