Miguel Corral Torreira, nado na Coruña o 10 de xullo de 1991, é un adestrador de fútbol galego que dende 2026 adestra o Mochudi Centre Chiefs, da Premier League de Botswana.
Traxectoria Nacido na Coruña, comezou a xogar ao fútbol como porteiro no equipo do seu colexio, o Liceo La Paz, co que gañou a fase coruñesa da Copa Coca Cola no ano 2006. Máis tarde pasou pola canteira do Ural e na tempada 2008/09 formou parte do equipo xuvenil do Racing de Ferrol na División de Honra. Chegou a ser convocado pola selección galega sub-18.
Os seus inicios como adestrador datan da súa etapa no Ural, onde comezou adestrando o equipo pre-benxamín. Dirixiu ás diferentes categorías inferiores do club, e tamén ao equipo cadete do Montañeros, antes de poñerse na tempada 2012/13 á fronte do primeiro equipo do Curtis, na Segunda Autonómica. A continuación adestrou durante tres anos o Abellá, co que conseguiu o ascenso á Primeira Autonómica na súa primeira campaña. Entre 2017 e 2019 dirixiu o Olímpico de Rutis, tamén en Primeira Galicia, antes de regresar ao Ural, onde colleu as rendas do conxunto xuvenil da División de Honra.
Tras tres anos no Ural, en 2022 puxo rumbo a Panamá, onde ingresou no Herrera FC, da Primeira División de Panamá, como segundo adestrador do cántabro Manu Calleja, exercendo tamén en primeiro adestrador do equipo reserva, conxunto sub-20 da liga Prom de Panamá para equipos filiais. O 22 de setembro de 2022, tras a destitución de Manu Calleja, foi nomeado adestrador interino do primeiro equipo, ao que dirixiu durante dous partidos, conseguindo unha vitoria fronte ao líder Árabe Unido adestrado pola lenda panameña Julio Dely Valdés.
O 21 de decembro de 2022, o Herrera anunciou a Miguel Corral como adestrador principal do club para o Torneo Apertura de 2023. Foi elixido tres veces mellor adestrador da xornada, nunha campaña que culminou coa clasificación do equipo para os playoffs, onde foron eliminados polo subcampión, o Tauro FC. O club renovou o seu contrato para o Torneo Clausura de 2023, no que se volveu clasificar para os playoffs, caendo ante o Sporting San Miguelito de David Dóniga. Con todo, o Herrera rematou cuarto na clasificación combinada de ambos torneos con 50 puntos.
O 25 de novembro de 2023, deixou o club e a provincia de Herrera, fichando dous días despois polo Umecit, da localidade de Ernesto Córdoba Campos. Dirixiu o club durante os torneos Apertura e Clausura de 2024, acabando en ambas ocasións na cuarta praza da Conferencia Oeste. O 31 de decembro de 2024, o club renovou o seu contrato para o torneo Apertura de 2025, pero acabou deixando a entidade en abril de 2025.
Despois de saír de Panamá, recalou no Estado indio de Kerala, onde en agosto de 2025 foi presentado como novo adestrador do Malappuram FC, da Superliga de Kerala Neste club dirixiu a xogadores como o arxentino Facundo Ballardo, os vascos Aitor Aldalur, Xiker e Sergio González, ou Roy Krishna. capitán e máximo goleador histórico da selección fijiana. A pesar dos bos resultados, ocupando sempre posicións de play-offs, acabou deixando o club en novembro, antes do remate da tempada.
En xaneiro de 2026 foi anunciado como novo adestrador do Mochudi Centre Chiefs, da Premier League de Botswana.
Notas
Categoría:Nados en 1991 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia