Vanessa-Mae Vanakorn Nicholson, nada en Singapur o 27 de outubro de 1978, máis coñecida como Vanessa-Mae (陈美 Chén Měi) é unha violinista británica. Os seus álbums venderon varios millóns de copias, facéndoa a artista de menos de 30 anos máis rica do Reino Unido en 2006. Competiu en esquí alpino como Vanessa Vanakorn (en ; apelido do seu pai) por Tailandia nos Xogos Olímpicos de Inverno de 2014. Inicialmente prohibíronlle esquiar porque unha carreira de cualificación no seu beneficio foi considerada corrupta, mais a Corte de Arbitraxe do Deporte anulou a prohibición citando falta de evidencia de mala praxe ou de manipulación. A Federación Internacional de Esquí posteriormente tivo que publicar unha desculpa.

Traxectoria Primeiros anos Vanessa-Mae naceu en Singapur, filla de Pamela Soei Luang Tan, singapurana, e Vorapong Vanakorn, tailandés. Despois de ser adoptada por un pai británico, mudouse a Londres con catro anos e alí comezou a tocar o violín, tras iniciarse no piano en Singapur. Con oito anos embarcouse nun período intensivo de estudo co profesor Lin Yao Ji no Conservatorio Nacional de Música de Pequín. Vanessa-Mae volveu a Londres e entrou no Royal College of Music.

Carreira musical miniatura|180px|Vanessa-Mae en 2004 Aos trece anos, Vanessa-Mae converteuse na solista máis nova en gravar concertos de violín de Beethoven e Chaikovskii, segundo o Guinness World Records.

O seu primeiro álbum de estilo pop, The Violin Player, foi publicado en 1995. En 1997 participou no álbum de Janet Jackson The Velvet Rope tocando o violín na canción "Velvet Rope". A súa nai foi a súa representante ata que a despediu en 1999.

En xuño de 1999 actuou nos concertos Michael Jackson & Friends de Seúl e Múnic e o 7 de marzo de 2002 interpretou unha variación da Catro estacións de Antonio Vivaldi, "Verán: III. Presto", durante a cerimonia inaugural dos Xogos Paralímpicos de Inverno de 2002.

Vanessa-Mae gravou ocasionalmente as súas propias composicións. O seu álbum de 1997 China Girl: The Classical Album 2 incluíu dúas pezas en que aparecía acreditada como autora, "Violin Fantasy on Puccini's 'Turandot" e "Reunification Overture", sobre a reunificación da China e Hong Kong.

En 2017, ClassicFM compilou unha listaxe dos 300 álbums clásicos máis vendidos nos seus 25 anos. Vanessa-Mae apareceu tres veces, con The Classical Album 1 (posto 244), Storm (135) e The Violin Player (76). A páxina web indica que as súas vendas totais fan dela a "violinista solista máis vendedora da listaxe".

Carreira no esquí miniatura|Vanessa-Mae en Southbank Centre, Londres, co facho olímpico, abril de 2008 Vanessa-Mae afirmou que "[comezou] a esquiar na mesma época en que comecei a tocar do piano, arredor dos catro anos, antes de cambiarme ao violín aos cinco", e que soñara con ser esquiadora desde os catorce. En 2009 Vanessa-Mae pasou a residir no resort alpino de Zermatt. En agosto de 2010 contou a The Telegraph: "son británica, mais de xeito realista non hai forma de poder representar o meu país, mais coomo o meu pai biolóxico é tailandés, aceptáronme". Rexistrouse como esquiadora alpina tailandesa.

En 2014, Tailandia non tiña esquiadores alpinos entre os 500 mellores e as regras olímpicas permitían a estes países enviar un home e unha muller ao slálom e ao slálom xigante olímpicos, en base a criterios alternativos: o esquiador debía ter 140 puntos ou menos, sendo mellores as puntuacións máis baixas segundo a Federación Internacional de Esquí (FIS), ademais de ter iniciado polo menos cinco probas de slálom xigante recoñecidas internacionalmente. A petición dos representantes de Vanessa-Mae e do Comité Olímpico Tailandés, organizouse un slálom xigante por parte do Club de Esquí Alpino de Triglav os días 18 e 19 de xaneiro de 2014 en Krvavec, Eslovenia, que sería a última oportunidade de que Vanessa-Mae acadase a puntuación recoñecida pola FIS para optar aos Xogos Olímpicos de febreiro de 2014. O evento incluíu un campionato nacional júnior, no que ela tiña 14 anos máis que calquera das outras participantes.

O evento situou a súa puntuación media menor aos 140 puntos, baixando de 269,44 o 11 de xaneiro a 131,15 a finais do 19 de xaneiro. O seu representante Giles Holland dixo: "Parece que o fixo. Por un chisco, pero fíxoo". A FIS confirmou a súa elixibilidade para competir nos Xogos Olímpicos de 2014, con Ana Jelusic da FIS mencionando que os resultados de Krvavec "cumpren todos os requisitos".

Foi unha dos dous esquiadores alpinos que representaron a Tailandia nos Xogos Olímpicos de inverno de 2014, onde competiu co nome de Vanessa Vanakorn (วา เน ส ซ่า เม ย์ ตัน วรรณ กร; Vanessa May Tan Vanakorn). O 18 de febreiro de 2014, Vanakorn finalizou 67.ª das 90 esquiadoras, cun tempo de 1:44.86 na súa primeira carreira no slálom xigante, a 26.98 segundos da líder. Comezou na posición 87, representando a súa posición relativa na clasificación mundial.Sportsnet, Women's Giant Slalom – run 1, emisión: 18 de febreiro de 2014 @ circa 2:00AM EST (vídeo) Na segunda carreira tivo un tempo de 1:42.11, a 24.21 segundos da primeira. Comezou 74.ª na segunda carreira, a última titular.Sportsnet, Women's Giant Slalom – run 2, emisión: 18 de febreiro de 2014 (vídeo) Ao final do evento, tivo un tempo total de 3:26.97, a 50.10 segundos da gañadora da medalla de ouro, Tina Maze, de Eslovenia. Foi a última das 67 esquiadoras que finalizaron, aínda que outras 23 non lograron completar a proba.

Vanakorn volveu a esquiar en 2017 nun intento de cualificarse para os Xogos de 2018. Debido a unha lesión no ombreiro retirouse en xaneiro de 2018 e o posto de Tailandia pasou a Alexia Arisarah Schenkel, de 21 anos.

Discografía Violin (1990) Kids' Classics (1991) Tchaikovsky & Beethoven Violin Concertos (1991) The Violin Player (1995) The Classical Album 1 (1996) China Girl: The Classical Album 2 (1997) Storm (1997) The Original Four Seasons and the Devil's Trill Sonata: The Classical Album 3 (1999) Subject to Change (2001) Choreography (2004)

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas Páxina oficial

Categoría:Nados en Singapur Categoría:Nados en 1978 Categoría:Violinistas de Singapur Categoría:Violinistas de Inglaterra Categoría:Deportistas de Tailandia Categoría:Esquiadores alpinos olímpicos Categoría:Deportistas nos Xogos Olímpicos de Inverno de 2014 Categoría:Ingleses de ascendencia chinesa