Ultra Mono é o terceiro álbum de estudio da banda inglesa de punk rock Idles, publicado o 25 de setembro de 2020 a través do selo Partisan Records. Seguindo a liña do seu traballo anterior, Joy as an Act of Resistance, o disco explora temas como o clima sociopolítico actual, a loita de clases, a saúde mental e a masculinidade tóxica, ademais de falar sobre os aspectos positivos e negativos da recente fama do grupo.

O disco foi apoiado por cinco sinxelos, o primeiro dos cales foi o sinxelo promocional "Mr. Motivator", editado o 19 de maio de 2020. Seguíronlle o sinxelo principal "Grounds" o día 16 de xuño, "A Hymn" o 14 de xullo, "Model Village" o 11 de agosto, e "War", que coincidiu co lanzamento do disco. Para continuar coa promoción do traballo a banda programou unha xira que comezará en abril de 2021, cunha serie de concertos íntimos en tendas por todo o Reino Unido, ademais de actuacións máis grandes no Reino Unido e Irlanda entre maio e xuño.

Antecedentes e produción Tras o lanzamento e o éxito do seu álbum de 2018 Joy as an Act of Resistance, Idles logrou a atención do gran público e xirou extensamente para promovelo. A banda confirmou a través dunha mensaxe en Instagram en xaneiro de 2019 que estaban compoñendo novos temas, estreando en marzo unha nova canción chamada "Grounds", durante un concerto exclusivo para Dr. Martens. A canción apareceu novamente no setlist da súa xira polo Reino Unido en decembro de 2019, e tocárona na súa actuación no Alexandra Palace, onde tamén estrearon dúas novas cancións: "War" e "Danke".

Nunha entrevista para DIY tras o anuncio do álbum en xuño de 2020, o cantante Joe Talbot falou sobre os temas e a inspiración detrás do álbum, dicindo: "Emocionalmente non estou curado, estou curando e iso é o que aparece no disco. Polo tanto este vai sobre procesar e atopar formas pragmáticas de seguir adiante, e dende a túa reacción a ese trauma constrúes algo conciso e fermoso (...) tdas as cancións son proxeccións de procesos internos, non predico nin lle digo a ninguén que facer. Amósolle á xente o que eu fago para converterme nunha mellor persoa a longo prazo - non, non mellor, pero si nunha persoa máis produtiva".

Listaxe de cancións

Notas

Categoría:Álbums de Idles Categoría:Álbums musicais de 2020