Este artigo trata dos medicamentos contra o ardor de estómago que neutralizan os ácidos; non confundir coa terapia de protectores do estómago que reduce a produción de ácidos polo estómago cun inhibidor da bomba de protóns ou un antagonista do receptor H2. miniatura|Tabletas antiácidos de carbonato de calcio.
Un antiácido é unha substancia que neutraliza a acidez estomacal e utilízase para aliviar a ardentía ou ardor de estómago, a indixestión, ou o malestar de estómago. Algúns antiácidos utilizáronse no tratamento do estrinximento e a diarrea. Os antiácidos comercializados conteñen sales de aluminio, calcio, magnesio ou sodio. Un exemplo é o bicarbonato de sodio. Algunhas preparacións conteñen unha combinación de dous sales, como o carbonato de magnesio e o hidróxido de aluminio (por exemplo, hidrotalcita).
Usos médicos
Os antiácidos poden comprarse sen receita e tómanse por vía oral para aliviar rapidamente as ardentías estomacais ocasionais, que son o principal síntoma da enfermidade de refluxo gastroesofáxico e a indixestión. O tratamento só con antiácidos é sintomático e só está xustificado para síntomas menores. Usos alternativos para os antiácidos son o estrinximento, a diarrea, a hiperfosfatemia e a alcalinización urinaria. Algúns antiácidos utilízanse tamén como auxiliares na terapia de substitución de encimas pancreáticos no tratamento da insuficiencia pancreática exócrina.
Os antiácidos non particulados (citrato de sodio) incrementan o pH gástrico (fano máis básico) con pouco ou ningún efecto sobre o volume gástrico e, polo tanto, poden ter algúns usos limitados en procedementos preoperatorios. O citrato sódico debería darse unha hora antes da cirurxía para que sexa máis efectivo.
Efectos colaterais As tabletas efervescentes convencionais conteñen unha cantidade significativa de sodio e están asociados cun incremento das probabilidades de episodios cardiovasculares adversos segundo un estudo de 2013. As formulacións alternativas libres de sodio que conteñen sales de magnesio poden causar diarrea, mentres que as que conteñen calcio ou aluminio poden causar estrinximento. O uso a longo prazo de antiácidos que conteñen aluminio pode incrementar o risco de desenvolver osteoporose. En estudos in vitro atopouse un posible rebote ácido que ocorre por un uso excesivo de antiácidos: porén, a importancia deste descubrimento foi posta en cuestión.
Propiedades dos antiácidos Cando se produce unha cantidade excesiva de ácidos no estómago, pode degradarse a barreira mucosa natural que protexe a parede interna do estómago, orixinando dor e irritación. Existe tamén a posibilidade de desenvolver refluxo ácido, que pode causar dor e danos ao esófago. Os antiácidos conteñen ións alcalinos que neutralizan quimicamente o ácido gástrico (HCl) do estómago, reducindo os danos nas paredes internas do estómago e no esófago e aliviando a dor. Algúns antiácidos tamén inhiben a pepsina, un encima que pode danar o esófago no refluxo ácido.
Os antiácidos non inhiben directamente a secreción ácida, e niso son distintos dos fármacos redutores da produción de ácido (ás veces chamados protectores do estómago) como os antagonistas do receptor H2 ou os inhibidores da bomba de protóns. Os antiácidos non matan a bacteria Helicobacter pylori, que causa a maior parte das úlceras gástricas.
Tipos
Os antiácidos clasifícanse principalmente en dúas categorías:
Antiácidos sistémicos (absorbibles): son hidrosolubles e absórbense sistemicamente pasando á circulación sanguínea. Por exemplo o bicarbonato de sodio ou o citrato de sodio. Antiácidos non-sistémicos (non se absorben): son insolubles e non se absorben nin pasan ao torrente sanguíneo. Só actúan no estómago. Por exemplo o carbonato de magnesio ou o carbonato de calcioMrlabTest - Antacids. URL: https://www.mrlabtest.com/medication/antacids.htm. Consultado o 27 de novembro de 2024.
Interaccións miniatura|Imaxe da quelación de metais da tetraciclina, onde 'M' é un metal como os que conteñen os antiácidos. Oa antiácidos interaccionan con varios medicamentos de administración oral, como os antibióticos fluoroquinolona e tetraciclina, o ferro, o itraconazol e a prednisona. A quelación de metais é a responsable dalgunhas destas interaccións (por exemplo coas fluoroquinolonas e tetraciclinas), orixinando unha diminución da absorción do fármaco quelado. Algunhas interaccións poden deberse ao incremento de pH observado no estómago despois da dixestión de antiácidos, o que produce un incremento da absorción de ácidos débiles, e unha diminución da absorción de bases débiles. Os antiácidos tamén causan un incremento do pH da urina (alcalinización), que pode causar un incremento da concentración sanguínea de bases débiles, e un incremento da excreción de ácidos débiles.
Un método proposto para mitigar os efectos da acidez estomacal e a quelación na absorción de fármacos é espazar a administración de antiácidos con medicamentos cos que interaccionan polo menos en dúas horas, aínda que este método non foi ben estudado para o caso de fármacos afectados pola alcalinización da urina.
Hai certa preocupación sobre as interaccións entre as tabletas de liberación retardada e os antiácidos, xa que os antiácidos poden incrementar o pH do estómago ata un punto en que se disolva a cuberta da tableta de liberación retardada, orixinando a degradación do fármaco se este é sensible ao pH.
Formulacións Os antiácidos poden ser formulados con outros ingredientes activos como simethicone para controlar o gas, ou ácido alxínico para actuar como barreira física para os ácidos.
Líquidos No mercado hai varias preparacións líquidas de antiácidos. As máis comúns son as de leite de magnesia e combinacións de magnesio/aluminio. Unha posible vantaxe de usar unha preparación líquida sobre unha tableta é que os líquidos poden proporcionar un alivio máis rápido, aínda que isto pode ter unha duración máis curta.
Tabletas
Tabletas mastigables As tabletas mastigables son unha das formas máis comúns de presentación dos antiácidos, as máis das veces feitos de sales de carbonato ou hidróxido, e poden comprarse sen receita. Unha vez que chegan ao estómago, os sales de antiácido únense a ións hidronio (H+), producindo sales de cloruro, dióxido de carbono e auga. Esta proceso reduce a concentración de ións H+ no estómago, elevando o pH e neutralizando o ácido. Sales de carbonato comúns dispoñibles en tabletas inclúen os de calcio, magnesio, aluminio e sodio.
Algunhas marcas comúns son Tums, tabletas mastigables Gaviscón, e tabletas mastigables Maalox.
Tabletas efervescentes As tabletas efervescentes son tabletas que se deseñan para disolverse en auga, e despois liberan dióxido de carbono. Ingredientes comúns son o ácido cítrico e o bicarbonato de sodio, que reaccionan cando están en contacto coa auga para producir dióxido de carbono. Os antiácidos efervescentes poden tamén conter aspirina, carbonato de sodio ou ácido tartárico. Os que conteñen aspirina poden causar irritación gástrica e ulceración debido aos efectos da aspirina sobre a membrana mucosa do estómago.
Nomes de marcas Algunhas marcas de aniácidos son Alka-Seltzer, Gaviscón, Tums, Gelusil e Eno.
Notas