Tània Balló Colell, nada en Barcelona en 1977, é directora e produtora de cine e televisión, guionista e escritora española. É impulsora do proxecto transmedia Las Sinsombrero, xunto con Serrana Torres e Manuel Jiménez Núñez, sobre as pensadoras e artistas pertencentes á Xeración do 27.

Traxectoria Balló estudou no Centre d’Estudis Cinematogràfics de Catalunya (CECC) e realizou o posgrao sobre Documental, Investigación e Desenvolvemento da Universidade de Nova York. En 2011, realizou o curso de especialista en Historia e Estética da Cinematografía da Universidade de Valladolid e o Taller de Documental de Televisión Española.

En 2003, co colectivo de realizadores "Discusión 14", asinou o documental 200 Km sobre a marcha dos traballadores despedidos de Sintel a Madrid, que foi seleccionado polo Festival de Internacional de Cine de Donostia, o Festival de Cine de España de Tolosa, o Festival de Bogotá e o Festival Internacional de San Francisco. Dous anos despois, en 2005, traballou como directora de produción noutra obra colectiva: a longametraxe Entre el ditador y yo, na que seis directores realizaron unha peza de nove minutos sobre o seu recordo persoal da figura do ditador español Francisco Franco.

Como produtora, en 2012 Balló fundou xunto a Serrana Torres Intropía Media, empresa responsable de Las Sinsombrero. Posteriormente, fundou tamén Nina Produccions para desenvolver proxectos de impacto, como o documental Milicianes sobre o batallón feminino de Mallorca durante a guerra civil española, nunha multiplicidade de formatos.

En 2013, Balló foi produtora delegada na longametraxe arxentina de ficción Infancia clandestina do director Benjamín Ávila. A película está protagonizada por Ernesto Alterio, Natalia Oreiro, César Troncoso, Cristina Banegas e Teo Gutiérrez Romero, e contou coa coprodución de España e o Brasil. Estreouse no Festival de Cannes na sección Quincena de Realizadores, e estivo nomeada aos Premios Goya como Mellor Película Hispanoamericana. Dous anos despois e xunto a Serrana Torres e Manuel Jiménez-Núñez, codirixiu e produciu o webdoc Las Sinsombrero en colaboración con Televisión Española. O obxectivo deste proxecto era recuperar, divulgar e perpetuar o legado das artistas esquecidas da Xeración do 27 coñecidas como Las Sinsombrero, e tras o seu éxito, Balló publicou en 2016 o libro Las Sinsombrero. Sin ellas la historia no está completa editado polo Grupo Planeta.

En 2016 produciu Oleg y las raras artes, xunto con Serrana Torres e Marta Andreu, un documental dirixido polo cineasta Andrés Duque sobre o pianista ruso Oleg Karavaichuk . O protagonista da película é un personaxe excéntrico, sensíbel e prodixioso que tocou o piano para Stalin e compuxo bandas sonoras para películas e obras de teatro. Ese ano estreouse na Sección de Voices do Festival Internacional de Cine de Rotterdam nos Países Baixos e gañou o premio á Mellor Película na 10ª edición do Festival Punto de Vista en Navarra. Ao ano seguinte, en 2017, xunto co historiador Gonzalo Berguer Querido diario: hoy ha empezado la guerra, un libro que saca á luz os diarios escritos durante a guerra civil española da moza barcelonesa Pilar Duaygües Nebot. Tamén en 2017 dirixiu e escribiu a curtametraxe Mamáguerra que mostra a guerra civil española desde a perspectiva da maternidade recollida no diario de Carmen Manso.

En 2018, Balló comisariou xunto con Gonzalo Berguer a mostra No pasarán, organizada pola Oficina de Dereitos Humanos e Memoria do Concello de Madrid e dedicada aos madrileños que se enfrontaron aos franquistas cando o Goberno da Segunda República abandonou a capital en 1936.

Filmografía

2003 – 200 Km. Colectivo "Discusión 14". Codirectora. 2013 – Infancia clandestina. Benjamín Ávila. Produtora delegada. 2015 – Las Sinsombrero. Tània Balló, Serrana Torres, Manuel Jiménez-Núñez. Guión, dirección, produción. 2016 – Oleg y las raras artes. Andrés Duque. Produtora. 2017 – Mamáguerra. Tània Balló. Directora e guionista.

Obra

2016 – Las Sinsombrero. Sin ellas la historia no está completa. Espasa, Grupo Planeta. 2017 – Querido diario: hoy ha empezado la guerra. Pilar Duaygües Nebot, Espasa. Grupo Planeta. Editado junto a Gonzalo Berguer. 2018 – Las sinsombrero 2. Ocultas e impecables. Espasa, Grupo Planeta. 2021 – El caso Wanninkhof - Carabantes. Documental.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Entrevista a Tània Balló por Marta Velasco en El Cultural «Tània Balló: "También la Transición se escribió en masculino"» Páxina oficial da produtora Intropía Media Páxina oficial de Nina Produccions

Ficha de Tània Balló en Filmaffinity 

Categoría:Nados en 1977 Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Produtores de cinema de España Categoría:Guionistas de España Categoría:Directores de televisión Categoría:Personalidades do cinema de España